Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 7 de xullo de 2014 Páx. 30138

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 23 de xuño de 2014 pola que se establecen os elementos identificativos do Servizo de Gardacostas de Galicia.

A Lei 2/2004, do 21 de abril, creou o Servizo de Gardacostas de Galicia, configurado como un servizo público e integrado por membros con dependencia funcional da consellería competente en materia de pesca. A propia lei ten en conta que as actuacións que vai desenvolver o Servizo de Gardacostas de Galicia debido á súa heteroxeneidade requiren distintas cualificacións do seu persoal e diferentes niveis de responsabilidade, establece tres escalas, posteriormente ampliadas pola Lei 10/2010, do 11 de novembro, de modificación da Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia, e diferenzas en congruencia coas funcións que vai desempeñar cada escala e, máis concretamente, cada posto de traballo.

A especificidade de certas funcións ou das condicións en que se desenvolven comporta necesariamente por parte de quen as realiza someterse a uns principios específicos e formalidades que reforzan a súa actuación. Tanto a Lei 2/2004, do 21 de abril, coma o Decreto 157/2005, do 26 de maio, sobre ordenación e funcionamento do Servizo de Gardacostas, establecen para o Servizo de Gardacostas de Galicia o uso de uniforme e outros elementos identificativos, cos cales os seus membros transmitirán a imaxe da institución a que pertencen antes que a súa persoal. O uniforme por si mesmo xa identifica os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia, pero tamén é necesario exteriorizar, tanto ante a cidadanía coma entre os membros do servizo, distinto nivel de responsabilidade ou cualificación, especialmente durante o desenvolvemento de determinadas actuacións que exixen a concorrencia de persoal que, aínda pertencendo ao mesmo servizo, ten que realizar diferentes tarefas de forma coordinada. É por iso que teñen que establecerse elementos diferenciadores que co uniforme exterioricen a identificación dos postos.

O uso do uniforme constitúe a norma xeral no Servizo de Gardacostas de Galicia, sendo o primeiro elemento identificativo que se amosa á cidadanía. Non obstante, a Lei 2/2004, do 21 de abril, e o Decreto 157/2005, do 26 de maio, prevén que en determinadas circunstancias os membros do Servizo de Gardacostas actúen sen uniforme. Nestes casos, os seus membros identificaranse coa placa insignia e o carné profesional, cuxas características tamén se regulan.

Mediante a presente orde dáse cumprimento ao mandato que establecen tanto a Lei 2/2004, do 21 de abril, como o Decreto 157/2005, do 26 de maio, no referente a establecer a uniformidade e elementos identificativos do persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia, así como regular as demais cuestións inherentes ao seu uso, de forma que a súa observancia contribúa a formar e amosar a homoxeneidade do servizo.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Elementos identificativos

1. Os elementos identificativos dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia son o uniforme, a placa insignia, os emblemas, o número de axente e o carné profesional.

2. Os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia actuarán uniformados salvo que, excepcionalmente e en función das circunstancias do servizo que vaian desenvolver, así o determinen os/as xefes/as de unidade operativa ou superiores xerárquicos. Así mesmo, portarán o carné profesional e placa insignia con que acreditarán a súa personalidade e condición de axentes da autoridade cando sexan requiridos para identificarse pola cidadanía, ou cando sexa necesario para realizar algún servizo.

3. Para os efectos desta orde e para o uso dos elementos identificativos, o persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia e os postos directivos estarán incluídos nun destes tres grupos:

a) Persoal de postos comúns.

b) Persoal de postos singularizados ou xefaturas.

c) Cargos de dirección.

Artigo 2. O uniforme

Para os efectos desta orde, entenderase por uniforme o conxunto de pezas de roupa e equipos de vestimenta proporcionados pola Consellería do Medio Rural e do Mar ao persoal que preste servizos en calidade de membro do Servizo de Gardacostas de Galicia e que permita a súa identificación como tal.

Artigo 3. Clases de uniformes

1. No Servizo de Gardacostas de Galicia empregaranse uniformes clase A, clase B e as pezas de roupa e equipos accesorios, clase C.

2. Ao persoal de postos comúns corresponderalle a uniformidade de clase A, B e C. Ao persoal de postos singularizados ou xefaturas, corresponderalle a uniformidade de clase A, B e C. Aos cargos de dirección corresponderalles a uniformidade de clase A. Cando para o exercicio profesional se considere necesario, os cargos de dirección tamén poderán utilizar algunha das pezas de roupa ou equipamentos incluídos nas clases B ou C.

3. Os uniformes de clase A e B terán as modalidades de inverno e verán, correspondendo ao/á titular da Subdirección Xeral de Gardacostas determinar as datas en que se usará unha ou outra modalidade.

