Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 10 de xuño de 2014 Páx. 26103

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 65/2014, do 28 de maio, polo que se modifica o Decreto 160/1988, do 9 de xuño, polo que se regula a prestación dos servizos de transporte escolar e de obreiros de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

1. Baixo a denominación xenérica de transporte de escolares e de persoal traballador recóllese unha modalidade de transporte público regular permanente, o cualificado como de uso especial, dirixido a colectivos homoxéneos e específicos de persoas usuarias que contratan a través dunha representación unitaria a prestación dun transporte exclusivo aos seus centros de estudo, traballo ou semellantes.

Esta modalidade de transporte configúrase como unha categoría de transporte regular, fronte ao transporte discrecional, e presenta unha especial relevancia na nosa comunidade autónoma atendendo fundamentalmente ao volume de contratación do transporte escolar público, superior ao de calquera outro territorio do Estado.

Este feito foi o determinante de que durante anos se considerase como un mecanismo útil para compensar os desequilibrios que presentaba o transporte regular de uso xeral, de xeito que mediante unha figura xurídica, o dereito de preferencia, que respondía á previsión do artigo 89 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, se artellaba un sistema de racionalización para as empresas de transporte e, sobre todo, de garantía da viabilidade das concesións rurais ou de débil tráfico mediante a subvención cruzada que representan os ingresos obtidos co servizo de uso especial, en termos da súa normativa de desenvolvemento.

Neste contexto, o dereito de preferencia configurouse xuridicamente como unha sorte de dereito de retracto a favor das empresas que foran titulares de concesións de transporte público regular de uso xeral e, marxinalmente, tamén doutros/as prestadores de servizos de uso especial; dereito que lles permitía subrogarse nos contratos concertados pola Administración pública e mesmo entre particulares.

Non obstante, desde a previsión desta figura na Lei 16/1987 e, a nivel autonómico, no Decreto 160/1988, do 9 de xuño, polo que se regula a prestación dos servizos de transporte escolar e de obreiros de competencia exclusiva da Xunta de Galicia, son moitos os cambios sociais e económicos que se teñen producido e que afectaron singularmente o ámbito do transporte, cambios entre os que resulta de especial trascendencia a consolidación de España no seo da Unión Europea, cos evidentes efectos que se produciron no ámbito xurídico a través da aplicación do acervo comunitario e a sucesiva publicación de normas comunitarias de aplicación directa nos Estados membros.

Dentro destas normas destaca, no ámbito do transporte público de persoas, o Regulamento (CE) nº 1370/2007 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2007, sobre os servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) 1191/69 e (CEE) 1107/70 do Consello; esta norma, de directa aplicación, asume que para garantir a aplicación dos principios de transparencia, igualdade de trato dos operadores en competencia e proporcionalidade, é indispensable, cando se outorguen compensacións ou dereitos exclusivos, definir nun contrato de servizo público entre a autoridade competente e o operador de servizo público elixido tanto a natureza das obrigas de servizo público como a retribución acordada.

En conclusión, a figura do dereito de preferencia tal e como o concibe o artigo 9 do Decreto 160/1988 deveu co tempo pouco operativa e, sobre todo, non presenta un encaixe posible na normativa comunitaria de aplicación directa. Estas dificultades vense reforzadas coa propia normativa de contratos das administracións públicas, sendo xa varios os pronunciamentos contrarios á aplicabilidade desta figura no actual marco legal da contratación pública.

Esta situación foi anticipada polo lexislador galego mediante a promulgación da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galicia, ditada coa finalidade de facilitar a adaptación do sector económico do transporte por estrada, último garante da calidade do sistema, ás importantes novidades na ordenación xurídica da materia que naquel momento se prevían xa no curto prazo, coa prevista introdución de modificacións normativas procedentes do ámbito comunitario e estatal. Mediante esta lei articulouse un escenario de transitoriedade fundamentado na estabilidade outorgada aos/ás prestadores dos actuais servizos co ámbito temporal previsto no propio regulamento comunitario, co fin de facilitar a adaptación deste sector a este novo contorno máis competitivo.

Xa que logo, mediante a presente norma procédese a clarificar o noso ordenamento xurídico coa finalidade de outorgar unha maior seguridade xurídica aos participantes na actividade de transporte público, sexan empresas dedicadas á actividade de transporte, sexan demandantes destes servizos, eliminando expresamente unha disposición que se considera contraria á normativa comunitaria e, por conseguinte, que non debe ser obxecto de aplicación.

Así mesmo, o referido Decreto 160/1988 mantén na redacción orixinaria do seu artigo 8 a previsión da posibilidade de que tres menores utilicen unicamente dous asentos, cuestión que contradí as normas de seguridade que para o transporte de escolares menores estableceu o Estado no exercicio das súas competencias exclusivas, mediante o Real decreto 443/2001, do 27 de abril, sobre condicións de seguridade do transporte escolar e de menores, razón pola que a mesma seguridade xurídica antedita aconsella a derrogación expresa do indicado artigo 8.

Finalmente, a disposición adicional segunda no Decreto 160/1988 prevé o sometemento dos servizos regulados nesta norma ás tarifas establecidas pola Xunta de Galicia. Esta facultade resulta igualmente contraditoria coa normativa de rango superior, en concreto, co establecido no artigo 18 da Lei 16/1987 na redacción que lle deu a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, razóns polas que resulta igualmente procedente a depuración do ordenamento xurídico e a derrogación expresa desta norma.

Na súa virtude, de conformidade co previsto no artigo 37 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e oito de maio de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único

Derróganse os artigos 8 e 9 e a disposición adicional segunda do Decreto 160/1988, do 9 de xuño, polo que se regula a prestación dos servizos de transporte escolar e de obreiros de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

Disposición transitoria

As autorizacións de servizos de transporte público regular permanente por estrada de persoas de uso especial que se outorgaron en favor de empresas que exercesen o dereito de preferencia e que estean vixentes no momento de entrada en vigor deste decreto manterán a súa vixencia e poderán ser obxecto de prórroga nos termos dos artigos 10 e concordantes do Decreto 160/1988, do 9 de xuño, polo que se regula a prestación dos servizos de transporte escolar e de obreiros de competencia exclusiva da Xunta de Galicia, sempre logo de acordo libre das partes contratantes.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de maio de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas