Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 19 de xuño de 2014 Páx. 27789

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 9 de xuño de 2014 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Mediante Orde do 18 de setembro de 2012 (DOG do 27 de setembro), fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que a representación dos intereses sociais no Consello Social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social. Na representación destes intereses figuran seis membros designados polo Parlamento de Galicia, en representación de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Con data do 7 de abril de 2014 tivo entrada na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria escrito do presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela en que comunica a renuncia do membro do Consello Social designado polo Parlamento de Galicia Juan Bautista de la Salle Barreiro Pérez.

Con data do 8 de abril de 2014, a Secretaría Xeral de Universidades solicita do Parlamento de Galicia que proceda á designación dun novo membro para formar parte do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela. O 28 de maio de 2014, o Parlamento de Galicia remite certificación do Pleno do Parlamento, celebrado o 27 de maio de 2014, pola que designa a Juan Luis Castro Rodríguez membro do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Xúntase declaración de non estar incurso nas incompatibilidades sinaladas no artigo 78 da mencionada Lei 6/2013.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do Consello Social lle serán comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear a Juan Luis Castro Rodríguez membro do Consello Social da Universidad de Santiago de Compostela designado polo Parlamento de Galicia, en substitución de Juan Bautista de la Salle Barreiro Pérez.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria