Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 28 de xullo de 2014 Páx. 32470

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 21 de xullo de 2014 pola que se regula o outorgamento dos premios do xogo de bingo tradicional.

O artigo 27.27 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas e, en virtude de tal atribución, aprobouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

En desenvolvemento da citada lei e no que respecta ao xogo do bingo, ditouse o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aprobou o Regulamento do xogo do bingo, que sería modificado parcialmente polo Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro, polo Decreto 113/2010, do 1 de xullo, e recentemente polo Decreto 61/2014, do 21 de maio, no que se diferiu a regulación de certos aspectos relacionados co xogo ao que se establecese mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

Así, en virtude da modificación realizada no Regulamento do xogo do bingo polo dito Decreto 61/2014, do 21 de maio, supedítase ao que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo, entre outras cousas, a porcentaxe de premios no xogo do bingo nas súas modalidades de bingo tradicional, simultáneo e electrónico e a cantidade que se distribuirá en premios en cada partida entre a liña, o bingo e a prima e a prima-plus, así como os límites do número de extraccións que resulten necesarias para obter estes premios.

En exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto a fixación das contías e das porcentaxes dos premios do xogo do bingo tradicional que se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, así como das extraccións necesarias para obter os ditos premios.

Artigo 2. Porcentaxe destinada a premios

A porcentaxe destinada a premios no xogo do bingo, na súa modalidade de bingo tradicional, será do 70 % das cantidades xogadas.

Artigo 3. Contía dos premios

1. A cantidade que se distribuirá en premios en cada partida consistirá no 70 % do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos nela e a súa contía determinarase da seguinte forma:

a) Liña. A contía do premio da liña será a que resulte de detraer o 5 % do valor facial dos cartóns vendidos en cada partida.

b) Bingo ordinario. A contía do premio do bingo ordinario será a que resulte de detraer o 50 % do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos en cada partida.

c) Prima. A contía do premio da prima será a que resulte de detraer o 15 % do valor facial dos cartóns vendidos en cada partida.

Artigo 4. Premio da prima

1. A dotación do premio da prima será dividida en dúas categorías de premio denominados prima e prima-plus.

2. A distribución da porcentaxe da prima entre o premio da prima e o premio da prima-plus estará sometida ás seguintes regras:

a) O premio da prima estará dotado dun 12 % e o da prima-plus dun 3 %.

b) No premio da prima-plus dotarase o 80 % do seu importe para o premio en xogo ata alcanzar o seu importe máximo determinado mentres que o 20 % restante constituirá a reserva, que pasará integramente a constituír a dotación inicial do novo premio de prima-plus.

c) O premio de prima será outorgado á persoa ou persoas que completen e canten o bingo ordinario co número de extraccións menor ou igual ao fixado pola sala, que non poderá ser inferior a 40, a partir da partida inmediata posterior a aquela en que se alcanzase o importe ou contía mínima necesaria para obter o premio.

No suposto de que o premio de prima non fose adxudicado por superarse o número de extraccións fixado inicialmente, este incrementarase nunha unidade de extracción en cada unha das partidas posteriores ata que se produza a adxudicación.

O premio de prima-plus será outorgado á persoa ou persoas que completen e canten o bingo co número de extraccións menor ou igual ao fixado pola sala, que non poderá ser inferior a 38.

No suposto de que o premio de prima-plus non fose adxudicado por terse superado o número de extraccións fixado e unha vez alcanzada a contía máxima, este incrementarase nunha unidade de extracción diaria en cada unha das sesións de xogo posteriores ata que se produza a adxudicación e as detraccións adicionais destinaranse na súa totalidade a constituír o importe do novo premio de prima-plus.

O número de extraccións necesarias para cada sesión anunciarase ao comezo de cada unha das partidas sucesivas.

d) A cantidade máxima que se outorgará polo premio da prima será determinada por cada sala no momento de fixar o número de extraccións para este premio e terá como límite máximo a contía de 1.500 €.

A cantidade máxima que se outorgará polo premio da prima-plus será determinada por cada sala e terá como límite máximo a contía de 15.000 €.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o primeiro día do mes seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza