Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 3 de xuño de 2014 Páx. 24950

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 16 de maio de 2014 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal da Baña para a redelimitación do equipamento de sistema local RCL-11 (San Mamede do Monte).

O Concello da Baña remite a modificación referida, subscrita polo enxeñeiro Julio C. Rojo Martínez e o arquitecto Isidro López Yáñez, de Estudio Técnico Gallego, S.A., en solicitude da súa aprobación definitiva conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello da Baña conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente polo Pleno do concello en sesión do 26.6.2003.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia decidiu o 27.9.2012 non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica.

3. No expediente consta informe do arquitecto técnico municipal do 15.11.2012, no que afirma a legalidade e calidade técnica da ordenación; e informe da secretaria do concello do 19.11.2012, favorable á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG).

4. A modificación non foi sometida a informe previo á súa aprobación inicial (artigo 85.1 da Lei 9/2002) por non afectar a clasificación do solo, a intensidade de uso nin os sistemas xerais previstos no planeamento (artigo 93.4 da LOUG).

5. O Concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 28.11.2012. Foi sometida a información pública por un mes (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 11.1.2013 e Diario Oficial de Galicia do 28.1.2013). Non foron presentadas alegacións, segundo certificado do 24.7.2013. O acordo foi notificado aos concellos limítrofes de Val do Dubra e Negreira. O Concello de Negreira, mediante acordo da xunta de goberno local do 20.3.2013, decidiu non facer obxección ningunha á modificación.

6. O Concello solicitou en marzo de 2013 os informes sectoriais de Augas de Galicia, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Axencia Galega de Infraestruturas. No expediente remitido a esta consellería en agosto do 2013 constan os seguintes:

a) Informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas do 20.3.2013.

b) Informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 5.7.2013.

7. No expediente consta informe do arquitecto técnico municipal do 23.7.2013, no que sinala que a modificación cumpre coa legalidade; e informe-proposta favorable á aprobación provisional da secretaria do concello do 24.7.2013.

8. A modificación foi aprobada provisionalmente polo concello en Pleno do 31.7.2013.

9. O Concello remitiu o expediente en data do 20.8.2013. Esta consellería requiriu, ao abeiro do artigo 85.7 da LOUG, a emenda de deficiencias, nomeadamente a insuficiencia do período de información pública, que a LOUG fixa en dous meses.

10. A secretaria do concello emitiu informe complementario o 23.9.2013 sobre as infraccións ao procedemento aplicable. O Pleno municipal do 25.9.2013 acordou someter de novo a exposición pública polo prazo de dous meses a modificación, validando os restantes actos administrativos realizados.

11. A modificación foi exposta ao público de novo por un prazo de dous meses (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 28.9.2013 e DOG do 17.10.2013). Non foron presentadas alegacións, de acordo co certificado do 19.12.2013.

A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 23.12.2013.

13. Augas de Galicia emitiu o 20.12.2013 informe sobre a modificación, sinalando que non observa incidencia nos bens baixo a súa tutela e xestión.

14. O Concello remitiu a documentación requirida en datas 10.1.2013 e 12.2.2014.

II. Obxecto e descrición da modificación.

1. Os terreos afectados pola modificación sitúanse no núcleo rural de San Mamede do Monte e teñen unha superficie de 2.116 m2. Están cualificados no plan vixente como solo de núcleo rural tradicional, e a parte oeste deles, 1.353 m2, constitúen o sistema local de equipamento comunitario RCL-11, existente no momento da aprobación do PXOM.

2. Na zona existen tres elementos catalogados: a igrexa parroquial (AR-14), unha casa reitoral (AC-08) e un cruceiro (CR-14).

3. A modificación baséase na existencia, á entrada en vigor do plan xeral, de nichos na parte leste dos terreos, non incluída na delimitación do RCL-11, propoñendo a extensión da delimitación para incluír a totalidade dos terreos descritos, resultando:

a) Na páxina 29 da memoria, que inclúe o cadro dos equipamentos relixiosos, modifícase a superficie do cemiterio RCL-11 que pasa a ser de 2.116 m2.

b) Nos planos C-00 de estrutura xeral e orgánica do territorio e C-19 de clasificación do solo e sistema xeral viario, gráfase a nova delimitación do equipamento.

III. Análise e consideracións.

1. O proxecto xustifica a concorrencia do interese público exixido para a modificación (punto 1.4 da memoria) na necesaria adaptación do planeamento á realidade existente, de conformidade co artigo 94.1 da LOUG.

2. Canto a propiedade do conxunto dos terreos destinados a cemiterio resultantes da modificación, a partir dos datos obtidos o 2.4.2014 da sede electrónica do catastro todos pertencen á parcela catastral 1937901NH2513N0001SR, de 7.184 m2 de superficie, co que se cumpre un requisito necesario para formar un único cemiterio.

3. A proposta supón a admisión do uso de cemiterio no solo de núcleo rural tradicional. O carácter tradicional da presenza de cemiterios nos núcleos ampara a posibilidade de manter e, se é o caso, ampliar, aqueles que teñan tal carácter (artigo 26.1 da LOUG), ampliacións posibles ao abeiro do artigo 54 do Decreto 134/1999, de policía sanitaria mortuoria, que exime da exixencia da franxa de separación de 50 m (artigo 47 do devandito decreto) aos cemiterios autorizados antes da súa entrada en vigor, e con observancia da demais normativa aplicable.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 94.4 da LOUG, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, resolvo:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal da Baña (A Coruña) para a redelimitación do equipamento de sistema local RCL-11 (San Mamede do Monte), de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas