Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 16 de xuño de 2014 Páx. 27195

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Red Eléctrica de España, S.A. (REE) a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica de ampliación do parque de 220 kV da subestación de Santiago, posición de saída de liña ADIF 1 e ADIF 2, no termo municipal de Santiago de Compostela (expediente IN407A 2014/20-1).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE), con enderezo para os efectos de notificación no Paseo del Conde de los Gaitanes, 177, 28109 Alcobendas (Madrid), resultan os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 14.2.2014 a empresa REE presentou solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada «ampliación do parque de 220 kV da subestación de Santiago-posicións de saída de liña ADIF 1 e ADIF 2»; acompañada do proxecto de execución e das separatas técnicas correspondentes.

Segundo esta solicitude, a ampliación da subestación de Santiago vén motivada pola subministración ao tren de alta velocidade (eixo atlántico A Coruña-Vigo) desde a rede de transporte de 220 kV, a través dunha futura subestación de tracción propiedade de ADIF (non incluída no presente proxecto), que se conectará na subestación de Santiago.

No documento denominado «Planificación dos sectores de electricidade e gas 2008-2016», aprobado polo Consello de Ministros do 30 de maio de 2008, inclúese a citada actuación baixo a denominación «ampliación subestación Santiago 220 kV».

Segundo. O proxecto de execución da citada instalación eléctrica, denominado «ampliación da subestación de transporte de Santiago de Compostela 220 kV» vén asinado polo enxeñeiro industrial Luis Cabezón López, colexiado nº 12.864 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, e con visado dixital deste colexio, na súa Delegación de Valladolid, con nº 200909643 e data 10.2.2014.

Segundo consta no proxecto de execución, a ampliación da subestación de Santiago consistirá na instalación en intemperie de dúas (2) novas posicións de interruptor, de tecnoloxía AIS, cunha configuración en dobre barra con acoplamento, correspondentes ás dúas (2) novas posicións de saída de liña denominadas ADIF-1 e ADIF-2, coa seguinte disposición:

– Posición 1: liña ADIF-2.

– Posición 3: liña ADIF-1.

– Embarramentos baixos: conexións entre aparellos a 5,7 m de altura, en tubo de aluminio ϕ100/88 mm e condutor Rail dúplex.

– Barras principais de tubo ríxido de aluminio ϕ160/140 mm, a 9,85 m de altura en configuración apoiada sobre illadores soporte.

– Tendidos altos, a 15,50 m de altura, en condutor Al-Ac Rail de 516,8 mm2 de sección.

– Instalación de nova aparellaxe con nivel de illamento 460/1.050 kV, con illadores de liña de fuga mínima de 7.595 mm (equivalente a 31 mm/kV), referida á tensión nominal máis elevada para o material (Um) de 245 kV, consistente en:

• Interruptores unipolares con cámaras de corte de SF6, con intensidade nominal/corte 3.150/40 kA.

• Transformadores de intensidade, de características conforme o Real decreto 1110/2007, do 24 de agosto, polo que se aproba o Regulamento unificado de puntos de medida do sistema eléctrico (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

• Seccionadores de barras, tipo pantógrafo, de mando unipolar motorizado e intensidade nominal/límite térmica 4.000/40 kA.

• Seccionadores de liña, tipo rotativo de tres columnas, con coitelas de posta á terra, de mando unipolar motorizado e intensidade nominal/límite térmica 2.000/40 kA.

• Transformadores indutivos de tensión en cada saída, de características conforme o Real decreto 1110/2007, do 24 de agosto.

• Pararraios autoválvulas, illadores de apoio tipo C10-1050 e illadores soporte tipo C6-1050.

• Conexión a rede de terras inferiores (condutor Cu de 95 mm2) xa existente na subestación e instalación de mallas de terras superiores (puntas Franklin).

• Sistemas de control, protección, telecomunicacións e servizos auxiliares.

Terceiro. O 19.2.2014 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da devandita instalación eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 25.2.2014 e no Boletín Oficial da provincia do 27.2.2014.

Durante o período en que o devandito proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. Simultaneamente ao trámite de información pública, a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada instalación eléctrica, para os efectos de obter a súa conformidade, oposición ou condicionados ao respecto. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese o resultado das súas respostas (das cales se deu traslado á empresa promotora da instalación eléctrica, quen presentou a súa conformidade):

Entidade

Resultado da resposta

1

Concello de Santiago de Compostela

Non contestaron a petición de informe nin a reiteración desta petición. Por tanto, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

2

Unión Fenosa Distribución, S.A.

Escrito de contestación do 17.3.2014: manifestan a súa conformidade.

Quinto. O 28.2.2014 esta dirección xeral trasladou un exemplar do devandito proxecto de execución á Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Energía y Turismo, para os efectos de solicitar o preceptivo informe exixido no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 114 do Real decreto 955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

O 8.3.2014 publicouse no Boletín Oficial del Estado a Orde IET/338/2014, do 5 de marzo, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros do 21 de febreiro de 2014, polo que se habilita a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas para a autorización ou a emisión do informe favorable previsto no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, para determinadas instalacións da rede de transporte de electricidade de conformidade co establecido no artigo 10.5 do Real decreto lei 13/2012, do 30 de marzo. Entre estas instalacións, reflectidas no anexo desta orde, figura o proxecto de referencia (ampliación subestación Santiago 220 kV).

O 11.3.2014 a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas emitiu informe favorable sobre a citada instalación «ampliación subestación Santiago 220 kV».

Sexto. O 15.4.2014 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre o expediente correspondente á devandita instalación eléctrica, para que esta dirección xeral continuase coa súa tramitación.

Sétimo. O 16.4.2014 a empresa REE presentou a declaración responsable, asinada o 8.4.2014 polo redactor do proxecto (o enxeñeiro industrial Luis Cabezón López), na cal se acredita que o proxecto de execución denominado «ampliación da subestación de transporte de Santiago de Compostela 220 kV» cumpre coa normativa que lle é de aplicación; de conformidade co exixido no artigo 53.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que resulta de aplicación conforme ao disposto na disposición transitoria primeira da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e na Resolución do 19.2.2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo co previsto na citada lei.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa REE a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada «ampliación do parque de 220 kV da subestación de Santiago-posicións de saída de liña ADIF 1 e ADIF 2», situada no termo municipal de Santiago de Compostela.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución presentado pola empresa promotora REE, denominado «ampliación da subestación de transporte de Santiago de Compostela 220 kV», asinado polo enxeñeiro industrial Luis Cabezón López, colexiado nº 12.864 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, con visado dixital deste colexio, na súa delegación de Valladolid, con nº 200909643 e data 10.2.2014; e no cal figura un orzamento de 1.454.970,50 euros.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, e ordes posteriores, así como demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e debe comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial, quen deberá outorgala tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. Canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas co antecedente de feito cuarto da presente resolución), a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas