Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 12 de xuño de 2014 Páx. 26608

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 5 de xuño de 2014 pola que se modifica o prazo de presentación da licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos previstos na Orde do 30 de decembro de 2013 pola que se convocan para o ano 2014 as axudas para a modernización das explotacións agrarias, para a incorporación de mozos á actividade agraria e para o fomento de instalacións e equipamentos agrarios en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013.

Na Orde do 30 de decembro de 2013 (publicada no DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 2014) pola que se convocan para o ano 2014 as axudas para a modernización das explotacións agrarias, para a incorporación de mozos á actividade agraria e para o fomento de instalacións e equipamentos agrarios en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, establécese, no seu artigo 13.2, un prazo para presentar a licenza municipal de obra e o resto de permisos administrativos para as solicitudes correspondentes a esa convocatoria: como máis tarde, ata o 15 de xuño de 2014.

E ante as peticións de diferentes organismos para prolongar o dito prazo co fin de poder emitir os preceptivos permisos, cómpre ampliar o referido prazo de presentación da licenza municipal e o resto de permisos administrativos.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

A data de presentación da licenza municipal e resto de permisos administrativos prevista no punto 2 do artigo 13 da Orde do 30 de decembro de 2013 ata o 15 de xuño de 2014, amplíase ata o 30 de xuño de 2014, inclusive.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar