Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 8 de maio de 2014 Páx. 20998

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2014, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se concede autorización a SITA SPE Ibérica, S.L.U. para actuar como organismo de control.

Examinada a solicitude de autorización presentada por Jesús Casado León, en representación de SITA SPE Ibérica, S.L.U., con CIF B-60171162, con sede en Camí Can Bros, 6, 08760 Martorell (Barcelona), para actuar como organismo de control, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ten en consideración os seguintes:

Feitos.

Primeiro. SITA SPE Ibérica, S.L.U. foi acreditada por Enac, Entidade Nacional de Acreditación, para as actividades de inspección na área ambiental, segundo os criterios recollidos na norma UNE-EN ISO/IEC 17020, tal e como consta no certificado de acreditación número 223/EI361, do 1 de outubro de 2010 (anexo técnico revisión 4), con vixencia ata notificación en contra.

Segundo. Con data do 26 de marzo de 2014, Jesús Casado León, en representación de SITA SPE Ibérica, S.L.U., presentou escrito en que solicitaba, ao abeiro do Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de infraestruturas de calidade e seguridade industrial, que se lle concedese a autorización para actuar como organismo de control nos ámbitos regulamentarios solicitados. Para tal efecto xuntaba a documentación exixida no artigo 43.3 do citado real decreto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Esta secretaría xeral é competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia (Boletín Oficial del Estado núm. 101, do 28 de abril), nos reais decretos 1634/1980, do 31 de xullo (Boletín Oficial del Estado núm. 191, do 9 de agosto) e 2536/1982, do 24 de xullo (Boletín Oficial del Estado núm. 246, do 14 de outubro; Diario Oficial de Galicia núm. 30, do 4 de decembro), nos decretos 6/1982, do 29 de xaneiro (Diario Oficial de Galicia núm. 2, do 12 de febreiro) e 132/1982, do 4 de novembro (Diario Oficial de Galicia núm. 30, do 4 de decembro), e no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en relación coa Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria (Boletín Oficial del Estado do 23 de xullo), e o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro (Boletín Oficial del Estado do 6 de febreiro de 1996), polo que se aproba o Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial e demais lexislación concordante.

Segundo. Na tramitación deste expediente cumpríronse todos os requisitos regulamentarios.

Terceiro. A documentación presentada por SITA SPE Ibérica, S.L.U. acredita que a empresa cumpre coas exixencias xerais establecidas no artigo 43.3 do Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, para a súa actuación nos ámbitos regulamentarios solicitados.

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de acordo con todo o que antecede e en exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. SITA SPE Ibérica, S.L.U., para actuar como organismo de control para as actividades de:

– Inspección na área ambiental: solos potencialmente contaminados e augas subterráneas asociadas.

2. Esta autorización ten un período de vixencia ata notificación en contra, e poderá ser suspendida ou revogada, ademais de nos casos previstos na lexislación vixente, cando o sexan as citadas acreditacións de Enac.

3. SITA SPE Ibérica, S.L.U. queda autorizada para actuar en todo o territorio do Estado, nos ámbitos regulamentarios e período de vixencia establecidos nos puntos primeiro e segundo, respectivamente; deberá, en calquera caso, notificar a Administración competente da comunidade autónoma distinta da que o autorizou no inicio da súa actividade.

4. Esta autorización queda supeditada ás seguintes condicións:

1. Comunicar á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, ao día seguinte de producirse, calquera modificación das condicións ou requisitos que deron lugar a esta autorización, e xuntar, se é o caso, informe ou certificado da Entidade Nacional de Acreditación (Enac).

2. Cumprir o establecido, con carácter xeral, na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, e no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, no que sexa de aplicación.

3. Nas súas actuacións na Comunidade Autónoma de Galicia, cumprir os requisitos suplementarios que no seu día poida establecer a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado desde a data da súa notificación, de conformidade co artigo 114 de la Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2014

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental