Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 25 de xuño de 2014 Páx. 28496

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 13 de xuño de 2014 pola que se determinan as distincións e recompensas que se lle concederán ao persoal dos corpos de policía local durante o ano 2014.

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, establece no seu artigo 74 que os membros dos corpos de Policía local de Galicia poden ser distinguidos ou recompensados de acordo co que se determine regulamentariamente.

Consonte esta previsión, o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a citada lei, establece no seu artigo 98 que a consellería competente en materia de seguridade concederá mediante orde a Placa colectiva e a Placa individual, así como a Medalla ao mérito da Policía local.

De acordo co anterior, a unidade directiva competente en materia de coordinación procedeu a estudar as propostas achegadas, seguindo o procedemento que establece o artigo 99 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, para a concesión destas distincións. As propostas feitas pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, como unidade directiva competente en materia de coordinación, foron amplamente documentadas, con informe e avaliadas pola Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia, e sometidas á resolución e ao ditame desta vicepresidencia e consellería.

Na súa virtude, en uso das facultades outorgadas polo artigo 98 e pola disposición derradeira primeira do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, antes citado, por proposta da unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais e logo do informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia, na súa sesión do 27 de maio de 2014, ao abeiro do disposto no artigo 17.1.a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar, de acordo co previsto no artigo 99.5 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, a relación de entidades e persoas propostas como candidatas á Placa colectiva e á Medalla ao mérito da Policía local, ás cales se lles outorgan estas distincións.

2. Publicar esta relación nos anexos a esta orde:

Anexo I. Concesión da Placa colectiva ao mérito da Policía local.

Anexo II. Concesión da Medalla ao mérito da Policía local.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I
Concesión da Placa colectiva ao mérito da Policía local ao corpo da Policía local
do Concello de Santiago de Compostela

Vistos os feitos descritos na proposta para a concesión da Placa colectiva ao mérito da Policía local, unha vez emitido informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais, na reunión do 27 de maio de 2014, e logo de avaliar e ponderar os méritos e as circunstancias alegadas na dita proposta, esta vicepresidencia e consellería resolveu conceder a Placa colectiva ao mérito da Policía local ao corpo de Policía local do Concello de Santiago de Compostela, pola súa intervención nun acto de servizo, ao ser de salientar a entrega e actitude profesional do persoal deste corpo policial durante o operativo desenvolvido con motivo do accidente de Angrois, contribuindo decididamente, como meritorio labor colectivo a prol da dignificación e do recoñecemento público das policías locais, que se encadran nas condicións previstas no artigos 89, 90, 91 e 92 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, para a concesión da distinción.

Así mesmo, de acordo co previsto nos artigos 101 e 102 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, esta concesión acreditarase mediante o correspondente diploma e constará no Rexistro de Distincións e no Rexistro das Policías Locais de Galicia, dándolle conta ao Concello de Santiago de Compostela para os efectos do seu expediente persoal.

ANEXO II
Concesión da Medalla ao mérito da Policía local a David Abollo Rodríguez,
policía do corpo de Policía local do Concello de Pontevedra

Vistos os feitos descritos na proposta para a concesión da Medalla ao mérito da Policía local, unha vez emitido informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais, na reunión do 27 de maio de 2014, e logo de avaliar e ponderar os méritos e as circunstancias alegadas na dita proposta, esta vicepresidencia e consellería resolveu concederlle a Medalla ao mérito da Policía local a David Abollo Rodríguez, policía do corpo de Policía local do Concello de Pontevedra, pola súa intervención nun acto de servizo, ao ser de salientar o seu compromiso de servizo, cualidade inherente ao ideal de servizo público, predicable dun bo policía, que se encadra nas condicións previstas no artigo 92 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, para a concesión da distinción.

Así mesmo, de acordo co previsto nos artigos 101 e 102 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, esta concesión acreditarase mediante o correspondente diploma e constará no Rexistro de Distincións e no Rexistro das Policías Locais de Galicia, dándolle conta ao Concello de Pontevedra para os efectos do seu expediente persoal.