Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 28 de abril de 2014 Páx. 19073

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia.

Exposición de motivos

1

Co antecedente das previsións sobre a posible existencia de institucións consultivas autonómicas equivalentes ao Consello de Estado contidas na Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, no Texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, sobre todo, co explícito recoñecemento polo Tribunal Constitucional das facultades das comunidades autónomas para crearen, en virtude das súas potestades de autoorganización, órganos consultivos propios, das mesmas características e con idénticas ou semellantes funcións ás do Consello de Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia procedeu, mediante a Lei 9/1995, do 10 de novembro, á creación do Consello Consultivo de Galicia, que habería de prestar a garantía que para o interese xeral e a legalidade obxectiva representaba, ata aquel entón, a intervención preceptiva do Consello de Estado en determinados procedementos e actuacións das administracións públicas de Galicia. Desde tal momento os ditames do Consello de Estado pasaron a ser substituídos, en materias de competencia autonómica, polos emitidos por esa nova institución consultiva.

Os máis de tres lustros transcorridos desde a entrada en vigor da dita lei supuxeron un lapso de tempo suficiente para comprobar a eficacia do Consello Consultivo de Galicia. Pero ese tempo tamén puxo de relevo a necesidade de dotar a institución dunhas características que se axusten mellor ao complexo sistema xurídico actual, á exixencia de satisfacción dos intereses públicos aos que, con obxectividade, deben servir os órganos decisores para os cales a institución consultiva ditamina ou informa, e aos principios de eficiencia e economía do gasto público, todo isto con pleno respecto ás garantías institucionais de autonomía orgánica e funcional, que, por definiren a esencia dos consellos consultivos, segundo os criterios establecidos polo Tribunal Constitucional, son infranqueables para o lexislador.

2

Partindo daqueles parámetros, na revisión que se efectúa a través desta lei comézase, no seu título I, por definir a posición institucional do Consello Consultivo de Galicia como supremo órgano consultivo da Xunta de Galicia e das administracións públicas integradas no seu territorio, co cal se precisa o alcance subxectivo das súas funcións, que non só abarcan a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, con todos os entes que integran o sector público autonómico, senón que tamén se estenden ás entidades locais e ás universidades públicas de Galicia.

Fronte ao sistema de designación gobernamental dos membros electivos do órgano consultivo, polo que optou o lexislador de 1995 en coherencia coas limitadas funcións que ao Consello Consultivo de Galicia se lle encomendaban nos procesos de produción normativa, implántase no título II desta lei, como un dos trazos fundamentais que caracterizan ese órgano, un sistema mixto que dá participación ao Parlamento na elección de tres dos membros electivos do Consello Consultivo, atendendo ás novas competencias de intervención del na actividade do lexislativo, sequera o sexa en fase de iniciativa do Goberno e con carácter facultativo, dotándoo tamén, asemade, dun necesario equilibrio institucional.

Por outra banda, o feito de que a multiplicidade de funcións que se asignan ao Consello Consultivo xiren, en esencia, arredor de materias que afectan especificamente disciplinas de dereito público, fai oportuno que a elección dos membros electivos recaia sobre persoas dotadas duns perfís técnico-xurídicos que estean en consonancia con tal circunstancia.

No título III amplíanse as competencias do órgano consultivo, respecto do que lle precedeu, desde unha dobre óptica: primeiro, nivelando as funcións ditaminadoras e as asesoras, de maneira que a chamada función ditaminadora, limitada a comprobar se determinadas propostas de resolucións ou proxectos de textos normativos xa elaborados se axustan ao ordenamento xurídico e a unha correcta técnica, se completa coa función de asesoramento técnico dos poderes públicos, que abarca a posible redacción de anteproxectos lexislativos, a elaboración de propostas lexislativas ou de reforma estatutaria, e, sobre todo, a emisión de informes sobre cuestións concretas de especial transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia; segundo, axustando o ámbito competencial do órgano consultivo ao vixente marco legal (incluíndo, entre outras, as funcións de ditaminar sobre a revisión de oficio de disposicións xerais, a declaración de nulidade de pleno dereito dos actos ditados en materia tributaria, a formalización de conflitos en defensa da autonomía local, a aprobación de pregos de cláusulas administrativas xerais ou as modificacións dos contratos administrativos), engadindo outras competencias, que hoxe son lugar común nas lexislacións autonómicas (como as relativas á emisión de ditames previos á interposición polo Consello da Xunta de recursos de inconstitucionalidade e conflitos de competencia perante o Tribunal Constitucional), e atribuíndo ao órgano consultivo competencia para emitir ditames facultativos nos procesos de elaboración de leis de iniciativa da Xunta.

A regulación e as competencias dos órganos en que se articula o Consello Consultivo e o procedemento de adopción dos seus acordos son o obxecto dos títulos IV e V desta lei, merecendo destacarse, no primeiro aspecto, a configuración dun órgano de novo cuño, a Sección de Estudos e Informes, que vai contar coa achega da valiosa e excepcional experiencia das conselleiras e dos conselleiros natos e á que se lle encomenda na lei a redacción dos anteproxectos lexislativos e a elaboración das propostas lexislativas ou de reforma estatutaria que o Consello da Xunta poida encomendar ao Consello Consultivo, como así mesmo a realización dos informes que a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia solicite.

Finalmente, no título VI, e sen prexuízo das necesarias referencias ao persoal ao servizo do Consello Consultivo e ao corpo de persoal letrado da institución, encoméndase o desenvolvemento pormenorizado da súa organización e funcionamento a un futuro regulamento, o cal será elaborado polo Consello Consultivo e aprobado polo Consello da Xunta.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei do Consello Consultivo de Galicia.

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza

O Consello Consultivo de Galicia é o supremo órgano consultivo da Xunta de Galicia e das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Consello Consultivo de Galicia actúa con independencia respecto de calquera órgano e, en garantía dela, goza de autonomía orgánica e funcional, non estando os seus membros ligados por ningún mandato imperativo.

Artigo 2. Sede

O Consello Consultivo de Galicia ten a súa sede na cidade de Santiago de Compostela.

TÍTULO II
Composición

Artigo 3. Membros e a súa designación

1. O Consello Consultivo de Galicia está integrado por conselleiras e conselleiros electivos e mais por conselleiras e conselleiros natos.

2. As conselleiras e os conselleiros electivos, en número de cinco, deberán ser xuristas de recoñecida competencia que conten cunha experiencia e desempeño efectivo, durante polo menos dez anos, en cargo, función ou actividade profesional relacionados especificamente con aquelas especialidades de dereito público relacionadas coas actividades do Consello Consultivo.

O presidente da Xunta nomeará os cinco membros electivos do Consello Consultivo: dous unha vez escoitado o Consello da Xunta e os outros tres por proposta do Parlamento de forma proporcional á representación dos grupos parlamentarios existentes na Cámara. As persoas candidatas propostas de forma proporcional polos grupos parlamentarios como membros electos do Consello Consultivo de Galicia deberán comparecer perante a Comisión correspondente conforme o Regulamento da Cámara co fin de examinar a súa idoneidade para o cargo. Con posterioridade o Pleno da Cámara adoptará o acordo por maioría de tres quintos dos seus membros en primeira votación ou maioría absoluta en segunda votación, se for necesaria. A Presidencia do Parlamento comunicará este acordo ao presidente da Xunta para que proceda ao seu nomeamento.

A composición e posterior renovación do Consello procurarán atender a criterios de paridade.

3. Son conselleiras e conselleiros natos as persoas que exerceron a Presidencia da Xunta de Galicia.

A súa incorporación inicial ao Consello Consultivo pode producirse en calquera momento, pero en todo caso antes de cumpriren a idade de setenta e cinco anos. Para tal efecto, formalizarán perante o Consello Consultivo o seu desexo de incorporarse a el e formularán declaración de non incorrer en causa de incompatibilidade.

O mandato das conselleiras e dos conselleiros natos do Consello Consultivo, unha vez que se incorporen a el, poderá interromperse a consecuencia do seu nomeamento para un cargo público declarado incompatible. Ao producirse o cesamento nese cargo, a persoa interesada dispoñerá dun prazo de tres meses desde o dito cesamento para formalizar a súa reincorporación ao Consello Consultivo polo tempo que lle quede de mandato.

Artigo 4. Duración do mandato e substitución

1. As conselleiras e os conselleiros electivos exercerán o seu mandato por un período de seis anos, agás remoción polas causas previstas nesta lei.

2. As conselleiras e os conselleiros electivos terán como límite máximo de permanencia nos seus cargos a idade de setenta e dous anos.

3. O cesamento anticipado dunha conselleira ou dun conselleiro electivo dará lugar á súa substitución.

Para tal efecto, a persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo poñerá o cesamento en coñecemento da persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia e pedirá que esta nomee ou, se é o caso, solicite do órgano que propuxo a conselleira ou o conselleiro cesante a realización de nova proposta na forma e coas condicións previstas para o nomeamento inicial e mais que se proceda ao nomeamento dunha nova conselleira ou conselleiro, cuxo mandato exercerá polo tempo que falte para a expiración do mandato da persoa cesante.

4. As conselleiras e os conselleiros natos exercerán o seu mandato por un período de seis anos de teren a condición de titular da Presidencia da Xunta de Galicia durante catro ou menos anos, ou por un período de doce anos de teren a condición de titular da Presidencia da Xunta de Galicia durante máis de catro anos.

5. Con tres meses de antelación á expiración do período de mandato dunha conselleira ou dun conselleiro nato, a persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo comunicarallo ao Consello da Xunta, o cal, cando as circunstancias concorrentes así o aconsellen, poderá prorrogar o mandato da conselleira ou do conselleiro por un período que non superará, en ningún caso, a terceira parte do período inicial que lle correspondese.

Artigo 5. Inmobilidade e cesamento

1. Durante o tempo do seu mandato as conselleiras e os conselleiros serán inamovibles, non podendo removerse dos seus cargos senón por renuncia, límite de idade, incapacidade, incompatibilidade sobrevida ou incumprimento grave dos deberes do cargo, así como por resultar condenado por delito doloso no exercicio do cargo.

2. O cesamento en todos os supostos será decretado polo Consello da Xunta, logo de aceptación da renuncia pola Presidencia do Consello Consultivo e apreciación das restantes causas do cesamento polo Pleno do Consello Consultivo.

3. No suposto de cesamento por renuncia ou límite de idade, a conselleira e o conselleiro electivo deberá continuar exercendo as súas funcións ata que tome posesión do seu cargo quen deba substituílo.

Artigo 6. Incompatibilidades

1. A condición de conselleira ou conselleiro é incompatible:

a) Con calquera cargo de elección popular ou designación política.

b) Con emprego ou cargo dotado ou retribuído pola Administración do Estado, das comunidades autónomas, das entidades locais e dos organismos ou empresas dependentes de calquera delas.

c) Co exercicio das carreiras xudicial, fiscal ou militar.

d) Co desempeño de funcións directivas en partidos políticos, sindicatos de traballadores ou asociacións empresariais.

e) Con cargos de toda índole en empresas ou sociedades que contraten a prestación de servizos, subministración ou obras con calquera Administración da Comunidade Autónoma.

f) Con calquera actividade profesional ou mercantil.

2. Será compatible co exercicio da actividade docente, logo de declaración expresa de compatibilidade pola Presidencia do Consello Consultivo.

Así mesmo será compatible, sen necesidade de declaración expresa de compatibilidade, coas actividades de produción e creación literaria, científica ou técnica e as publicacións derivadas delas, así como coa participación como director ou relator en congresos, seminarios, xornadas de traballo, conferencias ou cursos de carácter profesional.

3. Se concorre algunha causa de incompatibilidade na persoa que se designe conselleira ou conselleiro electivo e esa causa non é removida antes da data sinalada para tomar posesión do cargo, entenderase que renuncia ao posto no Consello Consultivo, o que así se decretará polo Consello da Xunta, e seguidamente procederase, de se tratar dunha conselleira ou dun conselleiro electivo, a efectuar unha nova designación na forma prevista para os supostos de cesamento anticipado.

Artigo 7. Abstención

As persoas que integran o Consello Consultivo deberán absterse de intervir naqueles asuntos que proceda conforme a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Deber de segredo

As persoas que integran o Consello teñen a obriga de gardar segredo sobre o contido das deliberacións deste e non poderán facer, sen a súa previa autorización, declaracións ou manifestacións públicas, valorativas, orais ou escritas, ou formular do mesmo modo opinións científicas, sobre temas ou materias concretas que estean directamente relacionados con asuntos sometidos ou que debe coñecer o Consello.

Artigo 9. Retribucións

A persoa titular da Presidencia e os membros do Consello Consultivo terán dereito ás retribucións polos conceptos e as contías que anualmente se fixen na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10. Renovación das conselleiras e dos conselleiros electivos

Con seis meses de antelación á expiración do mandato das conselleiras e dos conselleiros electivos, a persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo dirixirase á Presidencia da Xunta de Galicia e á Presidencia do Parlamento solicitando que se proceda ao nomeamento de novas conselleiras ou conselleiros.

Os membros electivos do Consello Consultivo deberán permanecer no exercicio dos seus cargos ata a toma de posesión dos novos membros.

TÍTULO III
Competencias

Artigo 11. Ditames

1. O Consello Consultivo de Galicia emitirá ditame en cantos asuntos, relativos ás materias previstas nesta lei, sexan sometidos á súa consulta pola Presidencia da Xunta de Galicia, o Consello da Xunta ou calquera das persoas que forman parte del, as administracións do sector público autonómico, as entidades locais e as universidades públicas de Galicia.

2. No desempeño da súa función ditaminadora, o Consello Consultivo de Galicia exercerá o control previo do rigor técnico xurídico das actuacións do órgano consultante, velando pola observancia da Constitución, do Estatuto de autonomía de Galicia e do resto do ordenamento xurídico, sen estenderse a valoracións de oportunidade ou conveniencia, agás que así o solicite expresamente o órgano consultante.

3. A consulta ao Consello Consultivo de Galicia será preceptiva cando así se estableza por lei.

Os ditames non serán vinculantes, agás que por lei se dispoña expresamente o contrario.

4. Os asuntos sobre os que ditaminase o Consello Consultivo de Galicia non poderán ser sometidos polo órgano consultante a ditame posterior doutro órgano ou institución consultiva.

5. Os actos administrativos, as disposicións ou os proxectos normativos aprobados en asuntos ditaminados preceptivamente polo Consello Consultivo expresarán se se acordan conforme o seu ditame ou se apartan del. No primeiro caso, conterán a fórmula «de acordo co Consello Consultivo»; no segundo, a de «oído o Consello Consultivo» ou, de se conformaren enteiramente con algún voto particular, a de «oído o Consello Consultivo e de acordo co voto particular formulado pola(s) conselleira(s) ou o(s) conselleiro(s)…».

Artigo 12. Ditames preceptivos

O Consello Consultivo ditaminará preceptivamente sobre os seguintes asuntos:

a) Anteproxectos de reforma do Estatuto de autonomía elaborados pola Xunta de Galicia.

b) Proxectos de lexislación delegada a que se refire o artigo 10.1.a) do Estatuto de autonomía de Galicia.

c) Proxectos de regulamento de execución de leis autonómicas e de desenvolvemento de normas básicas do Estado e, de ser o caso, de normas da Unión Europea, así como as súas modificacións.

d) Interposición polo Consello da Xunta de recursos de inconstitucionalidade e formulación de conflitos de competencia perante o Tribunal Constitucional, previamente á presentación do correspondente procedemento.

e) Formalización de conflitos en defensa da autonomía local formulados polas entidades locais de Galicia perante o Tribunal Constitucional, previamente á presentación do correspondente procedemento.

f) Revisión de oficio dos actos e das disposicións administrativas e recurso administrativo de revisión.

g) Aprobación do prego de cláusulas administrativas xerais e interpretación, modificación, nulidade e resolución dos contratos administrativos nos casos previstos na normativa xeral de contratación administrativa.

h) Nulidade, interpretación, modificación e extinción de concesións administrativas calquera que sexa o seu obxecto, nos casos en que así o exixan as normas aplicables.

i) Nulidade de pleno dereito dos actos ditados en materia tributaria.

j) Reclamacións de responsabilidade patrimonial de contía superior a 30.000 euros para a Administración autonómica e a 15.000 euros para as administracións locais.

k) Creación ou supresión de concellos e alteración de termos municipais.

l) Convenios e acordos de cooperación con outras comunidades autónomas.

m) Calquera outro asunto no cal unha lei exixa expresamente o ditame do órgano consultivo.

Artigo 13. Ditames facultativos

Con carácter facultativo, poderá pedirse o ditame do Consello Consultivo nos seguintes casos:

a) Anteproxectos de lei elaborados polo Consello da Xunta.

b) Conflitos de atribucións que se susciten entre diversas consellarías, entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma e outras administracións públicas de Galicia ou entre as entidades locais de Galicia.

c) Modificación dos instrumentos de planeamento urbanístico regulados por lei, cando teñan por obxecto unha diferente zonificación no uso urbanístico do solo rústico especial, nos espazos libres e nas zonas verdes destinados ao dominio público do plan.

d) Calquera outro asunto que afecte a Administración da Comunidade Autónoma ou as entidades locais de Galicia cando, a xuízo da persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, o requira a súa especial transcendencia.

Artigo 14. Propostas e informes

O Consello da Xunta poderá encomendar ao Consello Consultivo de Galicia a redacción de anteproxectos lexislativos e a elaboración de propostas lexislativas ou de reforma estatutaria. A súa realización deberá axustarse estritamente ao ámbito delimitado polos criterios e obxectivos expresados polo Consello da Xunta.

Poderá tamén a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia solicitar do Consello Consultivo de Galicia a emisión de informes sobre calquera cuestión concreta cando, ao seu xuízo, sexan de indubidable transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 15. Memoria anual

O Consello Consultivo elevará unha memoria anual ao Consello da Xunta de Galicia na que expoñerá a súa actividade no exercicio anterior, así como as suxestións que estime oportunas para a mellora das actuacións administrativas. Dela darase conta ao Parlamento de Galicia.

TÍTULO IV
Órganos do Consello Consultivo

Artigo 16. Clases

1. O Consello Consultivo articúlase nos seguintes órganos:

– Presidencia,

– Pleno,

– Sección de Ditames,

– Sección de Estudos e Informes,

– Secretaría Xeral.

2. Regulamentariamente poderanse establecer outras seccións que se estimen oportunas.

Artigo 17. Presidencia

1. Na primeira reunión do Consello, cando estea vacante a presidencia, os membros electivos procederán á elección da persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo por e entre as conselleiras e os conselleiros electivos en votación secreta e por maioría absoluta, e esta será nomeada pola Presidencia da Xunta. O seu mandato terá unha duración coincidente coa do seu cargo de conselleira ou conselleiro.

De non se conseguir a maioría absoluta no prazo dun mes comunicaráselle á Presidencia da Xunta para que proceda ao seu nomeamento.

2. A persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo tomará posesión do seu cargo perante o Pleno do dito órgano.

3. Nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou outro motivo lexítimo será substituída pola conselleira ou o conselleiro electivo de máis idade.

Artigo 18. Funcións da Presidencia

A Presidencia do Consello Consultivo terá as seguintes funcións:

1. Desempeñar a representación do Consello Consultivo.

2. Convocar e presidir as sesións do Pleno e das seccións, dirimindo os empates con voto de calidade.

3. Fixar a orde do día das sesións do Pleno e das seccións.

4. Autorizar coa súa sinatura os acordos do Pleno e das seccións.

5. Rotar os relatorios dos asuntos entre as persoas que integran o Consello.

6. Dirixir a execución do orzamento do Consello.

7. Exercer a superior dirección das actividades dos órganos técnicos do Consello.

8. Exercer a superior inspección dos servizos do Consello e da súa sede.

9. As demais funcións previstas nesta lei ou no Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo.

Artigo 19. O Pleno

1. O Pleno do Consello Consultivo está constituído pola persoa que desempeña a presidencia, as conselleiras e os conselleiros electivos e mais as conselleiras e os conselleiros natos.

2. Son funcións do Pleno:

a) Emitir por solicitude da Presidencia da Xunta de Galicia ditame sobre os asuntos relativos a anteproxectos de reforma do Estatuto de autonomía, calquera outro anteproxecto ou proxecto de disposicións legais ou regulamentarias, os asuntos relacionados co Tribunal Constitucional e os convenios e acordos de cooperación con outras comunidades autónomas.

b) Pronunciarse sobre as propostas lexislativas ou de reforma estatutaria encomendadas polo Consello da Xunta e elaboradas pola Sección de Estudos e Informes.

c) Aprobar a memoria anual de actividades.

d) Aprobar anualmente o anteproxecto de orzamentos do Consello, que se integrará nos xerais da Comunidade Autónoma nunha sección específica.

e) As demais funcións que correspondan ao Consello Consultivo e non fosen expresamente atribuídas a outros órganos del.

Artigo 20. Sección de Ditames

1. Compoñen a Sección de Ditames a persoa titular da Presidencia do Consello e as conselleiras e os conselleiros electivos.

2. A persoa titular da Presidencia poderá delegar en quen legalmente a substitúa a presidencia da Sección de Ditames para a resolución dos asuntos da súa competencia.

3. Compételle a esta sección ditaminar sobre os asuntos non atribuídos á competencia do Pleno.

Artigo 21. Sección de Estudos e Informes

1. A Sección de Estudos e Informes estará composta pola persoa titular da Presidencia do Consello, quen a presidirá, por unha conselleira ou conselleiro electivo e por unha conselleira ou conselleiro nato, que se designarán anualmente polo Pleno por proposta da Presidencia do Consello. Poderá incorporarse a ela, para a súa intervención limitada a un asunto concreto, outra conselleira ou conselleiro electivo, que se designará na mesma forma.

2. Compételle a esta sección a redacción dos anteproxectos lexislativos e a elaboración, para o seu sometemento ao Pleno, das propostas lexislativas ou de reforma estatutaria que o Consello da Xunta encomende ao Consello Consultivo. Compételle, así mesmo, a realización dos informes que a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia solicite.

3. Cando a realización dun determinado anteproxecto lexislativo ou dun concreto informe requira información ou asesoramento técnico especializado, poderá solicitarse a asistencia de persoal funcionario doutros corpos do sector público autonómico.

Artigo 22. Secretaría Xeral

1. O Consello Consultivo contará cunha Secretaría Xeral, que será fedataria dos actos do Consello e cumprirá as funcións que lle atribúa o Regulamento de organización e funcionamento.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral deberá ser licenciada en Dereito e funcionaria do grupo A, subgrupo A-1, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, doutras comunidades autónomas ou do Estado, ou persoal letrado do Consello Consultivo ou do Parlamento de Galicia. Será nomeada e cesada polo Pleno por proposta da Presidencia do Consello Consultivo.

TÍTULO V
Procedemento

Artigo 23. Adopción de acordos

1. Nas reunións do Consello Consultivo requirirase, para a validez das deliberacións e dos acordos, a presenza da persoa titular da Presidencia ou de quen legalmente a substitúa, a dun número de conselleiras ou conselleiros que, coa Presidencia, constitúan maioría absoluta e a da persoa titular da Secretaría Xeral ou de quen a substitúa.

2. Os acordos adoptaranse pola maioría de votos das conselleiras e dos conselleiros asistentes, debe facerse constar neles se se adoptan por maioría ou por unanimidade e ningún dos membros con dereito a voto pode absterse nas votacións, agás que concorran causas legais de abstención.

3. No caso de discrepancias co acordo adoptado, as conselleiras ou os conselleiros discrepantes poderán formular por escrito, no prazo que regulamentariamente se determine, o seu voto particular razoado, o cal se acompañará ao acordo.

4. Os membros natos do Consello Consultivo actuarán no Pleno con voz pero sen voto, non computándose, en consecuencia, a súa asistencia para os efectos do quórum de constitución e adopción de acordos.

Artigo 24. Prazos

1. O Consello Consultivo deberá emitir os seus ditames e informes no prazo dun mes a partir do día seguinte ao de recepción da solicitude. Non obstante, cando na solicitude se fagan constar motivadamente razóns de urxencia, o prazo para emitir o ditame ou informe será de quince días, agás que, excepcionalmente, a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou o Consello da Xunta fixen un prazo menor. Transcorridos aqueles prazos entenderase, ao se tratar de solicitudes de ditames, que non existe ningunha obxección á cuestión suscitada.

2. O prazo para a redacción de anteproxectos lexislativos e elaboración de propostas lexislativas ou de reforma estatutaria será o que fixe a autoridade consultante. No seu defecto, o prazo será de seis meses. Os devanditos prazos empezarán a contarse desde o día seguinte á recepción da solicitude da consulta. Excepcionalmente, cando pola complexidade da materia sexa previsible a insuficiencia do prazo establecido, a Presidencia do Consello solicitará á autoridade consultante que fixe un prazo superior.

Artigo 25. Documentación

1. O órgano consultante deberá facilitar ao Consello canta documentación precise para pronunciarse sobre a cuestión formulada.

2. O Consello, a través da persoa que desempeña a súa presidencia, e por acordo daquela, poderá solicitar ao órgano ou á institución consultante que se complete a documentación con cantos antecedentes, informes e probas considere necesarios. Neste caso interromperase o prazo previsto no artigo 24 polo tempo que regulamentariamente se estableza.

Artigo 26. Audiencias

As persoas ou entidades directamente interesadas nos asuntos motivadores das consultas poden ser oídas perante o Consello, por acordo deste adoptado de oficio ou por petición daquelas.

Artigo 27. Medios electrónicos

A comunicación e a remisión de informes, propostas normativas e ditames elaborados polo Consello Consultivo de Galicia realizaranse, de xeito preferente e con carácter ordinario, a través de medios electrónicos, co obxectivo de minimizar o gasto en papel, impulsar as novas tecnoloxías e axilizar o funcionamento deste órgano.

TÍTULO VI
Organización e funcionamento

Artigo 28. Regulamento de organización e funcionamento

A organización e o funcionamento do Consello Consultivo de Galicia rexerase polo seu propio regulamento de organización e funcionamento, que será elaborado polo Consello Consultivo e aprobado polo Consello da Xunta.

Artigo 29. Persoal

Correspóndelle ao Consello Consultivo de Galicia establecer a organización do persoal ao seu servizo, propoñer á Xunta de Galicia a aprobación e modificación do cadro de persoal e a relación de postos de traballo, que, sen prexuízo do disposto respecto do persoal letrado, serán cubertos por persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, doutras comunidades autónomas ou do Estado, así como levar a cabo os procesos de selección de persoal e provisión de postos de traballo.

Artigo 30. Letrados

1. O Consello Consultivo está asistido polo seu propio corpo de persoal letrado, ao que lle corresponden, baixo a dirección da Presidencia ou das conselleiras e dos conselleiros, as funcións de estudo dos asuntos sometidos a consulta do Consello, a preparación e redacción dos correspondentes proxectos de ditames, informes ou propostas e as demais funcións adecuadas á súa condición que lles atribúa o Regulamento de organización e funcionamento do Consello.

2. A súa selección efectuarase da forma seguinte:

a) Dúas terceiras partes, por oposición libre, entre persoas con licenciatura en Dereito ou posuidoras do título de grao en Dereito.

b) Un terzo, por concurso entre persoal letrado doutros consellos consultivos, persoal funcionario da escala de letradas e letrados da Xunta de Galicia ou doutras comunidades autónomas e persoal letrado do Parlamento de Galicia.

3. O persoal letrado terá as incompatibilidades establecidas con carácter xeral para o persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e non poderá exercer funcións distintas ás que lle son propias, agás a docencia ou investigación que se consideren compatibles con aquelas e non prexudiquen a boa marcha do Consello e sempre logo de autorización da Presidencia.

Disposición transitoria primeira. Situación dos membros electivos nomeados ao amparo da normativa que se derroga

Se ao tempo da entrada en vigor desta lei tivese transcorrido o período de seis anos de exercicio do mandato para o que foron nomeados as últimas conselleiras e conselleiros electivos, e, consonte o previsto no artigo 27 do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, continúan nese momento no exercicio dos seus cargos, seguirán desempeñando estes ata o nomeamento e a toma de posesión, na forma prevista nesta lei, das persoas que os deban substituír.

Disposición transitoria segunda. Cómputo do mandato das conselleiras e dos conselleiros natos

O tempo de mandato exercido polas conselleiras e os conselleiros natos incorporados ao Consello Consultivo de Galicia antes da entrada en vigor desta lei computarase para efectos da aplicación do previsto no artigo 4.4 dela.

Disposición transitoria terceira. Regulamento provisional de funcionamento

Ata o momento en que entre en vigor o novo Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo será aplicable o aprobado polo Decreto 282/2003, do 22 de maio, en todo o que non se opoña ao establecido nesta lei.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei e, expresamente, a Lei 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Regulamento orgánico

O Consello Consultivo elaborará, no prazo de tres meses a partir da súa efectiva renovación, o novo Regulamento de organización e funcionamento e elevarao ao Consello da Xunta para a súa aprobación, no prazo máximo de tres meses.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de abril de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente