Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 12 de xuño de 2014 Páx. 26483

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 22 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola, e se convocan para o ano 2014.

O artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe a esta comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de pesca fluvial e lacustre. Con base nesta competencia, promulgouse a Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, que ten como obxecto a regulación da conservación, do fomento e do ordenado aproveitamento das poboacións piscícolas.

De conformidade co disposto no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en relación co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, compete a esta consellería o desenvolvemento e a aplicación da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e do seu regulamento.

As entidades colaboradoras están definidas no artigo 6 da Lei de pesca fluvial, considerándose como tales as que realicen actividades ou investimentos en favor da riqueza piscícola das augas continentais galegas, así como na mellora da calidade do ambiente das citadas augas, sempre que teñan recoñecido tal carácter. Ese mesmo artigo tamén establece que a condición de entidade colaboradora suporá o cumprimento das obrigas e o gozo dos beneficios que para tal colaboración estableza a Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Por outra parte, a Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, establece como obxecto regular e establecer medidas para favorecer o desenvolvemento sustentable en tanto que supón condicións básicas que garanten a igualdade de todos os cidadáns no exercicio de determinados dereitos constitucionais; entre os seus obxectivos figura o de conservar e recuperar os recursos naturais do medio rural a través de actuacións públicas ou privadas que permitan compatibilizar o seu uso cun desenvolvemento sustentable. Por último, a lei prevé un conxunto de medidas entre as cales figura a xestión sustentable dos recursos naturais, especialmente a auga, o solo, as masas forestais, os espazos naturais, a fauna cinexética e os recursos de pesca continental.

En aplicación desta lei, ditouse o Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro Programa de desenvolvemento rural sustentable para o período 2010-2014, de aplicación nas zonas rurais que delimita e cualifica. En concreto, no seu eixe 4, artigo 21, apartado CA.6 (Apoio a iniciativas de protección do ambiente).

Finalmente, concretouse no convenio entre o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos plans de zona das súas zonas rurais figura, entre as actuacións de conservación da natureza, a actuación número tres da epígrafe 4.21-CA.6, consistente en subvencións en concorrencia polo sistema de rateo destinadas a sociedades colaboradoras de pescadores que realicen actividades e investimentos para o fomento da riqueza piscícola (BOE núm. 139, do 11 de xuño de 2012).

O réxime xeral das axudas e subvencións de Galicia establécese na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En virtude do anterior e en uso das atribucións do artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é regular a concesión de axudas a entidades colaboradoras que realicen actividades e investimentos para o fomento da riqueza piscícola.

2. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia polo sistema de rateo, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, son de aplicación os preceptos básicos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Actividades subvencionables

1. As actividades que poden ser obxecto de axuda son as seguintes:

a) Vixilancia de tramos de pesca.

b) Sinalización de tramos de pesca.

c) Creación, mantemento e conservación de accesos.

2. En ningún caso se outorgarán axudas para:

a) Gastos de vixilancia non relacionados directamente cun tramo fluvial.

b) Gastos de equipamento e material para a entidade colaboradora.

c) Actividades sociais de carácter lúdico ou competitivo.

d) O IVE.

e) Aqueles gastos que figuran no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

3. Para que estas axudas poidan outorgarse, deberanse cumprir as seguintes condicións:

3.1. Respecto da vixilancia de tramos fluviais:

a) A vixilancia dos tramos de pesca deberá ser exercida por vixilantes xurados de pesca fluvial, con nomeamento regulado segundo os artigos 29 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e 86 do seu regulamento.

b) Poderanse acoller a estas axudas os contratos en vigor a partir do 1 de outubro de 2013 ata o 30 de setembro de 2014.

c) Será obxecto de axuda a vixilancia que se realice a xornada completa (40 horas semanais), reducíndose a subvención proporcionalmente no caso de xornadas inferiores.

d) Ao inicio ou finalización do contrato, de non acadar un mes completo, ratearase a subvención segundo os días de vixilancia efectiva.

3.2. Respecto da sinalización dos tramos de pesca:

a) Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa información á beira dos ríos sobre a normativa de pesca aplicable aos distintos tramos incluíndo, entre outros, sinais, soportes e gastos de colocación.

b) O formato, a situación e demais características dos sinais deberán ser validados polo servizo provincial de Conservación da Natureza, previamente á execución dos traballos.

3.3. Respecto dos accesos:

a) Serán subvencionables a creación, mantemento e conservación de accesos a tramos de pesca e adecuación de sendas e postos de pesca.

b) As características dos traballos deberán constar nunha memoria ou proxecto técnico que requirirá da aprobación do servizo provincial de Conservación da Natureza previamente á súa execución.

c) É condición indispensable que, con anterioridade ao comezo dos traballos, o servizo citado expida ou valide unha certificación de non inicio dos traballos que deberá ser solicitada pola interesada.

4. Nos números 3.2) e 3.3) deste mesmo artigo non se poderán ter iniciadas as actividades antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

5. En todos os casos se deberán indicar os coutos e os concellos onde se van desenvolver as actividades para as que se solicita a subvención.

Artigo 3. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as sociedades ou asociacións que teñan o nomeamento de entidade colaboradora, de conformidade co disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e no Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. Este nomeamento deberá estar en vigor tanto no momento de presentar a solicitude de axuda como no momento do pagamento desta.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Importe das axudas

1. A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables, fixándose un importe máximo de 8.000 euros de axuda por solicitude.

2. Sen superar a porcentaxe anterior, as axudas terán os seguintes importes, que poderán ratearse en función da existencia de crédito suficiente tanto á alza como á baixa, segundo os niveis de prioridade en función dos concellos establecidos no anexo V:

a) Vixilancia: cincocentos euros (500 €) por vixilante e mes de vixilancia a xornada completa. Nos casos dunha duración inferior ao mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación.

b) Sinalización de tramos de pesca: o custo unitario da adquisición e colocación de cada sinal será de 10 €, ata un número máximo de sinais de 30. Non obstante, este número poderá verse incrementado segundo as posibilidades orzamentarias desa zona rural.

c) Accesos: douscentos euros (200 €) por quilómetro linear de camiño ou carreiro creado ou mellorado cunha largura mínima dun metro, que pode atoparse a ambas as dúas beiras do río ou mesmo como acceso ao río. No caso de construción ou reparación de pasarelas de pescadores ou doutras infraestruturas de acceso, a axuda poderá acadar os mil euros (1.000 €) por infraestrutura.

4. Se por causa xustificada o importe final dos gastos for menor do que se considerou subvencionable, o pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.

5. Non será causa de incremento da axuda que o importe final dos gastos sexa superior ao tomado en consideración para a concesión desta.

6. Para os efectos do disposto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non se achega valor engadido ao contido dela.

7. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

8. En todo caso, a contía das axudas estará condicionada á dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 5. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola devandita sede.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante; por isto, o modelo de solicitude normalizado inclúe a autorización expresa á Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados. No caso de que a persoa interesada non o autorice, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras deste procedemento.

Así mesmo, a presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

5. A solicitude para ser beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunhas das circunstancias previstas na alínea d), do número 2, do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. As persoas interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a súa presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 7. Documentación

1. Coa solicitude deberá presentarse copia da seguinte documentación:

a) O anexo I debidamente cuberto con identificación do/s couto/s ou tramo/s onde se pretenden realizar as actuacións.

b) Acreditación da personalidade: poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade. A presentación do NIF só será obrigada no caso de que o representante non autorice a consulta dos datos de identidade a través do sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

c) Copia cotexada dos contratos de vixilancia. En cada contrato deberá constar o período de duración, o tempo de dedicación e o ámbito xeográfico da vixilancia. En caso contrario deberase xuntar unha declaración en que se dea conta destes datos.

2. No caso de solicitar axudas por un importe subvencionable superior aos 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo a contraer o compromiso para a prestación do servizo ou entrega do ben, segundo o recollido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas acreditará de oficio a condición de entidade colaboradora, en cumprimento do disposto no artigo 1.1 desta orde.

Artigo 8. Criterios obxectivos para a adxudicación das axudas

O crédito dispoñible en cada zona rural repartirase proporcionalmente entre as solicitantes. Cando nunha zona rural as solicitudes non esgoten o orzamento previsto, o remanente incrementará o orzamento dispoñible da zona ou zonas co mesmo nivel de prioridade, na mesma proporción.

No caso de que aínda quede remanente, repartirase proporcionalmente entre as zonas rurais a revitalizar ou primeiro nivel de prioridade. No suposto de que aínda así quede orzamento, repartirase proporcionalmente entre as zonas rurais de segundo nivel, terceiro nivel e intermedias, seguindo esta orde.

Os coutos ou tramos para os cales se solicite axuda asignaranse ao concello que figure no anexo V desta orde con maior nivel de prioridade.

As actuacións en coutos ou tramos incluídos integramente en concellos non recollidos no anexo V non serán subvencionables.

Artigo 9. Tramitación

1. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comprobarán que as solicitudes cumpren cos requisitos exixidos e que se acompañan dos documentos sinalados.

Se a solicitude de subvención non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, os citados servizos requirirán as entidades solicitantes para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao de recepción do requirimento, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fixeren, poden considerarse desistidas da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza remitirán os expedientes, xunto co seu informe, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no prazo máximo dun mes contado a partir da data límite de presentación das solicitudes.

3. Os expedientes serán valorados por unha comisión de avaliación creada para tal fin na Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, que analizará a repartición do orzamento por zonas rurais, segundo as prioridades establecidas no anexo V, entre as solicitudes admitidas, sen que ningunha poida obter mais do 100 % de subvención sobre o investimento, nin exceder 8.000 euros de axuda. Esta comisión presidiraa o titular da Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas ou persoa en quen delegue. Ademais, serán membros da citada comisión a persoa titular da xefatura do servizo e a da área competentes na materia dos servizos centrais, que actuará como secretario/a.

4. A comisión de avaliación elevará a súa proposta á persoa responsable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que efectuará a proposta de resolución.

5. A proposta de resolución fará mención ás entidades solicitantes para as cales se propón a concesión da subvención e a contía de modo individualizado, especificándose o investimento subvencionable e a porcentaxe de axuda. As solicitudes para as cales se propoña a súa denegación relacionaranse conservando indicación da súa causa.

6. A concesión desta axuda outorgarase sen prexuízo de calquera outra autorización que sexa necesaria para o desenvolvemento das actuacións subvencionadas.

Artigo 10. Resolución e recurso

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras das axudas recollidas nesta orde.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir da publicación desta orde. No suposto de non recibir notificación nese prazo, entenderase denegada a solicitude.

3. Na resolución que se dite especificaranse os gastos subvencionables, a porcentaxe de subvención, o importe da subvención concedida, os prazos de execución e as condicións xerais e particulares da subvención.

4. A resolución ditada, segundo o disposto no punto primeiro deste artigo poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da subvención deberá ser aceptado polas interesadas que fosen propostas como beneficiarias no prazo máximo de dez (10) días desde a notificación da resolución de concesión, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 12. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra administración pública para a mesma finalidade, sempre que a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Publicidade da resolución

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza dará publicidade no Diario Oficial de Galicia ás subvencións concedidas con expresión da convocatoria, do programa e do crédito orzamentario a que se imputan, da beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

Artigo 14. Modificación da resolución

Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Obrigas das beneficiarias

1. A aprobación da subvención implicará o compromiso das solicitantes de executar as accións indicadas nas condicións previstas na resolución.

2. As beneficiarias deberán conservar, polo menos durante cinco anos, os documentos acreditativos da utilización dos fondos recibidos, segundo o artigo 11.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Xustificación do gasto

1. O prazo para a xustificación do fin das actividades e do pagamento de conceptos correspondentes a elas finalizará o día 15 de outubro de 2014. No en tanto, poderase conceder, por petición xustificada da interesada realizada antes da finalización do prazo establecido e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo de xustificación das axudas que non excederá a metade do prazo inicialmente previsto.

2. Para percibir o importe da axuda a beneficiaria deberá presentar, antes do vencemento do prazo de xustificación, nos lugares e formas sinalados no artigo 5 desta orde, o orixinal e a copia da seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento segundo o anexo II desta orde, xunto cos anexos III e IV debidamente cubertos.

b) Facturas orixinais ou copias compulsadas xunto cos extractos de contas ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario, de xeito que quede acreditada a efectiva realización dos pagamentos.

2. Conforme o previsto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a beneficiaria poderá subcontratar parte ou a totalidade da actividade subvencionada. Non obstante, non poderán subcontratarse as actuacións que, incrementando o custo da actividade subvencionada, non incrementen o valor engadido ao contido desta.

3. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza comprobarán a documentación e engadirán as certificacións sobre o grao de execución das actividades subvencionadas e sobre a adecuación destas á documentación que serviu de base para a concesión da axuda.

4. Unha vez realizado o anterior, o expediente remitirase, xunto cunha proposta, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Artigo 17. Modificación das actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades aprobadas, tanto no referente ao orzamento aprobado como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa e previa da directora xeral de Conservación da Natureza, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, previo informe favorable do servizo provincial correspondente. Para tal efecto, realizarase unha proposta de modificación xustificada, consonte as indicacións do artigo 5.

Artigo 18. Pagamento

1. O pagamento corresponderase co importe que resulte de aplicar a porcentaxe da axuda aos gastos subvencionables. Excepcionalmente, poderá subvencionarse unha parte dos gastos aprobados sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do gasto e que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente. Neste caso, ou se o gasto tivese un importe inferior ao inicialmente previsto, aplicarase a correspondente minoración.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto beneficiaria non se encontre ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e teña pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Revogación

1. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

2. En todos os supostos anteriormente citados, e por proposta da directora xeral de Conservación da Natureza, logo de audiencia previa á interesada e co informe previo do servizo provincial, o secretario xeral técnico, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, poderá revogar, total ou parcialmente, as axudas concedidas e declarar a obriga de reintegro á Xunta de Galicia das cantidades percibidas, co aboamento dos xuros de demora que correspondan.

Artigo 20. Financiamento

As axudas concedidas ao abeiro da presente orde serán cofinanciadas ao 50 % polo Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente e pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.541B.781.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, ata un importe máximo de 100.000 €.

O dito importe inicial poderá incrementarse con achegas adicionais logo da oportuna tramitación orzamentaria, axustándose ao disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Control das actividades subvencionadas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos competentes desta consellería poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realizasen as actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a axeitada execución das actividades que fosen obxecto das axudas, de acordo co establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Publicidade e identificación

1. As entidades beneficiarias das axudas deberán cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida consonte co disposto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Consonte coa cláusula novena do convenio específico entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos plans de zona, do 7 de maio de 2012 (BOE núm. 139, do 11 de xuño) a beneficiaria comprometese a sinalizar e identificar as actuacións realizadas ao abeiro da presente orde de axudas, segundo os modelos de carteis especificados no anexo VI. En concreto, nas actividades de sinalización, incluiranse os logotipos indicados nese anexo e, no suposto de accesos, instalarase ao menos un cartel no acceso principal do couto ou tramo fluvial segundo as especificacións do devandito anexo, que será validado con anterioridade polo servizo provincial de Conservación da Natureza.

Artigo 23. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, as entidades beneficiarias das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas públicas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co que se establece no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Disposicións xerais

O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposición adicional única. Delegación de funcións

Delégase no secretario xeral técnico o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 8.1, e demais competencias atribuídas nesta orde ao conselleiro; así mesmo, delégase a facultade de revogar e aplicar o procedemento sancionador.

E delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza a autorización de calquera modificación nas actividades aprobadas, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2014s

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO V
Zonas rurais de Galicia e niveis de prioridade
segundo o Real decreto 752/2010, do 4 de xuño

Niveis de prioridade

Zona rural

Provincia

Concellos e entidades locais menores

Importe (€)

Zona prioritaria nivel 1

Lugo Central

Lugo

Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Corgo (O), Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Incio (O), Láncara, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Páramo (O), Pastoriza, (A), Portomarín, Rábade, Samos, Sarria, Triacastela, Vilalba e Xermade

10.000

Montaña Lucense

Lugo

Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Fonsagrada (A), Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Nogais (As), Pedrafita do Cebreiro, Pol, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Riotorto.

10.000

Depresións Ourensás e Terras do Sil

Ourense

Baltar, Bande, Blancos (Os), Calvos de Randín, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Entrimo, Gudiña (A), Laza, Lobeira, Lobios, Manzaneda, Mezquita (A), Montederramo, Monterrei, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, Pobra de Trives (A), Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Teixeira (A), Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.

10.000

Zona intermedia nivel 2

Miño Central

Ourense

Allariz, Amoeiro, Arnoia (A), Avión, Baños de Molgas, Barbadás, Beade, Beariz, Boborás, Bola (A), Carballeda de Avia, Carballiño (O), Cartelle, Castrelo de Miño, Celanova, Cenlle, Coles, Cortegada, Esgos, Gomesende, Irixo (O), Leiro, Maceda, Maside, Melón, Merca (A), Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Padrenda, Pereiro de Aguiar (O), Peroxa (A), Piñor, Pontedeva, Punxín, Quintela de Leirado, Ramirás, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Taboadela, Toén, Verea, Vilamarín, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.

8.000

Valdeorras

Ourense

Barco de Valdeorras (O), Bolo (O), Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, Rúa (A), Rubiá, Veiga (A) e Vilamartín de Valdeorras.

8.000

Zona intermedia nivel 3

As Mariñas

Lugo

Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Ourol, Pontenova (A), Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, Valadouro (O), Vicedo (O), Viveiro e Xove.

7.750

Lugo Sur

Lugo

Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra do Brollón (A), Saviñao (O), Sober e Taboada.

7.750

Rías Altas e Arco Ártabro

A Coruña

Abegondo, Aranga, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Capela (A), Cariño, Carral, Cedeira, Cerdido, Cesuras, Coirós, Culleredo, Curtis, Fene, Irixoa, Laracha (A), Mañón, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Neda, Ortigueira, Oza dos Ríos, Paderne, Pontedeume, Pontes de García Rodríguez (As), Sada, San Sadurniño, Somozas (As), Valdoviño, Vilamaior e Vilasantar.

7.750

Terras de Santiago

A Coruña

Ames, Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Brión, Cerceda, Dodro, Frades, Melide, Mesía, Ordes, Oroso, Padrón, Pino (O), Rois, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

7.750

Pontevedra Leste e Terras do Miño

Pontevedra

Arbo, Campo Lameiro, Cañiza (A), Cerdedo, Cotobade, Covelo, Crecente, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, Guarda (A), Lama (A), Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Neves (As), Oia, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Ponteareas, Porriño (O), Rosal (O), Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño e Tui.

7.750

Zona intermedia, sen prioridade

Costa da Morte e Rías Baixas

A Coruña

Baña (A), Boiro, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Outes, Pobra do Caramiñal (A), Ponteceso, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Santa Comba, Vimianzo e Zas.

7.625

Pontevedra Norte e Rías Baixas

Pontevedra

Agolada, Barro, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, Cuntis, Dozón, Estrada (A), Grove (O), Illa de Arousa (A), Lalín, Meaño, Meis, Moraña, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Valga, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.

7.625

100.000

ANEXO VI
Logotipos entes cofinanciadores

missing image file

Cartel informativo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file