Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Luns, 21 de abril de 2014 Páx. 17990

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 14 de abril de 2014 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga que afectará o colectivo de persoal médico do Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela os días 22, 23, 29 e 30 de abril, e 6 e 7 de maio de 2014.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais O’MEGA e SIMEGA-CESM Galicia comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará o colectivo de persoal médico do Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela nas datas e nas horas seguintes: desde as 8.00 horas do día 22 ás 22.00 horas do día 23 (mes de abril); desde as 8.00 horas do día 29 ás 22.00 horas do día 30 (mes de abril); desde as 8.00 horas do día 6 ás 22.00 horas do día 7 (mes de maio).

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo o criterio que se establece na presente orde.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención aos usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado; e por iso mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a atención urxente aos usuarios, que non se pode aprazar sen consecuencias negativas para a saúde.

Con esa finalidade, para a determinación dos servizos mínimos establécese como criterio reitor a cobertura do 100 % da actividade urxente.

Artigo 2

A determinación dos/as profesionais necesarios/as deberá estar suficientemente motivada. A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos do centro e debe exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento dos/as destinatarios/as. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Os/as profesionais necesarios/as para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados/as nos taboleiros de anuncios do centro, alomenos con 48 horas de antelación á data da folga.

Coas premisas precedentes, no cadro anexo determínase o número de efectivos necesarios para garantir a totalidade da actividade urxente previsible nos días da folga.

Artigo 3

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer nos/as profesionais de xeito rotatorio, será determinada pola dirección do hospital e notificada aos profesionais designados.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 4

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios do centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 5

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 6

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2014

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO

Persoal de servizos mínimos (número de efectivos)

Mañá

Tarde

Noite

10

9

5