Artigo 4. Uniforme clase A

1. O uniforme clase A vestirase nos actos oficiais e públicos en que se exixa. Tamén poderán usarse en actos sociais de especial relevancia, que así determine a Subdirección Xeral de Gardacostas e, en calquera caso, cando sexa ordenado por superior xerárquico.

2. O uniforme clase A, na modalidade de inverno, componse das seguintes pezas de roupa:

a) Persoal masculino:

Gorra de prato

Luvas

Chaqueta cruzada

Gravata

Camisa de manga longa

Cinto

Pantalón

Calcetíns

Zapatos

b) Persoal feminino:

As mesmas pezas de roupa que para o masculino, coa particularidade de que o pantalón pode ser substituído por saia recta e os calcetíns por medias.

3. A modalidade de verán comprende as mesmas pezas de roupa pero confeccionadas en tecido axeitado para a estación.

Artigo 5. Uniforme clase B

1. O uniforme clase B utilizarase con carácter xeral en todos os servizos.

2. O uniforme clase B, na modalidade de inverno, está composto polas seguintes pezas de roupa:

a) Persoal masculino:

Gorra de viseira

Xersei

Camisa da manga longa con divisas

Cinto

Pantalón

Calcetíns

Zapatos antiesvaradíos

b) Persoal feminino:

As mesmas pezas de roupa que para o masculino, coa particularidade de que o pantalón pode ser substituído por saia recta e os calcetíns por medias.

3. A modalidade de verán comprende as mesmas pezas de roupa pero confeccionadas en tecido axeitado para a estación. A camisa con divisas será de manga curta.

Artigo 6. Uniforme clase C

1. O uniforme clase C está composto por outras pezas de roupa, complementos e equipamentos específicos que poderán ser empregados polos membros do Servizo de Gardacostas para a realización tanto de funcións comúns como de labores específicos, sendo as principais pezas de roupa que compoñen a uniformidade desta clase as seguintes:

Gorra de viseira

Anorak/Chuvasqueiro termoselado

Chaleco

Polos de manga longa ou curta

Polares/Cortaventos

Pantalóns de faena multipetos

Cinto técnico

Abrigos e/ou chaquetóns

Roupas de augas

Luvas de diversos tipos

Botas de diversos tipos

Zapatos náuticos

2. Estas pezas de roupa poderán ter unhas características técnicas diferentes en función das necesidades do servizo.

3. A dotación e uso concreto destas pezas de roupa serán determinados pola Subdirección Xeral de Gardacostas en función da natureza dos servizos que se vaian prestar, circunstancias en que se deban desenvolver, meteoroloxía do lugar en que se desempeñen e elementos, medios ou instrumentos que se van utilizar.

Artigo 7. Prohibicións de uso

Os membros do Servizo de Gardacostas non empregarán pezas de roupa que non formen parte do uniforme, nin usarán nel outros distintivos, emblemas, insignias ou condecoracións que non fosen autorizadas expresamente pola consellería a que pertenza o servizo.

Con carácter xeral, prohíbese o uso do uniforme estando fóra de servizo.

Artigo 8. Carné profesional

1. O carné profesional dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia axustarase ao disposto na Orde do 7 de decembro de 2012 pola que se regula a tarxeta de acreditación especial de empregados públicos do sector público autonómico.

2. O carné de identificación profesional axustarase ao disposto no anexo I.

Artigo 9. Emblema

1. O emblema do Servizo de Gardacostas de Galicia conterá elementos alusivos ao carácter do servizo e formará conxunto co escudo de Galicia, de conformidade co sinalado no anexo II.

2. Os uniformes de clase A e B levarán obrigatoriamente o emblema de Gardacostas de Galicia, nos lugares onde se dispoña nesta norma, sen que sexa necesario que este figure en todos os equipamentos e pezas de roupa clase C.

3. O emblema tamén poderá ser usado nos vehículos, embarcacións, helicópteros, locais e documentos que sexan propios ou directamente relacionados co Servizo de Gardacostas de Galicia.

Artigo 10. Placa insignia

1. A placa insignia engadirá ao emblema a lenda «Gardacostas de Galicia», na parte superior, e o número de identificación persoal de cada axente, na base.

2. A forma, medidas e demais características da placa insignia, que se portará conxuntamente co carné profesional para identificación, axustaranse ao disposto no anexo II.

Artigo 11. Carteira portadistintivos

O carné profesional e a placa insignia dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia irán colocados na carteira portadistintivos que se detalla no anexo III.

Artigo 12. Divisas

1. Os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia exhibirán no uniforme as divisas correspondentes ao seu posto de traballo. No uniforme clase A situaranse nos puños. No uniforme clase B situaranse nas ombreiras. Non será necesario que figure en todas as pezas de roupa e equipamentos da clase C.

2. As divisas para o uso no ombreiro serán do tipo «pas» ou «manguito» e serán intercambiables entre as diferentes pezas de roupa previstas para portalas.

3. Ademais, levarán unha composición común a todo o persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia, situada na parte superior da manga esquerda das pezas de roupa do uniforme, como se detalla no anexo IV.

Artigo 13. Clases de divisas

1. As divisas dos grupos a que se refire o artigo 1.3 terán en común un distintivo consistente nunha áncora dourada, tipo almirantado, coa súa rabiza, inscrita nun óvalo dourado sobre fondo negro, de 35 mm de eixe maior vertical e 25 mm de eixe menor transversal.

2. Dentro de cada grupo establecido no artigo 1.3 as divisas que corresponden a cada posto de traballo serán as seguintes:

a) Persoal de postos comúns:

1º. Vixilantes-mariñeiros/as. O distintivo común descrito anteriormente e por riba del unha barra da mesma extensión do largo do óvalo do distintivo común, en galón dourado de 5 mm.

2º. Mecánicos/as de embarcación e subinspectores/as. O distintivo común descrito anteriormente e por riba del dúas barras da mesma extensión do largo do óvalo do distintivo común, en galón dourado de 5 mm, apreciándose separación entre elas.

3º. Patróns/oas de embarcación. O distintivo común descrito anteriormente e por riba del tres barras da mesma extensión do largo do óvalo do distintivo común, en galón dourado de 5 mm, apreciándose separación entre elas.

4º. Inspectores/as. Un galón dourado de 14 mm, cuberto na parte central polo distintivo común.

b) Persoal de postos singularizados ou xefaturas:

1º. Xefes/as de unidade operativa e xefe/a da sala de operacións. Dous galóns dourados de 14 mm, cubertos na parte central polo distintivo común.

2º. Xefes/as de sección. Dous galóns dourados de 14 mm, cubertos na parte central polo distintivo común. Sobre este conxunto outro galón dourado de 14 mm.

3º. Xefes/as de servizo. Dous galóns dourados de 14 mm, cubertos na parte central polo distintivo común. Sobre este conxunto outros dous galóns dourados de 14 mm.

c) Cargos de dirección:

1º. Subdirector/a xeral. Un galón trenzado ou torcido dourado de 33 mm, cuberto na súa parte central polo distintivo común. Sobre este conxunto outro galón dourado de 14 mm.

3. Cando existan outros cargos de dirección superiores ao/á subdirector/a xeral, dos que, segundo o correspondente decreto de estrutura, teña dependencia orgánica o Servizo de Gardacostas de Galicia, nos actos en que exerzan representación directa deste, poderán usar o uniforme de clase A no cal exhibirán as mesmas divisas que o/a subdirector/a xeral pero engadindo sobre eles outro galón dourado de 14 mm, no caso de cargos de nivel de director/a xeral ou secretario/a xeral, e engadindo dous galóns dourados de 14 mm, no caso de nivel de conselleiro/a.

4. O deseño e demais características das divisas de cada categoría e do distintivo común descrito neste artigo detállanse no anexo IV.

Artigo 14. Outras condecoracións

Ademais dos emblemas, divisas e distintivos de uso obrigatorio no uniforme clase A do Servizo de Gardacostas de Galicia e en actos específicos, poderán exhibirse as condecoracións que fosen outorgadas por entidades ou organismos do Estado español, de Estados estranxeiros ou por organización de dereito público internacional.

Sen prexuízo do que dispoña o regulamento propio de cada condecoración, o seu uso no uniforme do Servizo de Gardacostas de Galicia situaranse no dianteiro superior esquerdo da peza de roupa exterior, por riba da liña do peto.

Artigo 15. Utilización dos elementos de identificación

1. Os elementos de identificación dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia serán propiedade da Xunta de Galicia, que os entregará ás persoas titulares, as cales deberán garantir a súa custodia e conservación segundo as instrucións facilitadas polo superior xerárquico para a súa correcta e homoxénea utilización, comunicándolle os supostos de deterioración, perda ou mal funcionamento.

2. A carteira portadistintivos, xunto co carné profesional, a placa insignia, pas e manguitos serán entregados ao/á correspondente xefe/a de unidade operativa ou superior xerárquico nos supostos de cesamento, temporal ou definitivo, na prestación de servizos.

Disposición transitoria única. Implantación e renovación da uniformidade

A implantación e renovación da uniformidade que se establece nesta orde realizarase progresivamente; namentres a implantación non se produza, os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia seguirán usando o uniforme previsto na Orde do 20 de marzo de 2007 pola que se establecen os distintivos de identificación e uniformidade dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan a ela. En particular, queda derrogada a Orde do 20 de marzo de 2007 pola que se establecen os distintivos de identificación e uniformidade dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2014

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO I

Carné de identificación profesional

1. O carné de identificación profesional dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia corresponderase coa definida no artigo 4.b) da Orde do 7 de decembro de 2012 pola que se regula a tarxeta de acreditación especial de empregados públicos do sector público autonómico.

2. O citado carné deberá conter o anagrama do Servizo de Gardacostas de Galicia segundo o disposto no artigo 17.5 do Decreto 157/2005, do 26 de maio, sobre ordenación e funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galicia.

ANEXO II

Emblema

1. O emblema ou escudo do Servizo de Gardacostas de Galicia componse dos elementos que se describen a seguir, organizados conforme se representa graficamente na figura II-1.

2. A parte central está formada pola bandeira e escudo de Galicia nas súas cores, rodeadas dun cordón marrón disposto de forma ovalada; na parte inferior, simetricamente ao eixe vertical, cortando o cordón, dúas áncoras de patente en bronce; a ambos os dous lados do conxunto, dúas ramas verdes unidas polos seus talos na parte inferior; sobre todo iso a coroa real nas súas cores.

3. Este emblema poderá usarse en todos os medios e efectos adscritos ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

missing image fileFigura II-1

Tipos de emblemas

A) Placa insignia.

1. Será dunha peza metálica, a fronte puída e esmaltados as cores da bandeira e o escudo de Galicia, o resto do conxunto en cor ouro sobre fondo azul mariño. Na parte superior, levará a lenda «Gardacostas de Galicia» e na inferior o número de identificación, segundo se representa na figura II-A.

missing image fileFigura II-A

Usarase tamén no uniforme de clase A coa única diferenza de que non portará o número de identificación.

2. As dimensións serán as seguintes:

– Altura: 70 mm.

– Largura: 53 mm.

– Grosor máximo: 2 mm.

– Franxa da lenda: 5 mm de largo.

– Franxa do número de identificación: 5 mm de largo.

B) Emblema para uniforme.

1. Estará confeccionado en PVC inxectado ou similar, para o uso nas pezas de roupa exteriores, e de materiais sintéticos e en bordado industrial ou similar sobre un soporte de feltro, plástico u outro semellante para as demais pezas de roupa.

Usarase no uniforme de clase B (ocasionalmente tamén no de clase C) e a fixación na peza de roupa será por fusión, pegado ou cosido.

2. As dimensións e demais características serán iguais ás que se expresan na epígrafe A deste anexo.

3. No uniforme clase A, en lugar deste emblema usarase a placa insignia descrita na epígrafe A (sen número de identificación).

C) Emblema para pezas de roupa de cabeza.

Será bordado e irá montado nunha galleta soporte na gorra de prato. Nesta gorra correspondente ao uniforme de clase A, o bordado poderá ser completamente en fío dourado.

Será bordado industrial, PVC ou similar, aplicado directamente sobre a gorra de viseira. En ambas irá centrado na parte dianteira. Represéntase na figura II-C.

missing image fileFigura II-C

ANEXO III

Carteira portadistintivos

1. Estará confeccionada en coiro, polipel ou similar, de cor negra, disporá de dous espazos, un para o carné profesional e outro para a placa insignia.

O espazo destinado ao carné profesional terá un protector de material plástico transparente; os vértices irán convenientemente reforzados.

A forma e dimensións exprésanse a seguir na figura III-1.

missing image fileFigura III-1

ANEXO IV

Divisas para os/as integrantes do Servizo de Gardacostas de Galicia

1. Poderán confeccionarse en PVC inxectado, bordado ou similar, en cor dourado. Situaranse nas ombreiras no uniforme clase B, nos puños no de clase A e no lugar que se determine nas demais pezas de roupa de uniforme que as porten.

2. No puño colocaranse na metade exterior directamente sobre o tecido. Nas ombreiras, en pas ou manguitos de cor azul mariña escura.

As divisas e distintivos das diferentes categorías e postos do Servizo de Gardacostas de Galicia represéntanse nas seguintes figuras:

a) Persoal de postos comúns, figuras IV-A-1, IV-A-2, IV-A-3 e IV-A-4.

missing image fileFigura IV-A-1. Vixilantes-mariñeiros/as.

missing image fileFigura IV-A-2. Mecánicos/as de embarcación e subinspectores/as.

missing image fileFigura IV-A-3. Patróns/oas de embarcación.

missing image fileFigura IV-A-4. Inspectores/as.

b) Persoal de postos singularizados ou xefaturas, figuras IV-B-1, IV-B-2 e IV-B-3.

missing image fileFigura IV-B-1. Xefes/as de unidade operativa e xefe/a da sala de operacións.

missing image fileFigura IV-B-2. Xefes/as de sección.

missing image fileFigura IV-B-3. Xefes/as de servizo.

c) Cargos de dirección, figura IV-C-1.

missing image fileFigura IV-C-1. Subdirector/a xeral de Gardacostas de Galicia.

A composición común para exhibir na parte superior da manga esquerda estará composta pola lenda «GARDACOSTAS DE GALICIA» disposta en forma de semianel circular. Debaixo a bandeira de Galicia e debaixo o gallardete de inspección pesqueira.

As dimensións dos diferentes elementos, deseño, forma e proporcións, represéntanse na figura IV-2. As medidas, en mm.

missing image fileFigura IV-2

ANEXO V

A) Gorra de prato. Uniformes clase A.

Gorra de prato con viseira de charón, armazón de prato de forma oval e semirríxido, tecido principal en cor azul mariña escura (a xogo co uniforme clase A) e funda extraíble de cor branca para utilización co uniforme de verán.

O barbicacho sobre a zona frontal irá suxeito ao cinto da gorra por dous botóns dourados, de tamaño pequeno, a xogo cos do uniforme. Levará dous pasadores feitos coa mesma cinta.

Centrada na parte frontal unha galleta co emblema bordado. Permitirá a colocación e extracción da funda.

• Persoal de postos comúns (excepto inspectores):

O barbicacho será de cinta negra de 15 mm, acharoada.

• Persoal de postos singularizados e xefaturas (incluíndo inspectores/as e excluíndo xefes/as de servizo):

O barbicacho será de cinta de galón dourada de 15 mm.

• Xefes/as de servizo:

O barbicacho será de cinta de galón dourada de 15 mm. A viseira levará un cordonciño dourado a 7 mm do borde.

• Cargos de dirección:

O barbicacho será de cinta de galón dourada de 15 mm. Sobre a viseira o/a subdirector/a xeral (e outros cargos directivos, se é o caso), levará un conxunto representando dúas ramas de loureiro douradas.

B) Chaqueta cruzada. Uniformes clase A.

1. Descrición: cor azul mariña escura, cruzada, entreteada e forrada, con dúas aberturas nas costas.

Abotoadura formada por botóns de metal dourado semiesféricos de áncora en relevo, en tamaño mediano.

O emblema situarase na zona peitoral do dianteiro dereito. Será similar á placa insignia descrita no artigo 10 e anexo II, excluíndo o número de axente. Irá fixada cun sistema que a manteña solidaria co uniforme e sen que se aprecien ocos.

Mangas tipo xastre; no puño levarán as divisas correspondentes a cada categoría. Nesta peza de roupa non se exhibirá a composición común de Gardacostas de Galicia.

Petos exteriores, dous na parte inferior, rectos e con tapa. Un na parte esquerda do peito.

C) Complementos. Uniformes clase A.

O uniforme clase A compleméntase coas seguintes pezas de roupa e accesorios:

Gravata. Cor negro brillante.

Cinto. A cincha será unha peza de coiro negro, rematada en forma de pico. A cincha suxeitarase e cerrará mediante unha fibela metálica rectangular.

Pantalón ou saia. Do mesmo tecido da chaqueta. A saia de corte recto.

Camisa. Branca de manga longa.

Calcetíns. Negros. Pódense admitir medias, pantis ou calcetíns transparentes, para uso con saia.

Zapatos. Negros, tipo Blucher.

D) Camisas. Uniformes clase B.

1. Descrición da camisa de manga longa: camisa recta, aberta no centro dos dianteiros.

Ombreiras para a colocación das divisas.

O pescozo será do tipo camiseiro.

Os petos de parche.

Os botóns en cor a ton coa camisa.

2. Descrición da camisa de manga curta: terá iguais características á da manga longa excepto as mangas que serán curtas e o pescozo que poderá ser aberto.

E) Cinto técnico. Uniformes clase B.

O cinto do uniforme de traballo será de nailon trenzado, de cor azul mariña escura, a cincha de cinco centímetros de ancho, como mínimo. O peche será de presión, en PVC ou material similar de cor negra, con dous dentes de enganche. Os extremos da cincha de nailon irán rematados de forma que se facilite o seu uso e se impida o efecto de desflocado.