Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Luns, 4 de agosto de 2014 Páx. 33502

IV. Oposicións e concursos

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2014 polo que se anuncia convocatoria para a elaboración da lista de espera de profesorado de Aloxamento (Técnicas de Instalacións), de Dirección Estratéxica e de Francés.

A Axencia Turismo de Galicia anuncia, mediante concurso-oposición, a convocatoria para a elaboración de lista de espera de profesor/a de Aloxamento (Técnicas de Instalacións), profesor/a de Dirección Estratéxica e profesor/a de Francés, para o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, conforme o regulado na Normativa para a selección de persoal docente do antedito centro.

a) Convocatoria:

As funcións principais son, entre outras e baixo a dirección e supervisión do responsable do departamento: deseño das materias relacionadas coa formación da área (incluíndo elaboración do material, impartición de clases e avaliación de alumnos).

Requisitos mínimos:

1. Ter nacionalidade española.

– Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

– Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais asinados pola Unión Europea e ratificado por España, sexa de aplicación á libre circulación de traballadores.

– Calquera que sexa a súa nacionalidade, tamén poderán participar os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da antedita idade dependentes.

–Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

2. Ter cumpridos dezaseis anos e non exceder, se é o caso, a idade máxima de xubilación forzosa, con base no disposto no artigo 56.1 c) da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do emprego público.

3. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

4. De conformidade co artigo 56.1 d) da Lei 7/2007, do 12 de abril, non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin estar en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para acceso a corpo ou escala de funcionario, o para exercer funcións similares ás desempeñadas no caso de persoal laboral, no cal fose separado ou inhabilitado. En caso de ser nacional doutro Estado, non estar inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

Titulación mínima:

– Profesor/a de Aloxamento (Técnicas de Instalacións).

Enxenaría ou arquitectura técnica. Polo que respecta aos títulos de diplomado, licenciado, doutor e outros, obtidos no estranxeiro, deberán estar convenientemente validados.

– Profesor/a de Dirección Estratéxica.

Licenciatura ou grao nalgunha das áreas: A.D.E./CC. Empresariais, CC. Económicas ou Márketing. Polo que respecta aos títulos de diplomado, licenciado, doutor e outros, obtidos no estranxeiro, deberán estar convenientemente validados.

– Profesor/a de Francés.

Licenciatura ou grao específico en idioma francés. Polo que respecta aos títulos de diplomado, licenciado, doutor e outros, obtidos no estranxeiro, deberán estar convenientemente validados.

b) Desenvolvemento do proceso.

As bases e a normativa polas que se rexerán os procesos poderán recollerse no Rexistro do Centro Superior de Hostalaría de Galicia ou na páxina web www.cshg.es

c) Lugar e prazo de presentación de solicitudes:

As solicitudes, dirixidas á xerente da Axencia Turismo de Galicia, presentaranse no seguinte enderezo: estrada Santiago-Noia, km 3, 15896 Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de régime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, indicando no sobre a referencia do posto.

2008-30010 profesor/a de Aloxamento (Técnicas de Instalacións).

2013 30010 profesor/a de Dirección Estratéxica.

2011 30010 profesor/a de Francés.

En caso de que o envío sexa a través dun medio distinto do Rexistro da Axencia, o candidato deberá enviar, no mesmo día, copia selada do rexistro que corresponda ao correo electrónico cshg@xunta.es. Sen a concorrencia de ambos os dous requisitos, non será admitida a solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2014

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia