Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 2 de xuño de 2014 Páx. 24762

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado Planta satélite de gas natural licuado de Lalín, promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2014/3-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 4.11.2011 esta dirección xeral ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Lalín, na provincia de Pontevedra (expediente IN627A 2008/10-0); que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 30.12.2011 e no Boletín Oficial da provincia do 22.12.2011.

Conforme o disposto nesta autorización administrativa, a subministración de gas natural ao termo municipal de Lalín realizarase mediante unha plante de gas natural licuado (GNL) que se situará no parque empresarial de Lalín, desde a cal partirá a rede de distribución cara á zona urbana de Lalín.

Obxecto da petición:

O obxecto da petición é a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución denominado Planta satélite de gas natural licuado de Lalín.

Descrición das instalacións:

A planta de GNL situarase na parcela de referencia catastral 36024A070003970000AB (polígono 70, parcela 397); trátase dunha localización diferente a prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a que se fai referencia nos antecedentes.

A instalación proxectada está composta polos seguintes compoñentes: sistema de almacenamento; sistema de gasificación, regulación e odorización; sistema de caldeiras para auga quente; sistema eléctrico e control; e edificios e obra civil. As súas características xerais son as seguintes:

– Capacidade de almacenamento de GNL: 120 m3 (primeira fase: 1 depósito de 120 m3) e ampliación a 180 m3 (segunda fase: 1 depósito de 60 m3).

– Capacidade de gasificación máxima: 2.200 m3(N)/h.

– Presión máxima de subministración á rede: 4 barg.

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de Lalín, na provincia de Pontevedra.

Orzamento: douscentos once mil cincuenta e oito euros con corenta céntimos (211.058,40 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio; poderán examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria, rúa Fernández Ladreda, 43-5º, 36003 Pontevedra.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas