Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Venres, 13 de xuño de 2014 Páx. 26951

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 5 de maio de 2014, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental para a ampliación dunha explotación avícola de carne que Explotaciones Guntimil, S.L. posúe no concello de Xinzo de Limia (Ourense), coa clave 2013-IPPC-I-67.

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 157, do 2 de xullo) e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– Ampliación de explotación avícola de produción.

Explotaciones Guntimil, S.L.

Guntimil-Xinzo de Limia (Ourense).

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se for o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. Os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/>>medio ambiente e sostibilidade >>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2014

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2013-IPPC-I-67.

Peticionario: Explotaciones Guntimil, S.L.

Domicilio social: lugar Guntimil, s/n, 32635 Xinzo de Limia (Ourense).

Localización da instalación: lugar Guntimil, s/n, 32635 Xinzo de Limia (Ourense). Un punto de localización das instalacións é o definido polas coordenadas UTM X: 602.750, Y: 4.654.025.

Actividade: explotación avícola de produción de carne.

Descrición do proceso: trátase dunha explotación existente con dúas naves cunha capacidade máxima, cada unha delas, de 33.242 prazas para broilers por cada ciclo de produción, que se ampliará coa construción dunha terceira nave con capacidade para 32.348 prazas para broilers.

Os ciclos de produción comezan coa entrada nas naves dun lote de poliños dun día, onde permanecen uns 60 días ata acadar un peso medio de 2,5 kg, momento no cal son levados ao matadoiro para o seu sacrificio. A cría farase sobre o chan, restrinxindo nos primeiros estados de desenvolvemento a superficie dispoñible e ampliándoa a medida que crecen os animais ata ocupar a totalidade da superficie da nave. Ao finalizar o ciclo, coas naves sen animais, procédese á retirada da galiñaza e á limpeza e desinfección das instalacións, co que a nave queda en baleiro sanitario por un período de 6 días aproximadamente. Tras o baleiro sanitario, darase entrada a un novo lote de animais. A galiñaza retirarase por medios mecánicos e será empregada como fertilizante en parcelas de uso agrícola.

Verteduras: as verteduras procedentes dos aseos e vestiarios da explotación conduciranse á unha fosa séptica prefabricada e a un pozo filtrante.

As augas de limpeza das naves non serán recollidas senón que se deixarán evaporar sobre a soleira das naves, e as augas pluviais verteranse directamente ao terreo.