Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 7 de xullo de 2014 Páx. 30187

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética na industria e servizos para o ano 2014 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) xa contén na súa lei de creación –Lei 3/1999, do 11 de marzo– unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada mediante o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente recolle a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

A Xunta de Galicia, mediante o desenvolvemento do Plan Impulsa-Lugo, do Plan Impulsa-Ourense, do Plan Ferrol, Eume e Ortegal e do Plan Revive Costa da Morte pretende impulsar o crecemento e a creación de riqueza nos concellos comprendidos nos devanditos plans. Dada a situación económica actual, en que as provincias de Lugo e Ourense e os concellos de Ferrolterra e da Costa da Morte se viron afectados con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes, así como unha menor implantación de novas iniciativas empresariais, considérase fundamental que o Inega conceda unha puntuación adicional ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten o aforro e eficiencia enerxética en empresas do sector industrial e servizos.

A dotación da presente convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2014 ascende a 1.667.808,36 euros, coa seguinte distribución e procedencia: 416.889,04 euros de fondos propios; 809.282,09 euros de fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013; 202.320,40 euros de fondos de compensación interterritorial que cofinancian e 239.316,83 euros de fondos de compensación interterritorial libres para o mesmo exercicio.

Trátase de actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia encadradas no eixe 4, tema prioritario 43, actuación 2 do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, referido ao programa de axudas públicas para o uso racional da enerxía, e coa taxa de cofinanciamento Feder do 80 %.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética e convocar todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas bases reguladoras:

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións ás actuacións e proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector industrial e servizos que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

2. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro); Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro); Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e ao Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes (DOG nº 241, do 17 de decembro).

3. Dado que a liña de axudas recollida na presente resolución conta con financiamento comunitario procedente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feader) –no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013– respectarase o previsto no Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1260/1999, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE) L210 do 31.7.2006, e na súa normativa de desenvolvemento, ademais dos regulamentos comunitarios en materia de información e publicidade.

4. As axudas recollidas nestas bases intégranse no réxime de axudas de minimis, establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, de 24 de decembro de 2013).

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

1. Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 5 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez que se teña efectuado a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 21.

2. O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable deberá ser de 6.000 euros por actuación. Un proxecto pode incluír varias das actuacións que se indican no artigo 5.

3. Para todos os efectos destas bases, considérase proxecto o conxunto de actuacións que unha empresa leve a cabo nunha mesma localización. Para cada proxecto procede unha única solicitude de axuda e a puntuación será conxunta para todas as actuacións subvencionables.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan imputaranse á seguinte aplicación orzamentaria:

Sector

Código

Concepto

Total fondos

Aplicación orzamentaria

Industria e servizos

IN417Y

Proxectos de aforro e eficiencia enerxética

1.667.808,36 euros

08.A2.733A.770.0.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, se ben cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 14 destas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.es), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector servizos e da industria (sección C e D do CNAE-2009), coa excepción da industria extractiva enerxética, as de refinación do petróleo e biocombustible, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. O pagamento dos servizos que prestan as ditas empresas baséase na obtención de melloras de eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos. Contarase, en todo caso, con visto e prace do titular da instalación, por se der lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE, do 5 de abril, sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e para os efectos destas bases, entenderase por empresa de servizos enerxéticos aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no parágrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grao de risco económico ao facelo; todo isto, sempre que o pagamento dos servizos prestados se basee, xa sexa en parte ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións incluíndo a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible ou estimable.

2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto e pode dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Cando se trate de axudas de minimis non poderán ter a condición de beneficiarios as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis ou, se é o caso, no artigo 1 do regulamento sectorial que corresponda dos citados no parágrafo 4 do artigo 2 destas bases reguladoras.

Artigo 5. Gastos que se subvencionan

1. Considéranse custo elixible aquelas actuacións que poden ser obxecto de subvención, entendendo por tales as seguintes:

a) No sector industrial:

– Os investimentos en substitución ou mellora de equipamentos e instalacións consumidores de enerxía do proceso produtivo, así como dos sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, por equipamentos e instalacións que utilicen tecnoloxía de alta eficiencia ou a mellor tecnoloxía dispoñible. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 5 % respecto do consumo inicial.

– A renovación de equipamentos de instalacións existentes de produción de calor e frío destinadas a atender a demanda de benestar e hixiene das persoas por outras de alta eficiencia enerxética, seleccionados con base nun maior rendemento enerxético. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 20 % respecto do consumo inicial.

– A mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación interior existentes que leven asociada unha redución anual de, ao menos, un 40 % respecto ao consumo inicial en iluminación, garantindo un confort lumínico adecuado á tarefa que se vai realizar.

– Calquera outra actuación non incluída nos puntos anteriores que implique un aforro enerxético mínimo dun 20 % respecto do consumo inicial.

– Será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía. Sempre que vaia asociada a outras actuacións de aforro.

b) No sector servizos:

– A substitución de equipamentos para a produción de calor e/ou frío por outros seleccionados con base nun maior rendemento enerxético. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 20 % respecto do consumo inicial.

– A mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación interior existentes que leven asociada unha redución anual de, ao menos, un 40 % respecto ao consumo inicial en iluminación, garantindo un confort lumínico adecuado á tarefa que se vai realizar.

– Calquera outra actuación non incluída nos puntos anteriores que implique un aforro enerxético mínimo dun 20 % respecto do consumo inicial.

– Será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía sempre que vaia asociada a outras actuacións de aforro.

2. Os proxectos de aforro e eficiencia enerxética deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:

– Levar asociado o aforro enerxético mínimo requirido para cada proxecto segundo o indicado no punto 1 deste artigo. O dito aforro debe quedar xustificado na memoria técnica a que se fai referencia no artigo 8. Non se considerarán válidos para a xustificación os resultados de experiencias anteriores a menos que se presente a documentación que acredite tales aforros.

– No caso da renovación de instalacións de iluminación interior, deben cumprir cos valores (nivel de iluminación mantido sobre a área de traballo (Em) e índice unificado de cegamento (UGRL) que se definen na norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo), na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos a utilización de lugares de traballo e a norma UNE-EN 12193 (Iluminación. Iluminación de instalacións deportivas), se é o caso.

– Se a instalación está incluída no ámbito de aplicación do Documento HE3 (Eficiencia enerxética das instalacións de iluminación) do Código técnico da edificación, a nova instalación debe cumprir coas exixencias establecidas nel.

Para os cambios de equipamentos xeradores de calor en instalacións de auga quente sanitaria e climatización, os equipamentos novos que se instalan deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Naqueles casos nos que proceda, os equipamentos novos que se instalan deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 3,9, e un coeficiente de eficiencia enerxética en modo refrixeración (EER) igual ou superior a 3,5, nas condicións establecidas na norma UNE- EN 14511, sempre que os equipamentos estean incluídos no campo de aplicación da devandita norma. Excepcionalmente poderán subvencionarse equipamentos cuns coeficientes de rendemento menores sempre que se xustifique que non existe no mercado tecnoloxía dispoñible máis eficiente para esa solución particular.

b) No caso das caldeiras con potencia nominal inferior a 400 kW, terán como mínimo os seguintes rendementos:

Para caldeiras de gas:

– Rendemento a potencia útil nominal (Pn) en kW e a unha temperatura media da auga na caldeira de 70º C:

η ≥ 90 + 2 log Pn

– Rendemento a carga parcial de 0,3 Pn e a unha temperatura de retorno de auga a caldeira de 30º C:

η ≥ 97 + log Pn

Para caldeiras de gasóleo, as caldeiras estándar:

– Rendemento a potencia útil nominal (Pn) en kW e a unha temperatura media da auga na caldeira de 70º C:

η ≥ 90 + 2 log Pn

– Rendemento a carga parcial de 0,3 Pn e a unha temperatura media da auga na caldeira ≥ 50º C:

η ≥ 86 + 3 log Pn

c) No caso das caldeiras estándar con potencia nominal superior a 400 kW, cumprirán co rendemento exixido para as caldeiras de 400 kW.

Os proxectos que non cumpran cos estes requisitos técnicos mínimos non serán subvencionables.

Non se admitirán no orzamento partidas alzadas; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

3. Non serán subvencionables as seguintes actuacións:

– A rehabilitación da envolvente térmica dos edificios.

– Os sistemas de distribución de calor interior (tubaxes, emisores de calor …).

– A substitución de radiadores eléctricos portátiles.

– A instalación de sistemas/equipamentos que utilicen enerxías renovables, con excepción dos sistemas que utilicen biomasa e as bombas de calor que si serán subvencionables sempre que cumpran os demais requisitos.

– A iluminación de emerxencia, os rótulos lumínicos, a iluminación de sinalización, a iluminación en terrazas e xardíns, as instalacións deportivas ao aire libre e a iluminación de zonas exteriores en xeral.

– Os electrodomésticos (frigoríficos, fornos, cociñas, televisores, ordenadores …).

4. Considéranse custos subvencionables o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha.

5. Non se consideran custos subvencionables:

a) O proxecto de enxeñaría nin a obra civil, nin os gastos de legalización.

b) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ao existir cofinanciamento comunitario, ademais dos referidos supostos, observarase o disposto na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e do Fondo de Cohesión (BOE núm. 53, do 1 de marzo).

c) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

6. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.

7. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 6. Contía da axuda

A contía da subvención será do 30 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 200.000 euros por proxecto, agás para as empresas de transportes de mercadoría por estrada por conta allea, que será de 100.000 euros.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 7. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes serán subscritas directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados desde o seguinte a aquel en que publiquen as presentes bases no DOG.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) e na páxina web do Inega (www.inega.es) de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

4. A documentación complementaria indicada no artigo 8 destas bases presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

5. Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir mais información, o Inega pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 15 00 ou do enderezo de correo electrónico inega.info@xunta.es

Artigo 8. Documentación complementaria da solicitude

Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da documentación complementaria. Os documentos da solicitude deberán incluír unha parte administrativa (A) e unha parte técnica(B) que se describe a seguir:

A) Documentación administrativa:

Dentro da parte administrativa distinguirase a documentación común a todas as solicitudes (subepígrafe A.1.) e a específica en función do tipo de solicitante (subepígrafe A.2.).

A.1. Documentación que deben achegar todos os solicitantes:

1. Modelo de solicitude (anexo I).

2. Copia do DNI ou NIE do solicitante (persoa física), só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

A.2. Especificacións segundo o tipo de solicitante:

1. Autónomos:

No suposto de que quen presente a solicitude se defina como profesional autónomo a presentación da solicitude autorizará o órgano xestor para solicitar o certificado da AEAT en que se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas (IAE) en que figura dado de alta. De non dar a autorización para a comprobación do mencionado, deberá presentar o certificado que acredite a epígrafe en que está dado de alta.

2. Empresas:

a) Ten que presentar a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente no caso de que non autorice o órgano xestor para solicitar ao Rexistro Mercantil toda esa información.

Cando non estean obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

b) Se non teñen o domicilio social en Galicia, deberán acreditar, cando menos, a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar ademais:

a) Unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda.

b) Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

B) Documentación técnica. Consta de:

– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.es) subscrito por un técnico cualificado, onde se incluirá a xustificación do aforro de enerxía mínimo exixido para cada tipo de actuación. O incumprimento do contido mínimo desta memoria, poderá dar lugar á inadmisión a trámite desta solicitude.

– Fotografías da instalación actual.

– Documento o segundo modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.es) en que se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuel óleo, gasóleo,…) do período anual tomado como referencia.

– Plano de situación das instalacións no establecemento coa distribución dos equipamentos.

– Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo ou certificado).

Ademais, nos casos en que proceda tamén se debe achegar o seguinte:

– En todas as reformas de instalacións de iluminación, estudo lumínico das zonas que se van reformar identificando o programa de cálculo utilizado para a súa realización co obxecto de xustificar os valores que se indican no artigo 5.2. (Em e UGRL).

– Para as instalacións de iluminación que estean incluídas no ámbito de aplicación do documento HE3 (Eficiencia enerxética das instalacións de iluminación) do Código técnico da edificación, xustificación asinada por un técnico competente de que cumpren coas exixencias establecidas nel.

– Copia da auditoría enerxética que avale o proxecto presentado segundo a norma UNE 216501:2009.

– Certificado de ter implantado un sistema de xestión enerxética segundo a norma UNE-EN ISO 50001:2011.

– Documentación xustificativa do código CNAE da empresa, no caso das empresas e empresarios autónomos.

– Folla de características da caldeira onde deberán estar incluídos os rendementos requiridos.

– Certificado do coeficiente de rendemento (COP/EER) emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma UNE-EN 14511, para os equipamentos incluídos no ámbito de aplicación da dita norma (os que non estean incluídos teñen que xustificalo cun informe técnico do fabricante). Para os fabricantes asociados a Eurovent será suficiente con presentar a impresión da parte da base de datos en que figure a combinación unidade exterior-interior para a cal se solicita a axuda. Para os equipamentos con selo de calidade da EPHA (Asociación Europea de Bomba de Calor) será suficiente con achegar calquera documento que xustifique que o modelo ten dito selo en vigor.

– Valor do SPF (Prestacións medias estacionais) segundo a norma UNE-EN 14825:2012, UNE-EN 12309 ou documento «Prestaciones medias estacionales de las bombas de calor» elaborado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a través do IDAE.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvencións pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellaría competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. As solicitudes das persoas interesadas acompañaranse dos documentos e as informacións determinadas no artigo 8, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data, nº de expediente e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, o Inega publicará na súa páxina web oficial (www.inega.es) a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 10. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feder e, por tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que para o mesmo proxecto ou finalidade leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...).

2. Coa puntualización anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 17 destas bases reguladoras.

Artigo 11. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De non ser así, de conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, terase por desistido da súa petición e se arquivará o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellaría competente en materia de economía e facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 28.3 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 26.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e as entidades dela dependentes. De maneira que cando, existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que, de oficio ou por instancia do destinatario, se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A notificación do requirimento de emenda practicarase do seguinte xeito:

– Enviarase ao interesado, ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude, un aviso en que se lle indica a posta á súa disposición desta notificación.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante, desde a páxina web do Inega (www.inega.es).

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.es) acudindo á aplicación informática habilitada para estas axudas. Para poder realizala é imprescindible que o solicitante ou o representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 13. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O xerente do Inega.

b) O xefe da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética do Inega.

c) Un técnico do Inega.

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obteren a subvención, especificándose a puntuación que lles corresponde así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan. A comisión tamén poderá determinar unha puntuación por debaixo da cal considera inadecuado conceder a subvención.

4. A comisión de valoración poderá, con carácter xeral e para todos os proxectos presentados dentro dunha liña de axudas, establecer límites máximos de investimento subvencionable (custo elixible) naqueles conceptos en que xustificadamente o considere necesario, segundo o criterio de máxima eficiencia na asignación dos recursos.

5. Exceptuarase o sistema de valoración previsto no artigo seguinte cando os fondos dispoñibles sexan abondos para que perciban as axudas solicitadas todos os proxectos que foran admitidos a trámite e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Artigo 14. Criterios de valoración

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables.

Ademais do cumprimento das bases reguladoras, a valoración dos proxectos terá en conta os seguintes criterios:

1) Aforro e eficiencia enerxética: 45 %.

O aforro valorarase a partir do aforro mínimo exixible polas bases en cada actuación.

Estímase a porcentaxe de aforro respecto ao consumo enerxético do proceso ou equipamento antes da mellora proposta e valórase a razón de 1 punto por cada % de aforro ata un máximo de 40 puntos. En caso de varias actuacións nun mesmo proxecto, a valoración será a suma ponderada en función dos seus consumos iniciais.

A implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía valórase ata un máximo de 5 puntos adicionais.

2) Relación aforro anual/investimento elixible: 20 %.

Outórgase a puntuación máxima de 20 puntos a aqueles proxectos que obteñan valores de 5 kWh/€ ou superiores; os que teñan un rateo inferior puntuaranse proporcionalmente.

O aforro calcularase partindo da situación de consumo inicial e da situación de consumo final (despois do investimento).

3) Melloras ambientais adicionais ás derivadas do aforro enerxético: 15 %.

Outórgase a puntuación máxima de 15 puntos a aqueles proxectos que xustifiquen unha maior redución de emisións de CO2 adicionais ás derivadas do aforro enerxético. O resto de proxectos valoraranse proporcionalmente á redución de emisións adicionais xustificadas.

4) Existencia dunha auditoría enerxética que avale o proxecto presentado ou ter implantado un sistema de xestión enerxética : 15 %.

No caso de auditoría puntuarase ata un máximo de 7,5 puntos sempre e cando cumpran os requisitos da norma UNE 216501:2009 ou da UNE-EN 16247-1:2012 e no caso do sistema de xestión enerxética ata un máximo de 7,5 sempre que o teñan implantando segundo a norma UNE-EN ISO 50001:2011.

5) Co obxecto de potenciar e dinamizar as áreas específicas incluídas nos plans Impulsa Lugo, Impulsa Ourense, Plan Ferrol, Eume e Ortegal e Plan Revive Costa da Morte, os proxectos que se localicen nas zonas incluídas nestes plans terán unha valoración do 5 %.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. Elaborada a relación prevista no artigo 13.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de 10 días. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de dous (2) meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes ou, se for o caso, da súa emenda.

Se transcorrer o prazo sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, observarase o sinalado no artigo 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das resolucións de concesión da subvención poderase substituír a notificación individual pola publicación no DOG e na páxina web do Inega. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten a información detallada da resolución a través do taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas, desde a páxina web do Inega (www.inega.es).

5. Aquelas solicitudes que resulten seleccionadas e cuxos importes de axudas sexan aceptados polos beneficiarios pasarán a formar parte da lista pública prevista nos artigos 6 e 7.2. d) do Regulamento (CE) núm. 1828/2006, do 8 de decembro, da Comisión.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro do procedemento previsto nestas bases porán fin á vía administrativa e contra elas caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os xulgados competentes segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. O prazo de interposición é de dous (2) meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou ben de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Con carácter potestativo, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición perante o director do Instituto Enerxético de Galicia no prazo dun (1) mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no número seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. O beneficiario deberá solicitar, por medios electrónicos a través da aplicación informática, a modificación mediante instancia dirixida ao director do Inega acompañada da documentación presentada coa solicitude que se vexa afectada, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 18. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación ou publicación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 12.2 destas bases reguladoras.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Ademais, e posto que a convocatoria está dotada con fondos comunitarios, todo beneficiario someterase ás verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto no artigo 13 do Regulamento (CE) núm. 1828/2006, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello (DOUE L 371 do 27.12.2006) así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

d) Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos unha vez rematado o proxecto, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 57 do Regulamento (CE) núm. 1083/2006, polo que se fixan as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 210 do 31.7.2006) sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, manténdose o investimento sen modificacións substanciais.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a 5 anos, terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento ata que se cumpra este período.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, así como facilitar a «pista de auditoría». Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo.

g) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento CE núm. 1828/2006 da Comisión, tendo en conta as modificacións introducidas polo Regulamento (CE) núm. 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009.

Cando unha operación se financie no marco do Feder , o beneficiario asegurarase que as partes que interveñen na operación foron informadas de dito financiamento. O beneficiario anunciará claramente que a operación que se está executando foi seleccionada no marco dun programa operativo cofinanciado polo Feder.

Os beneficiarios das axudas, cando o investimento supere os 100.000 euros terán que colocar unha placa explicativa permanente de tamaño A4 de metacrilato ou outro material perdurable, exposta nun lugar visible. No caso de operacións de menor contía poderase substituír a placa por un adhesivo en que figure o logo, emblema da UE e lema Feder.

Porase a disposición dos interesados na páxina web do Inega (www.inega.es) un modelo orientativo do contido e da estrutura da información que se debe recoller de acordo co disposto na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-20013.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Os beneficiarios estarán obrigados a manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro deste convenio, de acordo co disposto no artigo 60 do Regulamento (CE) 1083/2006.

Artigo 20. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución total ou parcial da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de novembro de 2014.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarse de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.es).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 12.2 destas bases reguladoras.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 23. Documentación xustificativa do investimento

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación do proxecto.

2. Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que non se obtivese a autorización dentro do período de xustificación, si deberá terse solicitado xunto coa restante documentación do procedemento que corresponda (certificado da instalación rexistrado ou, se for o caso, copia da solicitude de rexistro onde figure o selo coa data de entrada e a memoria técnica da instalación).

O Inega comprobará a existencia da autorización ou da súa solicitude a través da xefatura territorial correspondente, non sendo preciso que o beneficiario achegue ningunha documentación polo beneficiario.

A data da autorización, inscrición ou a súa solicitude deberá estar comprendida dentro do período de execución dos investimentos, é dicir, a partir do día en que se presente a solicitude de axuda e ata aquel en que remate o prazo de xustificación.

Achegaranse copias dixitalizadas dos seguintes documentos:

A. Documentación xenérica:

a) Conta xustificativa composta de:

1º Xustificante do gasto mediante presentación de facturas desagregadas por conceptos ou unidades de obra. Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención) e en relación coas empresas ou entidades vinculadas co beneficiario, a subcontratación estará limitada polo disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, debendo concorrer as dúas circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

• Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

• Que se obteña a pertinente autorización por parte da dirección do Inega.

2º Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

• Xustificante bancario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamentoo, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

• Efectos mercantís que permitan o pago aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, recibo asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

• Naqueles casos en que os investimentos se fixesen mediante contratos de préstamo ou leasing, a axuda aplicarase á amortización anticipada parcial de préstamo/leasing, diminuíndo o principal pendente, tendo que acreditar o beneficiario a propiedade dos bens obxecto de leasing no prazo de xustificación final das subvencións.

Permítese o renting sempre que se prevexa no contrato a opción de compra.

• Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico nin os obtidos a través da Internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 21.

b) Sempre que o custo elixible sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 50.000 € (en concepto de execución de obra) ou a 18.000 € (cando se subministran bens ou se prestan servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica) o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega como mínimo o contido de tres ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as tres ofertas, pois o que debe achegarse é o orixinal ou copia compulsada do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non será necesario presentar as tres ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, e o beneficiario debe neste suposto, prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

c) Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados de que se atopa ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa administración da Comunidade Autónoma, deberá achegar estas certificacións.

B. Documentación técnica:

a) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme ao indicado na solicitude e na documentación inicial. Na páxina web do Inega (www.inega.es) estará dispoñible o modelo de declaración ao que se refire esta alínea.

De existiren modificacións no proxecto, deberanse indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

b) Fotografías dos equipamentos principais instalados no local.

c) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.es).

3. A falta de xustificación ou a xustificación insuficiente, así como a presentación da documentación xustificativa despois da data e do prazo que figuran no artigo 21, comportará, en función do suposto de que se trate, a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, sen prexuízo das demais responsabilidades previstas pola Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, os servizos técnicos do Inega poderán realizar unha inspección de comprobación material na cal certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado concesión de subvencións cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a xerencia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Xerencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a inega.info@xunta.es

Artigo 26. Xestión informática das axudas

Os beneficiarios poderán visualizar na aplicación informática- accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.es)- o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente.

Artigo 27. Perda do dereito a subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida así como os intereses de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial. Se a xustificación é igual ou superior ao 50 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para que se concedeu a axuda.

Artigo 28. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e as verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) núm. 1828/2006, que xa foron mencionadas na letra C) do artigo 19 destas bases.

Artigo 30. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de tres anos posteriores ao peche do programa operativo Feder-2007-2013 de Galicia, tal e como se define no artigo 89, número 3 do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello. Durante o dito prazo, os beneficiarios terán que conservalas e telas á disposición da Administración.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 31. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións publicarase no DOG a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no DOG, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

Artigo 32. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento desta lei, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, de 24 de decembro de 2013), e o resto da normativa que resulte de aplicación, no Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Regulamento xeral de fondos (modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009) no Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo (DOUE L 210/1, de 31 de xullo) e o resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file