Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 15 de abril de 2014 Páx. 17332

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa Reencontros na Terra para residentes no exterior, durante o ano 2014.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con estas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A teor do establecido no parágrafo anterior, a Secretaría Xeral da Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que permiten o achegamento á Galicia e á súa realidade actual de maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola que se convoca e se regula o programa de viaxe a Galicia Reencontros na Terra, que permite a emigrantes galegos de 65 anos ou máis, residentes en América e con baixos recursos económicos, reencontrarse coa terra que os viu nacer.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas correspondentes ao programa Reencontros na Terra para o ano 2014, que ten por finalidade promover o contacto dos/as galegos/as residentes no exterior coa súa terra, mediante un período de estadía en residencia e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

As axudas consistirán no financiamento do custo da viaxe, de ida e volta e da estadía en residencia, dos/as emigrantes galegos/as que carezan de recursos desde os seus países de residencia ata Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias deste programa, como solicitantes, aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galego/a.

1.2. Ter a nacionalidade española.

1.3. Residir en América.

1.4. Ter 65 ou máis anos de idade, cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.5. Non ter participado nos últimos 15 anos naturais en programas de viaxes transatlánticos a Galicia desta secretaría xeral ou do Estado español.

1.6. Valerse por si mesmo, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

1.7. Ter ingresos inferiores a 1,5 veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridad Social para o ano da convocatoria, segundo os países de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 por cento da devandita cifra polo número de convivintes menos un.

2. As persoas solicitantes poderán vir acompañadas polas persoas unidas a elas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre e cando estas cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5 e 1.6 deste artigo.

3. Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan co solicitante.

4. As relacións de feito análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren fillos/as en común, será suficiente acreditar a convivencia.

Artigo 3. Características do programa

1. O procedemento para a tramitación e concesión das axudas deste programa axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007 e demais normativa que lle sexa de aplicación.

2. As viaxes serán de ida e volta, desde o país de residencia habitual do solicitante ata un aeroporto de Galicia.

3. Os participantes residirán durante 14 días nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

4. Serán por conta dos participantes que desexen prorrogar a súa estadía en Galicia todos os gastos durante o tempo que permanezan cos seus familiares, unha vez finalizada a estadía no establecemento residencial, ata completar un período aproximado de 30, 60 ou 90 días desde a súa chegada a Galicia.

5. A prestación da asistencia sanitaria das persoas beneficiarias realizarase de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Prazas convocadas e datas de realización

1. Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países, queda fixada para o ano 2014 do seguinte xeito:

Países

Nº de prazas

Arxentina

81

Brasil

9

Cuba

7

Uruguai

34

Venezuela

2

Outros países

2

Total

135

O número de prazas inicialmente previsto para os distintos países podería variar para adaptalo aos termos económicos previstos no correspondente contrato de servizos.

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25 % do total das 135 prazas, distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación coas prazas ofertadas.

2. Datas de realización.

As persoas beneficiarias deste programa viaxarán a Galicia preferentemente no mes de outubro.

Artigo 5. Financiamento, achegas económicas e compatibilidade das axudas

1. Financiamento.

As subvencións do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Achegas económicas.

2.1. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da viaxe das persoas beneficiarias desde os lugares de partida fixados pola Secretaría Xeral en América ata o lugar de destino designado en Galicia, así como das actividades socioculturais que se realizarán durante a estadía nunha residencia de tempo libre ou outro establecemento residencial de Galicia.

2.2. A Dirección Xeral de Familia e Inclusión colaborará neste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias e das persoas responsables das actividades socioculturais, todos os servizos de aloxamento e manutención, durante un período máximo de 14 días, nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

3. Compatibilidade.

As axudas reguladas nesta resolución son compatibles con calquera outra axuda que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria.

Artigo 6. Documentación

1. Documentación relativa á persoa solicitante:

Xunto coa solicitude, a persoa solicitante deberá achegar a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade:

DNI da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o resto, pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade do/a solicitante ou certificación consular do/da solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente.

b) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia.

c) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e da data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

d) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada pola persoa solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar. No caso de que a persoa solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar non estivesen obrigados a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

e) Nos países nos que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

f) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II desta resolución, conforme a persoa solicitante é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

g) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

h) Documento no que conste se é beneficiario/a das prestacións económicas por ancianidade do Estado español. De non presentalo, entenderase que desiste da aplicación do criterio preferente de selección, sinalado no punto 2 do artigo 10.

2. Documentación relativa á persoa acompañante:

No suposto de que a persoa solicitante desexe vir acompañanda da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, deberá presentar, debidamente cuberto, o anexo III acompañado da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade:

DNI da persoa cónxuxe acompañante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta no anexo III desta resolución. Para o resto, pasaporte en vigor.

b) Documentación acreditativa da residencia en América da persoa cónxuxe acompañante.

c) Certificado médico da persoa cónxuxe acompañante, segundo o modelo incluído no anexo IV desta resolución, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

Artigo 7. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para este programa será de dous meses contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 8. Lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante, carecendo do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e do artigo 22.3 do citado Decreto 198/2010. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

As persoas interesadas que non posúan certificado e así o desexen, poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

• En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Baía.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

• En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas en La Habana.

• En Venezuela:

– Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que o/a interesado/a lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude por vía electrónica. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

As entidades colaboradoras no exterior deberanlle remitir á Secretaría Xeral da Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo dos dous días seguintes ao remate do prazo de presentación. Este prazo soamente será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.

Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas páxinas web:

https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es

Artigo 9. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de cinco meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Crearase un órgano colexiado, que avaliará as solicitudes non avaliadas nos diferentes países e que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación das diferentes comisións de avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres funcionarios/as da Secretaría Xeral da Emigración.

4. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai crearanse comisións de avaliación para os solicitantes deses países, presididas polos correspondentes delegados da Xunta de Galicia neles. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela, a vista do número de solicitudes presentadas, poderanse crear comisións de avaliación, presididas por un funcionario técnico da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por técnicos das delegacións e, de ser o caso, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedores da realidade social en que residen, viven e se desenvolven os solicitantes.

5. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaborarase a lista provisional de solicitudes admitidas, excluídas e incompletas indicando, se é o caso, as causas de exclusión e a documentación que hai que completar. Estas listas publicaranse, no prazo máximo de 90 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nos das entidades colaboradoras citadas no artigo 8.

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web http://emigracion.xunta.es, para formularen as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, consideraranse desistidos da súa petición, e procederase ao seu arquivo nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorrido este prazo elaborarase a lista definitiva de admitidos e excluídos que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es) e tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nas entidades colaboradoras citadas no artigo 8.

6. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considerase, poderá encargar informes socioambientais, realizados por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos presentados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

7. Posteriormente, o órgano colexiado indicado no punto 3 deste artigo elaborará unha proposta de concesión que se elevará por parte do órgano instrutor ao secretario xeral da Emigración, para a súa resolución.

8. Unha vez realizada a selección de persoas beneficiarias, o secretario xeral da Emigración ditará as correspondentes resolucións, publicando na páxina web http://emigracion.xunta.es a relación de persoas beneficiarias e as reservas.

9. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas ás correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

10. O secretario xeral da Emigración poderá ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 10. Criterios de selección

A selección efectuarase por aplicación dos seguintes criterios por orde de prelación:

1. En primeiro lugar, seleccionaranse os/as solicitantes que non participaran con anterioridade en programas de viaxes desta Secretaría Xeral.

2. En segundo lugar, terán preferencia aqueles/as solicitantes que sexan beneficiarios/as das prestacións económicas por ancianidade.

3. En terceiro lugar, terán preferencia aqueles/as solicitantes que teñán a idade máis avanzada.

No caso de quedaren prazas vacantes, unha vez aplicados os criterios anteriores, terase en conta os/as solicitantes que xa participaran en edicións anteriores. Neste caso, a orde de preferencia verá determinada polo maior tempo que leven sen participar neste programa. Dentro do grupo de persoas que participaron no mesmo ano, a orde de preferencia verá determinada pola maior idade do/a solicitante.

No caso de empate en calquera dos puntos anteriores, este desfarase pola orde alfabética dos apelidos dos/as solicitantes, empezando por aqueles/as cun primeiro apelido que empece pola letra B, segundo o sorteo que tivo lugar en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia cuxo resultado foi feito público por Resolución do 29 de xaneiro de 2014 (DOG nº 27, do 10 de febreiro).

4. A selección dun/dunha solicitante levará consigo a da persoa unida a el/ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre que esta figure incluída na solicitude e reúna os requisitos establecidos no punto 2 do artigo 2 desta resolución.

5. Seguindo os puntos 1, 2 e 3 anteriores ordenaranse as solicitudes admitidas, que darán lugar ás listas de seleccionados e reservas de acordo co número de prazas asignadas a cada país no artigo 4.

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Con carácter xeral, os/as beneficiarios/as correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como as actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.

2. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a lle comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa, e poderá a secretaría adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

Artigo 13. Control e seguimento

1. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. A través da solicitude proporcionaránselle á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e para ese efecto, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas. Con respecto a este ficheiro, cuxo titular e responsable será a Secretaría Xeral da Emigración, decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.

3. A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

4. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Secretaría Xeral da Emigración revelaralles ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Igualmente, faise constar que o solicitante autoriza expresamente á Secretaría Xeral da Emigración, no ámbito das súas competencias, a cederlles os datos persoais a aqueles organismos da Administración xeral do Estado con competencias similares na materia, co fin de colaborar no exercicio das funcións que lle son propias.

5. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración así como dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 14. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2014

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file