Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 7 de agosto de 2014 Páx. 34124

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de xullo de 2014 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao no centro adscrito Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (Cesuga), da Universidade privada San Jorge, para o curso 2014/15.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de xaneiro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola comunidade autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

Mediante o Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, estableceuse a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e no seu capítulo VI dispúxose o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola comunidade autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e pola Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da comunidade autónoma farase por orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia, unha vez que emita informe o Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Mediante Decreto 34/2014, publicado o 18 de marzo de 2014 no Diario Oficial de Galicia, autorizouse a adscrición do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (Cesuga), á Universidade privada San Jorge, e a posta en funcionamento para o inicio de actividades universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O 9 de xullo de 2014 o reitor da Universidade San Jorge remite escrito de solicitude de autorización de implantación do grao en Arquitectura e do grao en Administración e Dirección de Empresas para o curso 2014/15 no Cesuga, acompañado dos informes finais favorables emitidos pola Aneca os días 8 e 9 de xullo.

En consecuencia, unha vez cumpridos os trámites preceptivos e oído o Consello Galego de Universidades no Pleno extraordinario do 11 de xullo de 2014,

DISPOÑO:

Artigo 1

Autorizar a implantación para o curso 2014/15 no Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, S.L.(Cesuga), como centro adscrito á Universidade San Jorge, as seguintes ensinanzas universitarias oficiais:

1. Grao en Administración e Dirección de Empresas.

2. Grao en Arquitectura.

Artigo 2

Logo de ser autorizado a implantar as ensinanzas universitarias, o Cesuga quedará obrigado a adoitar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis aló dun curso académico.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria