Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 7 de xullo de 2014 Páx. 30156

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2014 pola que se designa a persoa titular da Área de Xestión para exercer a competencia da Dirección da Axencia nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do seu titular.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro), establece e regula as funcións e competencias da Dirección como órgano executivo da Axencia, pero non establece normas de suplencia do seu titular.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, dispón no seu artigo 74.2 que o réxime xurídico interno das axencias públicas autonómicas se regula polo dereito administrativo.

O artigo 12 da mesma norma sinala que os titulares dos órganos administrativos poderán ser suplidos temporalmente nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade por quen designe o órgano competente para o nomeamento daqueles. Se non se designa suplente, a competencia do órgano administrativo será exercida por quen designe o órgano administrativo inmediato superior de que dependa.

En virtude da Resolución do 1 de xullo de 2013, o presidente da Axencia Galega de Innovación designou a persoa titular da Área de Financiamento para exercer a competencia da Dirección da Axencia nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do seu titular.

Tendo en conta a modificación dos estatutos da Axencia, mediante o Decreto 15/2014, do 6 de febreiro, polo que se modifican os estatutos da Axencia Galega de Innovación e a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), resulta necesario actualizar a designación efectuada para o exercicio das competencias da Dirección nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade.

Por todo o que antecede,

DISPOÑO:

Designar a persoa titular da Área de Xestión para exercer a competencia da Dirección da Axencia nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do seu titular.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Resolución do 1 de xullo de 2013 (DOG núm. 136, do 18 de xullo).

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2014

Francisco José Conde López
Presidente da Axencia Galega de Innovación