Con data do 4 de xuño de 2014, o presidente de Portos de Galicia, ao abeiro do establecido no artigo 40.2.a) do Decreto 130/2013, do 1 de agosto, polo que se regula a explotación dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, acordou incoar expediente de caducidade da autorización temporal de atracada número P1-07D, da que é titular José Luis López Gabeiras.
A instrución recae en Jesús Javier Fernández Barro, xefe da División Xurídica de Portos de Galicia, con domicilio para efectos do presente expediente na Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, de Santiago de Compostela, e cuxo réxime de abstención e recusación é o consignado nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Intentada a notificación do acordo de incoación do expediente de caducidade no enderezo que consta no expediente, sito en Santa Bárbara, 26, 4º C de Ares, provincia da Coruña, a través do servizo de Correos, e ao non ser posible a súa práctica, de conformidade co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, notifícase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de edictos do Concello de Ares o presente acordo de incoación de expediente de caducidade da autorización temporal de atracada.
O expediente incóase pola concorrencia da causa de caducidade prevista no artigo 40.1.b) do Decreto 130/2013, por estaren pendentes de aboamento en período executivo as liquidacións da taxa portuaria X-5, embarcacións deportivas e de lecer, correspondentes á totalidade dos anos 2009, 2010, 2011 e 2012.
Contra o acordo de incoación poderanse formular alegacións perante o instrutor designado no expediente, e para estes efectos outórgase un prazo máximo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de edictos do Concello de Ares.
De acordo co artigo 40.1.c) do Decreto 130/2013, de efectuarse o aboamento das liquidacións pendentes en vía de constrinximento antes de que se dite resolución que poña fin ao expediente, procederase ao seu arquivamento. Para proceder a aboar as ditas cantidades, poderase poñer en contacto co Departamento de Contabilidade e Tesouraría de Portos de Galicia no número de teléfono 981 54 53 41.
E para que conste e sirva de notificación, e en cumprimento do disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, expido, asino e selo a presente cédula.
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2014
José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia