Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 27 de maio de 2014 Páx. 23879

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2014, da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela, pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión do posto de xefe do Servizo de Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo convocada mediante Resolución do 16 de marzo de 2010 (Diario Oficial de Galicia número 63, do 6 de abril).

O Diario Oficial de Galicia núm. 63, do 6 de abril de 2010, publica a Resolución do 16 de marzo de 2010, da Xerencia Xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, pola que se anuncia convocatoria pública para a provisión do posto de xefe do Servizo de Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo do devandito complexo hospitalario.

Mediante Resolución do 14 de outubro de 2010 (DOG núm. 210, do 10 de novembro), da Xerencia Xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, resolveuse a convocatoria pública sinalada no parágrafo anterior.

Por Sentenza ditada pola Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o día 22 de xaneiro de 2014 (recurso de apelación núm. 288/2013), estímase o recurso de apelación formulado por Miguel Ángel Caínzos Fernández, contra a Sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela, do 27 de marzo de 2013 (P.A. 329/11), pola que se estimou parcialmente o recurso contencioso-administrativo interposto por Miguel Ángel Caínzos Fernández contra a Resolución do 14 de outubro de 2010, da Xerencia Xeral do CHUS, que resolveu a convocatoria pública para a provisión da praza de xefe do Servizo de Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo.

A resolución da sentenza, que é firme, dispón:

«Estimar o recurso de apelación formulado por Miguel Ángel Caínzos Fernández, contra a Sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela do 27 de marzo de 2013 (P.A. 329/11) pola que se estimou parcialmente o recurso contencioso-administrativo interposto por Miguel Ángel Caínzos Fernández contra a Resolución do 14 de outubro de 2010 da Xerencia Xeral do CHUS que resolveu a convocatoria pública para a provisión da praza de xefe do Servizo de Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo a favor de Manuel Pedro Bustamante Montalvo.

A estimación limítase á pretensión subsidiaria do recurso de apelación formulado polo Sr. Caínzos e referido á nulidade do acto impugnado, coa necesaria retroacción de actuacións para o nomeamento doutra comisión técnica de avaliación, co fin de que valore a proba de valoración do proxecto técnico, logo de exposición e defensa dos aspirantes ante aquela, con ulterior deliberación e levantamento de acta razoada da valoración de cada subconcepto segundo os termos expostos no fundamento de dereito oitavo».

En cumprimento da devandita sentenza, pola Resolución do 21 de febreiro de 2014, do xerente de Xestión Integrada de Santiago de Compostela, fíxose pública e notificóuselles aos interesados a composición da Comisión de Avaliación, abríndose prazo de dez días para que os interesados puidesen recusar os membros dela.

Logo da oportuna publicación e notificación aos interesados por parte da Comisión de Avaliación da convocatoria do acto público de defensa do proxecto técnico, levouse a cabo este o 3 de abril de 2014.

O 7 de abril de 2014, a Comisión de Avaliación acorda a publicación da listaxe provisional coa puntuación, desagregada por partes, logo de elaboración dun informe razoado, axustado a criterios previamente establecidos pola propia comisión, sobre a avaliación dos aspirantes, así como a apertura dun prazo de 15 días hábiles para a presentación de reclamacións.

En sesión celebrada pola Comisión de Avaliación o día 9 de maio de 2014, procédese á valoración das reclamacións presentadas, resultando desestimadas estas, polo que se acorda a ratificación das puntuacións da listaxe provisional, elevándoas a definitivas, a súa publicación, así como a elevación á Xerencia de Xestión Integrada, da proposta de adxudicación do posto convocado.

A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela, de conformidade coa proposta da Comisión de Avaliación, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, a Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG núm. 139, do 20 de xullo), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, e o Decreto 168/2010, do 7 de outubro (DOG núm. 199, do 15 de outubro), polo que se establece a estrutura organizativa de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde,

DISPÓN:

Primeiro. Resolver a convocatoria pública para a provisión do posto de xefe do Servizo de Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, convocada pola Resolución do 16 de marzo de 2010 (DOG núm. 63, do 6 de abril).

Segundo. Nomear, para o posto que se indica, a persoa citada no anexo desta resolución.

Terceiro. De conformidade coa base novena, o candidato nomeado será avaliado, antes de que transcorran catro anos desde o seu nomeamento, para os efectos de prorrogar o desempeño da xefatura, por idéntico período de tempo, ou proceder á súa remoción.

Cuarto. O aspirante nomeado deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición o destino provisional ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do interesado, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a consideración de servizo activo, e percibiranse os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular, e será declarado nesa situación polo órgano competente, quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Quinto. Contra a presente resolución, poderá interpoñerse recurso de alzada perante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, nos termos dos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2014

Luis Verde Remeseiro
Xerente de Xestión Integrada de Santiago de Compostela

ANEXO

Posto: xefe do Servizo de Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo.

Nome e apelidos: Manuel Pedro Bustamante Montalvo.

DNI: 5223266N.