Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 28 de maio de 2014 Páx. 24253

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Oza-Cesuras

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan especial de equipamento en solo rústico para a ordenación dunha dotación docente en Mangoño-Mandaio.

A Comisión Xestora de Oza-Cesuras, en sesión celebrada o 28 de abril de 2014 adoptou, entre outros, o acordó que a seguir se transcribe:

«Aprobación definitiva do Plan especial de equipamento en solo rústico para a ordenacion dunha dotación docente (Mangoño, parroquia de Mandaio). O secretario, por orde da Presidencia, dá lectura á proposta do acordo que consta no expediente da sesión.

Na súa virtude, visto o procedemento administrativo para a aprobación do Plan especial de equipamento en solo rústico para a ordenación dunha dotación docente, lugar de Mangoño, parroquia de Mandaio, Oza-Cesuras, co obxecto de proceder á construción dun equipamento docente (gardaría ou escola infantil) nunha parcela municipal de 3.000 m2 de superficie e clasificada nas NSP de Cesuras como solo non urbanizable común (NN), promovido de oficio polo concello de Oza-Cesuras e redactado polo arquitecto Antonio López Rodríguez.

Resultando que, remitida a documentación ténica á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, co obxecto de que determinase se precisaba ou non da avaliación ambiental estratéxica a que se refire o artigo 5 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, con data do 2 de setembro de 2013, rexistro municipal de entrada nº 1329-C, recibiuse nas dependencias municipais decisión do 23 de agosto de 2013 do secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que acorda non someter o devandito plan especial a avaliación ambiental estratéxica, aínda que no número 2. Características ambientais da área probablemente afectada, sinala a necesidade de solicitar informe do organismo de bacía por discorrer a unha distancia aproximada de 40 metros o río Quintela.

Resultando que con datas do 9 e 10 de setembro de 2013 se emiten, respectivamente, os informes técnicos e xurídicos previstos na lei, ambos os dous en sentido favorable.

Resultando que con data do 12 de setembro de 2013, o presidente da Comisión Xestora, a través do correspondente decreto, acorda aprobar inicialmente o plan especial e someter o documento técnico, xunto co expediente administrativo, a trámite de información pública polo prazo dun mes, mediante anuncios que se publicarán no DOG, en dous xornais dos de maior circulación na provincia da Coruña, así como nos taboleiros de edictos do concello de Oza-Cesuras, co obxecto de que calquera interesado poida consultalo e formular as alegacións que considere oportunas, e, durante o mesmo tempo que se realiza o trámite de información pública, solicitar das administracións públicas competentes os informes sectoriais que resulten preceptivos, que deberán ser emitidos no prazo máximo dun mes, agás que a lexislación sectorial sinale outro diferente.

Resultando que os correspondentes anuncios exteriores foron publicados no DOG nº 181, do 23 de setembro de 2013, e nos xornais La Voz de Galicia, do 24 de setembro de 2013, e La Opinión, do 25 de setembro de 2013.

Resultando que con data do 30 de setembro de 2013, rexistro xeral de saída nº 906-C/13, se solicitou informe sectorial a Augas de Galicia.

Resultando que con data do 7 de novembro de 2013 o secretario-interventor certifica que no prazo de exposición pública da aprobación incial do plan especial non se recibiu no rexistro do concello ningún escrito de alegacións.

Resultando que con data do 8 de novembro de 2013 os servizos técnicos emiten novo informe favorable, reiterando o anterior do 9 de setembro de 2013, e recomendando unha refundición da documentación técnica.

Resultando que o 15 de novembro de 2013, o secretario emite novo informe no que conclúe que procede seguir coa tramitación do expediente –sen esperar á hipotética recepción do informe sectorial solicitado a Augas de Galicia–, e que, se é o caso, o presidente da Comisión Xestora de Oza-Cesuras proceda á aprobación provisional do plan especial e á remisión do expediente completo debidamente dilixenciado, ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia para o seu informe preceptivo previo á aprobación definitiva pola Comisión Xestora.

Resultando que, con data do 26 de novembro de 2013, o presidente da Comisión Xestora, mediante o oportuno decreto, acorda, en síntese, aprobar provisionalmente, sen introducir modificacións, o devandito plan especial, cuxo documento refundido, que igualmente se aproba, datado en novembro de 2013, Plan especial de equipamento en solo rústico para a ordenación dunha dotación docente, lugar de Mangoño, parroquia de Mandaio, concello de Oza-Cesuras. Promotor: Concello de Oza-Cesuras. Arquitecto: Antonio López Rodríguez, COAG 3054. Que o secretario da corporación proceda a dilixenciar en debida forma o documento técnico aprobado provisionalmente e faga constar esa circunstancia, e que, unha vez dilixenciado, se someta o citado documento técnico xunto con copia compulsada do expediente administrativo completo, ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, para o seu informe preceptivo.

Resultando que, remitida a documentación técnica ao citado conselleiro, o 28 de febreiro de 2014, rexistro municipal de entrada nº 685/14, recíbese o informe previo á aprobación definitiva emitido o 27 de febreiro de 2014 pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, que figura no expediente, cuxa conclusión é a seguinte “Á vista do antecitado, e para os efectos do establecido no artigo 86.1.d da LOUG, emítese informe favorable previo á aprobación definitiva do Plan especial de equipamento en solo rústico para a ordenación dunha dotación docente no concello de Oza-Cesuras”.

Resultando que con data do 9 de abril de 2014, rexistro xeral de entrada nº 1272-C/14, se recibe –absolutamente fóra de prazo– o informe sectorial de Augas de Galicia, do 31 de marzo de 2014, en sentido favorable pero condicionado a que se teña en conta a consideración –entre outras que se refiren ao momento de solicitar a autorización sectorial previa da obra ao citado organismo de bacía– de recoller o río Quintela na documentación e grafado nos planos, do xeito que se indica no punto “Rede fluvial” do citado informe sectorial.

Considerando que na tramitación do procedemento administrativo se cumpriron todos os trámites e garantías previstos pola lei.

Ao abeiro do disposto nos artigos 83, 84, 86 e 92 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a Comisión Xestora por dez votos a favor e unha abstención…, acorda:

Primeiro. Aprobar definitivamente o Plan especial de equipamento en solo rústico para a ordenación dunha dotación docente, lugar de Mangoño, parroquia de Mandaio, concello de Oza-Cesuras, promovido de oficio polo concello de Oza-Cesuras e aprobado provisionalmente polo Decreto da Presidencia do 26 de novembro de 2013, introducindo a seguinte modificación: recoller o río Quintela na documentación e grafado nos planos, do xeito que se indica no punto “Rede fluvial” do informe sectorial de Augas de Galicia do 31.3.2014.

Segundo. Publicar este acordo de aprobación definitiva do plan especial, no prazo dun mes desde a súa adopción, no Diario Oficial de Galicia, e o documento que conteña a normativa e as ordenanzas, no BOP da Coruña.

Terceiro. Dar traslado á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio (actualmente, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia) dunha copia autenticada de dous exemplares do plan especial aprobado definitivamente, con todos os planos e documentos integrantes debidamente dilixenciados polo secretario do concello, facendo constar a dita circunstancia,

Cuarto. A eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do plan quedan condicionadas ao cumprimento do disposto no artigo 92 de la LOUG e no 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local».

En cumprimento do establecido no artigo 92.3 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, faise constar que o acordo de aprobación definitiva, xunto coa documentación do plan especial, foi remitido nesta mesma data á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Contra o presente acordo poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Oza-Cesuras, 21 de maio de 2014

José Pablo González Cacheiro
Presidente da Comisión Xestora