Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 23 de abril de 2014 Páx. 18420

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión e se abre o prazo de presentación de solicitudes.

O Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, establece no seu articulado a necesidade da aprobación dun protocolo de avaliación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), como órgano encargado de realizar a valoración previa da actividade docente, investigadora e de xestión, necesaria para a asignación das retribucións adicionais reguladas polo mencionado decreto.

Por Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, publícase o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Innovación e Industria, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, polo que se modifica o convenio do 30 de xaneiro de 2001 para a creación do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 20 de xaneiro de 2009). A disposición transitoria terceira do citado convenio establece que, mentres a CGIACA non adopte os procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación, acreditación e verificación a que fai referencia o artigo 23 dos estatutos, seguiranse aplicando os establecidos polas normas en vigor, no que non contradigan o establecido pola Lei orgánica 6/2001, de universidades, na súa redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a anterior.

En consonancia co anterior, a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais vinculadas ao recoñecemento polos cargos de xestión, levarase a cabo de acordo coas disposicións básicas contidas na Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 16 de outubro de 2006 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración e aos procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión (Diario Oficial de Galicia do 26 de outubro de 2006).

Con respecto ao establecido no artigo 8.1 da devandita orde, por acordo da CGIACA do 4 de febreiro de 2014, concretáronse os cargos que poderán asimilarse aos sinalados na citada Orde do 16 de outubro de 2006, que se incorporan a esta resolución como anexo I.

De conformidade coa citada normativa, o Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia convocará, mediante resolución, a apertura do prazo para a presentación de solicitudes para a asignación destes complementos retributivos.

Por Resolución do 21 de setembro de 2006 (Diario Oficial de Galicia do 3 de outubro) publícanse os acordos do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, polos que se delegan na súa presidencia a realización das convocatorias anuais de valoración previa á asignación de complementos retributivos, polo que, en virtude das citadas competencias delegadas

RESOLVO:

Primeira. Obxecto

Aprobar a convocatoria ordinaria e abrir o prazo de presentación de instancias, para solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión establecido no artigo 2.4 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario.

Segunda. Destinatarios

De conformidade co disposto no artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, poderá solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais sinaladas na base anterior, o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor en activo das universidades públicas que compoñen o Sistema universitario de Galicia (SUG).

Terceira. Requisitos

De conformidade co citado artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, o artigo 6.4 da mesma disposición, así como co disposto polo artigo 2.2 da Orde do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión, para obter a valoración positiva será preciso:

1. Ter desempeñado algún dos seguintes cargos: reitor de universidade, vicerreitor ou secretario xeral da universidade, decano ou director de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria; vicedecano, subdirector ou secretario de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria, director de departamento e secretario de departamento, director de instituto universitario, en calquera das institucións universitarias ou de educación superior públicas galegas, estatais ou europeas; e aqueles cargos directamente relacionados coa xestión académica ou da investigación equiparados, para efectos exclusivos deste complemento, pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación recollidos no anexo I desta resolución.

2. Ter cesado no cargo por causa legal non derivada da comisión de delito ou falta no desempeño das funcións propias deste.

Computaranse os períodos de tempo de ocupación dos correspondentes cargos desde a entrada en vigor da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, ata o 31 de decembro de 2013, sempre e cando nesta derradeira data xa se producise o cesamento efectivo.

Cuarta. Formalización das solicitudes

1. Os solicitantes deberán cubrir telematicamente a instancia e a relación de cargos desempeñados ata 31 de decembro de 2013, nos modelos dispoñibles na aplicación informática (anexos II e III), á cal se poderá acceder a través da páxina web www.acsug.es

2. Non se valorarán os méritos que non sexan incorporados telematicamente.

Quinta. Presentación das solicitudes

1. Unha vez cubertos os impresos (anexos II e III) telematicamente, deberán imprimirse e presentarse nos lugares sinalados no número 5.3, debidamente asinados.

2. Xunto cos impresos sinalados no punto anterior (anexos II e III) e sempre que non fosen remitidos telematicamente a través da plataforma informática, deberá presentarse en soporte dixital (DVD, CD-ROM, lapis de memoria) a documentación que se relaciona a seguir:

• DNI ou documento equivalente, no caso de non prestar autorización á ACSUG para consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade, de conformidade co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro (Diario Oficial de Galicia do 13 de novembro).

• Documentación acreditativa dos cargos desempeñados:

– Cargos desempeñados nas universidades pertencentes ao Sistema universitario de Galicia: neste suposto non será preciso a presentación de documentación acreditativa dos citados cargos. A ACSUG, logo de autorización expresa dos solicitantes nas respectivas instancias, solicitará directamente a devandita información ás correspondentes universidades.

– Cargos desempeñados no resto de institucións: deberá presentarse a documentación xustificativa destes: certificado oficial emitido pola secretaría xeral da correspondente universidade ou órgano equivalente ou, se é o caso, fotocopia dos boletíns ou diarios oficiais en que consten respectivamente o nomeamento e o cesamento.

3. As solicitudes dirixiranse á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e poderán presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia con enderezo https://sede.xunta.es e, de xeito presencial, en calquera dos rexistros relacionados no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común así como nos rexistros de calquera das universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia.

Sexta. Prazo

O prazo para presentar as instancias solicitando a asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétima. Admisión a trámite e emenda das solicitudes

1. A ACSUG comprobará que as solicitudes presentadas en prazo cumpran cos requisitos establecidos pola Orde do 16 de outubro de 2006 e demais normativa de aplicación necesarios para admitilas a trámite.

2. Será imprescindible presentar a seguinte documentación:

– Modelo normalizado de instancia que se publica para o efecto como anexo II.

– DNI ou equivalente (no caso de non prestar autorización á ACSUG para consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade antes sinalada).

– Relación de cargos desempeñados ata o 31 de decembro de 2013 (anexo III).

3. Cando as solicitudes presentadas en prazo non vaian acompañadas dos documentos exixidos no parágrafo anterior, ou non reúnan os requisitos exixidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que proceda á súa emenda de conformidade co disposto no citado artigo. No caso de non atender o devandito requirimento, entenderase que desisten da súa petición.

4. Rematado o prazo para a presentación de solicitudes, as correspondentes avaliacións faranse con base na documentación acreditativa dos cargos desempeñados que achegase o interesado ata ese momento e nas certificacións posteriores emitidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia a solicitude da ACSUG.

Oitava. Procedemento

1. O procedemento para a tramitación das solicitudes farase de conformidade co regulado na Orde do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración e aos procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión.

2. No suposto de que algún dos cargos desempeñados e alegados polos solicitantes non estea incluído no anexo I desta resolución, a CGIACA será a encargada de decidir sobre a súa inclusión e valoración.

3. Os acordos de valoración adoptados pola CGIACA, previos á asignación singular e individual dos referidos complementos polos consellos sociais das universidades, serán notificados a cada solicitante persoal e directamente nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do disposto na disposición adicional vixésimo primeira da Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de universidades (Boletín Oficial del Estado do 13 de abril).

4. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os acordos de valoración adoptados, cando resulten positivos, serán notificados directamente pola ACSUG ás correspondentes universidades, para que, se é o caso, os seus consellos sociais procedan á asignación singular e individual dos referidos complementos.

Novena. Recurso

1. Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, poderán ser impugnados en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Quen desexe interpoñer un recurso de reposición poderao facer desde a mesma aplicación informática en que formalizou a súa solicitude. Este recurso, unha vez cuberto telematicamente, deberá imprimirse, asinarse e presentarse en calquera dos rexistros indicados no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

Décima. Efectos económicos

Cando, de conformidade co disposto na base anterior, as universidades procedan á asignación dos referidos complementos polas universidades, o pagamento das correspondentes retribucións farase con efectos do 1 de xaneiro de 2014 e nas cantidades establecidas na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 (Diario Oficial de Galicia do 31 de decembro).

Décimo primeira. Protección de datos de carácter persoal

Nesta convocatoria cúmprese co indicado na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (Boletín Oficial del Estado número 298, do 14 de decembro), poñendo en coñecemento dos interesados o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos persoais, que poderán exercer mediante escrito dirixido á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. Lamas de Abade, s/n, CIFP Compostela, 5º andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña).

Décimo segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2014

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema
Universitario de Galicia

ANEXO I
Cargo académico* e equivalencias exclusivamente
para os efectos deste complemento

Cargo académico

Puntos/ano

Reitor/a

1,00

Conselleiro/a competente en materia de universidades

1,00

Vicerreitor/a, adxunto/a ao/á reitor/a

0,80

Director/a xeral ou equivalente en materia de universidades

0,80

Secretario/a xeral

0,80

Valedor/a universitario/a, presidente/a da comisión/tribunal de garantías

0,80

Representante/delegado/a na CIUG

0,80

Director/a da ACSUG

0,80

Presidente/a ou vogal da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación**

0,80

Presidente/a da ACSUG

0,80

Decano/a e director/a de facultade/escola

0,50

Vogal do consello de dirección da ACSUG

0,50

Adxunto/a a secretaría xeral/vicesecretario/a xeral

0,40

Adxunto/a ao/á vicerreitor/a, vicerreitor/a adxunto/a e comisionado/a, director/a de área/director/a UTC

0,40

Director/a do centro de posgrao ou escolas de doutoramento

0,40

Director/a departamento

0,40

Vicedecano/a, subdirector/a de facultade/escola

0,30

Director/a de instituto universitario

0,30

Secretario/a facultade/escola

0,30

Presidente/a ou secretario/a do tribunal único das PAAU

0,30

Secretario/a departamento

0,25

Director/a do Centro de Linguas

0,20

Director/a centros propios ou adscritos docentes, Escola de Práctica Xurídica, Estación Biolóxica, Observatorio Astronómico

0,15

Director/a IV Ciclo, Universidade Sénior

0,15

Presidente/a comisión de doutoramento, posgrao

0,15

Presidente/a ou secretario/a das comisións delegadas das PAAU/director/a grupo de traballo da CIUG

0,15

Secretario/a instituto universitario

0,15

* As equivalencias dos cargos desempeñados nas administracións públicas autonómicas, estatais ou europeas a que se refire o artigo 6.4.1 do Decreto 54/2004, do 4 de marzo, que regula os presentes complementos, serán decididas pola CGIACA individualmente, tendo en conta a relevancia do cargo e a súa relación coa xestión da educación superior, a investigación, o desenvolvemento e a innovación.

** En exercicio das funcións establecidas nos artigos 22 e seguintes dos estatutos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), aprobado pola Resolución do 10 de decembro de 2008 (Diario Oficial de Galicia do 20 de xaneiro de 2009).

missing image file
missing image file
missing image file