Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 27 de xuño de 2014 Páx. 29192

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2014 pola que se gradúan os incumprimentos de condicións nos expedientes tramitados ao abeiro da Resolución do 5 de decembro de 2013 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tramitadas para a convocatoria de 2014 mediante expediente anticipado de gasto e publicadas no Diario Oficial de Galicia número 238, do 13 de decembro de 2013.

As bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, establecen no seu artigo 20.3.b) a posibilidade de desenvolver mediante resolución do director xeral, ditada por delegación do Consello de Dirección e publicada no Diario Oficial de Galicia, os criterios de gradación para determinar o alcance da obriga de reintegro en caso de incumprimento doutras condicións alleas á contía ou conceptos da base subvencionable.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar os seguintes criterios de gradación para determinar o alcance da obriga de reintegro en caso de incumprimento doutras condicións alleas á contía ou conceptos da base subvencionable respecto aos expedientes tramitados ao abeiro da Resolución do 5 de decembro de 2013 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tramitadas para a convocatoria de 2014 mediante expediente anticipado de gasto e publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 238, do 13 de decembro de 2013:

1. No caso de condicións referidas á creación de emprego, o alcance do incumprimento determinarase aplicando a mesma ponderación que tivese a condición na resolución de concesión.

Nos proxectos de servizos avanzados intensivos en emprego (procedemento IG101) do artigo 7 das bases reguladoras, en que é requisito a creación de cando menos 10 postos de traballo indefinidos, a non acreditación destes implicará o incumprimento total de condicións.

2. No que se refire ao mantemento do emprego con que conta a empresa na data de solicitude de axuda durante o período de execución do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase atendendo á media de emprego durante o dito período e á cifra de emprego con que conte a empresa na data de finalización do prazo de execución. Estimarase un incumprimento parcial, sempre que na data de execución a empresa conte con polo menos a cifra de emprego obrigada a manter, e aínda que a media do período non acade a dita cifra, sempre que a desviación nesa media non supere o 10 % do emprego comprometido. O alcance deste incumprimento parcial calcularase proporcionalmente respecto ao emprego non mantido.

3. No que se refire ao mantemento do emprego no período de dous anos posterior á data de execución do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase atendendo á media de emprego mantido durante este e aplicando a mesma ponderación outorgada na resolución de concesión á cifra de emprego non creado con solución de continuidade e nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido. No caso de que a media de emprego deste período sexa inferior á cifra de mantemento inicial de postos de traballo establecida na resolución de concesión, é dicir, non se teña mantido o emprego con que contaba a empresa na data de solicitude, entenderase que o incumprimento é total.

4. No que se refire a condición de autofinanciamento, o alcance do incumprimento determinarase atendendo ao importe de investimento correspondente ao nivel de autofinanciamento efectivamente acreditado, sempre que supoña un incremento de fondos propios con respecto ao tido en conta na resolución de concesión, e o investimento correspondente non sexa inferior ao mínimo establecido nas bases.

5. Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá a perda da subvención correspondente ao activo non mantido, nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido.

6. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

7. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida:

a) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 16.g) das bases reguladoras.

b) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

8. Suporá a perda do 10 % da subvención concedida, no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.h) das bases reguladoras en canto a que para modificar o provedor seleccionado deberase pedir, previamente á súa contratación, autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.

Segundo. Esta resolución entrara en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica