Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 5 de maio de 2014 Páx. 20254

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 11 de abril de 2014 pola que se clasifica de interese social a Fundación José Ramón Garro Quiroga.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación José Ramón Garro Quiroga con domicilio na rúa Chantada, nº 134, en Monforte de Lemos (Lugo).

Feitos:

1. Rocío Balado Álvarez, actuando en representación do presidente da Fundación, solicitou a súa clasificación para os efectos da correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación José Ramón Garro Quiroga foi constituída en escritura pública outorgada en Monforte de Lemos o 1 de marzo de 2011, ante a notaria Patricia Posse Paz, con número de protocolo 361, por José Luís Garro Carballo, José Val y Val e Alejandro Mazaira Garro, en cumprimento da vontade testamentaria de José Ramón Garro Quiroga.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto dotar dun aparcadoiro o cemiterio de San Vicente de Castillón na parroquia de Pantón, así como o mantemento do dito cemiterio.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por José Luís Garro Carballo, como presidente; Alejandro Mazaira Garro, como vicepresidente, e José Val y Val, como secretario.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social da Fundación José Ramón Garro Quiroga, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 7 de abril de 2014,

DISPOÑO:

Clasificar de interese social a Fundación José Ramón Garro Quiroga, adscribíndoa ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza