Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Luns, 21 de xullo de 2014 Páx. 31854

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de inscrición de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, en diversas categorías de xestión e servizos.

Mediante Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 17 de xuño de 2013 (DOG nº 120, do 26 de xuño) abriuse o prazo para a inscrición de aspirantes en listas para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, nas categorías de grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa e enxeñeiro/a técnico/a.

Na dita resolución prevese unha xeración de listas coas persoas inscritas ata a data do 26 de xullo de 2013 que cumpran os requisitos determinados na anterior resolución.

Mediante Resolución do 4 de marzo de 2014 (DOG nº 50, do 13 de marzo) publicáronse as listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as.

Finalizado o prazo de emenda previsto nesta resolución, esta dirección, de conformidade coa base sétima da Resolución do 17 de xuño de 2013, de inicio do prazo de inscrición,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación definitiva de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de inscrición de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, nas categorías de grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa e enxeñeiro/a técnico/a, iniciado pola Resolución do 17 de xuño de 2013.

Segundo. A lista definitiva de excluídos/as e a lista definitiva de admitidos/as coa asignación da puntuación provisional e máis o número de orde acadados atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde
(www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade coa base sétima da Resolución do 17 de xuño de 2013, contra a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Cuarto. De conformidade coa antedita base, as persoas admitidas, con respecto aos resultados da baremación, poderán presentar reclamación ante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e direccións con competencias en xestión do persoal no suposto de entidades adscritas á Consellería de Sanidade, no prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As reclamacións presentadas entenderanse estimadas ou desestimadas na resolución pola que se publiquen as puntuacións e a orde de prelación definitivas.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2014

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos