Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Mércores, 16 de xullo de 2014 Páx. 31334

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se fai pública a minoración do importe existente para a concesión de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas para o ano 2014, convocadas pola Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración.

No Diario Oficial de Galicia núm. 39, do 26 de febreiro de 2014, publicouse a Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

A convocatoria, no seu artigo 2, destina un crédito total para esta finalidade de 197.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0. dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

No parágrafo terceiro do devandito artigo 2, establécese que rematado o primeiro semestre do ano sen ter sido tramitadas solicitudes para poder adxudicar o 50 % do crédito previsto, este poderá reducirse ata o 50 % para poder atender outros fins, logo da correspondente resolución do secretario xeral da Emigración, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Como queira que, unha vez rematado o primeiro semestre do ano 2014, non foron tramitadas solicitudes para poder adxudicar o 50 % do crédito previsto, cómpre minorar o importe da contía inicial prevista na devandita resolución.

Por todo o exposto e no exercicio das competencias atribuídas polo Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLVO:

Artigo único.

1. Para o exercicio orzamentario 2014 minórase en 98.500 € o importe da contía inicial prevista no artigo 2 da Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

2. Esta modificación non afecta os prazos para a presentación de solicitudes establecidos na dita resolución de convocatoria nin tampouco o resto do seu articulado.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2014

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración