Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 8 de maio de 2014 Páx. 20958

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2014 pola que se crean e regulan os ficheiros de datos de carácter persoal denominados Xestión do Rexistro de Mediadores/as do Ciarcus e Xestión de usuarios/as do CIARCUS.

A disposición adicional segunda, 2 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (Boletín Oficial del Estado núm. 298, do 14 de decembro), especifica que a creación ou modificación dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse mediante a disposición xeral correspondente.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou a regulación dos seus ficheiros para a súa adecuación á LOPD mediante a Resolución do 24 de xuño de 2002 e resolucións posteriores.

Tal e como establece o preámbulo da Lei 5/2012, do 6 de xullo, de mediación en asuntos civís e mercantís, unha das funcións esenciais do Estado de dereito é a garantía da tutela xudicial dos dereitos dos cidadáns. Esta función implica o reto da implantación dunha xustiza de calidade capaz de resolver os diversos conflitos que xorden nunha sociedade moderna e, á vez, complexa. Neste contexto, desde a década dos anos setenta do pasado século, recorreuse a novos sistemas alternativos de resolución de conflitos, entre os cales destaca a mediación, que foi cobrando unha importancia crecente como instrumento complementario da Administración de xustiza. Entre as vantaxes da mediación destaca a súa capacidade para dar solucións prácticas, efectivas e rendibles a determinados conflitos entre partes e iso configúraa como unha alternativa ao proceso xudicial ou á vía arbitral, dos cales se debe deslindar con claridade. A mediación está construída arredor da intervención dun profesional neutral que facilita a resolución do conflito polas propias partes, dunha forma equitativa, e permite o mantemento das relacións subxacentes e conserva o control sobre o final do conflito.

Para tal fin aprobouse por Acordo do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela (USC) do 3 de outubro de 2013 a creación do Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos da USC (CIARCUS), en virtude da posibilidade de existencia de institucións de mediacións que se deduce do artigo 5.1 da Lei 5/2012, do 6 de xullo, de mediación en asuntos civís e mercantís. O seu obxectivo principal serán a resolución daqueles conflitos que xurdan dentro da USC e tamén poderá mediar en aqueles procedementos que presenten persoas ou institucións alleas á propia institución universitaria.

Por outra banda, a disposición derradeira oitava da Lei 5/2012 establece a posibilidade da creación do Rexistro de Mediadores e Institucións de Mediación, dependente do Ministerio de Xustiza, así como a creación de rexistros de mediación nas comunidades autónomas. O dito rexistro foi regulado máis especificamente no Real decreto 980/2013, do 13 de decembro, polo que se desenvolven determinados aspectos da Lei 5/2012, do 6 de xullo, de mediación en asuntos civís e mercantís, e estableceu no seu artigo 24 o principio de coordinación como principio rexedor das relacións entre o Rexistro de Mediadores e Institucións de Mediación e os demais rexistros de mediadores que poidan existir nas comunidades autónomas, co fin de asegurar a unidade de datos, a economía das actuacións e a eficacia administrativa.

Coa finalidade de crear un rexistro de mediadores no CIARCUS, así como de asegurar a especial protección dos datos de carácter persoal que establece a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, cómpre a creación de dous novos ficheiros de protección de datos de carácter persoal, que abrangue a totalidade da xestión da información contida no Rexistro de Mediadores/as, así como da xestión de usuarios do CIARCUS.

Na súa virtude, e co fin de dar cumprimento ao mandato legal do artigo 20 da LOPD, sobre creación ou modificación de ficheiros que conteñan datos de carácter persoal xestionados pola Universidade de Santiago de Compostela, e de asegurarlles aos administrados o exercicio dos seus lexítimos dereitos,

DISPOÑO:

Primeiro. Créanse os ficheiros de Xestión do Rexistro de Mediadores/as do CIARCUS e de Xestión de usuarios/as do CIARCUS.

A súa descrición contense nos anexos I e II contidos nesta resolución, onde se indica o nivel de medidas de seguridade, en aplicación do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Segundo. Os ficheiros que se indican nos anexos I e II rexeranse polas disposicións xerais e instrucións que se detallen e estará sometido, en todo caso, ás normas legais e aos regulamentos de superior rango que lles sexan aplicables.

Terceiro. A aprobación desta resolución non supón a supresión de ningún ficheiro de datos de carácter persoal, polo que non é necesaria a aplicación do disposto no artigo 20.3º da LOPD.

Cuarto. Ademais das cesións previstas para cada un dos ficheiros, poderanse realizar cesións sempre que así se recolla nunha norma ou para os efectos de remitir datos aos servizos estatísticos, tanto estatais como da comunidade autónoma, para o desenvolvemento das funcións propias destes servizos ou entidades e cos límites establecidos na lei.

Quinto. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2014

Juan J. Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Ficheiro nº 34 [Xestión do Rexistro de Mediadores/as].

a) Identificación do ficheiro:

Ficheiro para a xestión do Rexistro de Mediadores/as.

b) Órgano, ente ou autoridade administrativa responsable do ficheiro:

Vicerreitoría de Investigación e Innovación. Universidade de Santiago de Compostela. Praza do Obradoiro (Colexio de San Xerome), s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña.

c) Órgano, servizo ou unidade en que se deberán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Secretaría do CIARCUS (Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos). Facultade de Dereito. Campus Vida, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña.

d) Carácter informatizado ou manual do ficheiro:

Ficheiro de carácter mixto.

e) Medidas de seguridade:

Medidas de nivel básico.

f) Tipos de datos de carácter persoal que se incluirán no ficheiro:

– Datos de carácter identificativo: DNI ou NIF, nome e apelidos, enderezo postal e electrónico, teléfono, sinatura/pegada, imaxe/voz.

– Outro tipo de datos: académicos e profesionais, transaccións de bens e servizos.

g) Descrición detallada da finalidade do ficheiro e usos previstos:

Xestión dos datos dos mediadores/as que presten o seus servizos no CIARCUS.

h) Tipificación da finalidade e usos previstos:

Recursos humanos, xustiza, servizos sociais.

i) Persoas ou colectivos sobre os cales se pretenden obter datos ou que resultan obrigados a subministralos:

Solicitantes.

j) Procedencia ou procedemento de recolla dos datos:

Achega de datos polo propio interesado ou polo seu representante.

k) Órganos e entidades destinatarios das cesións previstas, indicando as transferencias internacionais:

Non se prevén cesións.

ANEXO II

Ficheiro nº 35 [Xestión de usuarios/as do CIARCUS].

a) Identificación do ficheiro:

Ficheiro para a xestión de usuarios/as do CIARCUS.

b) Órgano, ente ou autoridade administrativa responsable do ficheiro:

Vicerreitoría de Investigación e Innovación. Universidade de Santiago de Compostela. Praza do Obradoiro (Colexio de San Xerome) s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña.

c) Órgano, servizo ou unidade en que se deberán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Secretaría do CIARCUS (Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos). Facultade de Dereito. Campus Vida. 15782 Santiago de Compostela, A Coruña.

d) Carácter informatizado ou manual do ficheiro:

Ficheiro de carácter mixto.

e) Medidas de seguridade:

Medidas de nivel básico.

f) Tipos de datos de carácter persoal que se incluirán no ficheiro:

– Datos de carácter identificativo: DNI ou NIF, nome e apelidos, enderezo postal e electrónico, teléfono, sinatura/pegada, imaxe/voz.

– Outros tipos de datos: características persoais, circunstancias sociais, transaccións de bens e servizos.

g) Descrición detallada da finalidade do ficheiro e usos previstos:

Xestión de datos relativos á xestión de conflitos de usuarios e das tarefas de xestión e de investigación do CIARCUS.

h) Tipificación da finalidade e usos previstos:

Xustiza, servizos sociais, fins históricos, estatísticos ou científicos.

i) Persoas ou colectivos sobre os cales se pretenden obter datos ou que resultan obrigados a subministralos:

Solicitantes.

j) Procedencia ou procedemento de recolla dos datos:

Achega de datos polo propio interesado ou polo seu representante.

k) Órganos e entidades destinatarios das cesións previstas, indicando as transferencias internacionais:

Non se prevén cesións.