Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 24 de xullo de 2014 Páx. 32334

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 91/2014, do 17 de xullo, polo que se modifica o Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 44.4 establece que a facenda da Comunidade Autónoma está constituída, entre outros rendementos, polos procedentes da prestación de servizos directos pola Comunidade Autónoma, sexan de propia creación ou como consecuencia de traspasos de servizos estatais. Pola súa vez, a Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, pronúnciase no mesmo sentido.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, no título I, ámbito competencial e organización xeral da consellería, artigo 1, recolle, entre outras, como competencias da Consellería de Traballo e Benestar os servizos sociais, incluíndo as políticas de familia e menores.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu capítulo 2, título II, o réxime xeral de xestión, recadación e recursos en materia de prezos públicos. O artigo 47 da mencionada lei sinala que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería da que dependa o órgano ou entidade oferente.

A Consellería de Traballo e Benestar, con base no exercicio das súas competencias relativas ao desenvolvemento das políticas autonómicas en materia de apoio á familia e á infancia, xestiona unha rede de escolas infantís 0-3, que se configura como un instrumento clave tanto para a compensación de desigualdades de carácter persoal e social dos nenos e das nenas durante a primeira infancia como para o apoio das familias no exercicio das súas funcións.

Ao abeiro destas competencias publícase o Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería.

O Plan para a dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020, aprobado no Parlamento de Galicia o 8 de abril de 2013, constata unha situación estrutural de decrecemento poboacional constante e un preocupante horizonte demográfico sobre o cal cómpre actuar de maneira eficaz, sustentable e coordinada, mediante un conxunto de estratexias de carácter transversal que teñen como obxectivo a rexeneración demográfica.

Dentro das actuacións previstas neste plan recóllense as destinadas a apoiar as familias e especialmente aquelas persoas que deciden ter dous ou máis fillos por seren estas familias as que facilitan a remuda xeracional establecido en 2,1 fillo por muller en idade fértil.

No actual réxime de prezos, recóllense unha serie de descontos destinados a favorecer as familias numerosas, as familias monoparentais e aquelas que escolaricen no mesmo centro a máis dunha filla ou dun fillo, aspecto no que é preciso afondar, á luz do espírito deste plan, mediante medidas concretas de apoio a estas familias e tamén a aquelas que deciden ser familias acolledoras dunha ou dun menor tutelada ou tutelado pola Xunta de Galicia.

Con esta modificación a actualización anual dos prezos realizarase no mes de xaneiro anterior ao inicio do curso escolar. Con ela preténdese, ademais, buscar un apoio real para as familias cuxa renda per cápita sexa igual ou inferior aos 7.500 euros anuais, eximindo aquelas que teñen máis dun fillo ou filla na mesma escola e as acolledoras do pagamento da cota correspondente.

O decreto estrutúrase nun único artigo, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

Por todo o que antecede, en virtude das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezasete de xullo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería

O Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, queda modificado como segue:

Un. O artigo 1 queda redactado como segue:

«Apróbanse as contías dos prezos públicos correspondentes aos servizos prestados nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar que figuran no anexo do presente decreto.

Os prezos públicos establecidos no anexo actualizaranse cada curso escolar na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice de prezos de consumo (IPC) para a Comunidade Autónoma de Galicia no mes de xaneiro anterior ao do curso escolar en que se pretenda que produza efectos, mediante resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, do órgano de dirección competente en materia de familia e infancia».

Dous. Engádese un novo punto ao anexo, que queda redactado nos seguintes termos:

«5. Exencións de pagamento.

a) As familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais gozarán da exención total da cota a partir da segunda filla ou fillo que acuda á mesma escola infantil.

b) As familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda gozarán, así mesmo, da exención total da cota».

Disposición adicional única. Aplicación das exencións da cota

As exencións da cota reguladas no presente decreto serán de aplicación a partir do curso 2014/15.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a persoa titular da consellería con competencias en materia de familia e infancia para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xullo de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar