Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 14 de abril de 2014 Páx. 16987

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 25 de marzo de 2014 pola que se convoca concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación 2/2006, do 3 de maio, para cubrir postos de persoal docente en prazas sometidas a convenio ou a programas específicos desta consellería.

O Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por persoal funcionario público docente que imparte ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación 2/2006, do 3 de maio, prevé no seu artigo 3.2 que as prazas que nel se indican poderán ser cubertas mediante o correspondente concurso específico de méritos e polo prazo que se determine na convocatoria. As devanditas prazas deberán ser provistas a través dun concurso específico de méritos para a súa provisión mediante nomeamento temporal con reserva do posto de traballo de orixe e polo tempo que se estableza na correspondente convocatoria, que en ningún caso poderá exceder os seis anos.

Así mesmo, o artigo 5 do dito decreto establece que se poden cubrir por este mesmo procedemento aquelas prazas que favorezan a elaboración de proxectos, innovacións curriculares ou metodolóxicas, entre as cales existen prazas de recente implantación ou de difícil cobertura polo procedemento ordinario.

Ao ser necesaria a provisión de distintas prazas por mor dos diversos convenios entre a Administración educativa e distintas institucións ou entidades a que se refire o artigo 3 do Decreto 244/1999, do 29 de xullo, e outras incluídas no artigo 5 do dito decreto, e tendo en conta a habilitación que figura na disposición derradeira primeira do mesmo decreto, que autoriza o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións que sexan precisas para a súa aplicación e desenvolvemento.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Convocar concurso público de méritos específico entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que impartan ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación 2/2006, do 3 de maio, para adxudicar, en comisión de servizos, as prazas que figuran no anexo I desta orde.

Artigo 2. Participantes e requisitos

Poderá participar nesta convocatoria o persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación 2/2006, do 3 de maio, que estea en servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia no curso académico 2013-2014 e que estea en posesión do título de perfeccionamento en lingua galega ou do certificado de lingua galega (Celga 4) ou certificación ou validación equivalente.

Enténdese tamén en situación de servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia o 31 de agosto de 2014 aquel persoal docente que desde un destino definitivo da Comunidade Autónoma de Galicia accedeu a un posto docente no estranxeiro e que debe reincorporarse obrigatoriamente a esta comunidade no próximo curso académico.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación

O prazo para a presentación de instancias para tomar parte nesta convocatoria, dirixidas ao director xeral de Centros e Recursos Humanos, será de vinte días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e poderán presentarse no Rexistro Único; Edificio Administrativo San Caetano, nas xefaturas territoriais, ou ben na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No suposto de optar pola presentación da solicitude e demais documentación ante a oficina de Correos, farase en sobre aberto para que a instancia sexa selada e datada polo persoal funcionario antes de ser certificada.

Unha vez rematado o prazo de presentación de instancias e demais documentación, non se admitirá ningunha modificación nas peticións formuladas. Non obstante o anterior, admitirase renuncia á participación no concurso de méritos específico dentro do prazo establecido para as reclamacións sinaladas no punto quinto, entendendo que tal renuncia afecta a todas as peticións formuladas.

Artigo 4. Solicitude e documentación

Aínda que se concurse a máis dunha praza, o persoal concursante presentará unha única instancia, acompañada dunha fotocopia desta e dunha folla de autobaremación, que aparece como anexo IV, e simultaneamente presentará, para a demostración dos méritos, os documentos que se indican no baremo que aparece como anexo II.

Non terán que presentarse aqueles documentos xustificativos de méritos alegados que fosen presentados polos concursantes para completar o seu expediente persoal na aplicación informática a través do enderezo www.edu.xunta.es/datospersoais

As/os concursantes presentarán ademais:

Proxecto de traballo sobre as liñas básicas de actuación para o desenvolvemento das funcións inherentes ao posto que se solicita, tendo en conta as características deste, cunha extensión máxima de 20 folios.

Artigo 5. Comisión de selección

1. A selección das/os aspirantes será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Centros e Recursos Humanos ou persoa en que delegue.

Vogais: ata un máximo de catro vogais, coa categoría de subdirectores ou subdirectoras xerais ou xefas ou xefes de servizo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou membros da Inspección Educativa, e o director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou persoa en quen delegue.

Unha funcionaria ou funcionario da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretaria ou secretario con voz e sen voto.

2. A comisión de selección poderá solicitar a incorporación aos seus traballos de persoas expertas, que se limitarán a prestar a súa colaboración. Ademais, poderá asistir un representante de cada organización sindical con presenza na Mesa Sectorial Docente non universitaria, con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución de subcomisións técnicas para colaborar na valoración daqueles méritos e/ou proxectos de traballo que coide pertinentes.

Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente poderá nomear unha persoa representante, con voz e sen voto, para a asistencia ás sesións das subcomisións.

3. Para a valoración dos números 1, 2, 3.1 e 3.2 do baremo establecido no anexo II, a comisión de selección poderá delegar esta función nunha subcomisión formada por persoal funcionario da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Logo de seren baremadas todas as solicitudes presentadas, os resultados provisionais serán publicados no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es, sinalando a relación de persoal excluído e a causa da súa exclusión provisional. Contra esta resolución provisional poderanse, no prazo de dez (10) días naturais desde a súa publicación, presentar as reclamacións que procedan. As reclamacións entenderanse contestadas mediante a publicación da resolución definitiva.

Todo o persoal aspirante que obteña unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto poderá ser convocado pola comisión de selección á celebración dunha entrevista para mellor apreciar as circunstancias que concorren neles, e que versará sobre o proxecto presentado.

4. Os membros da comisión e, de ser o caso, da subcomisión, estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e terán dereito a percibir asistencias e axudas de custo por concorreren ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño), modificado polo Decreto 144/2008, do 26 de xuño (DOG do 18 de xullo), que estarán cualificadas na categoría primeira.

Artigo 6. Proposta de nomeamento

O persoal aspirante que non acade unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto e de 4 puntos na entrevista, no caso de ter lugar, non poderá ser proposto pola comisión. Será seleccionado o persoal aspirante que, obtendo as puntuacións mínimas sinaladas, acade as maiores puntuacións no total dos puntos recollidos no baremo establecido no anexo II para a praza que solicita.

No caso de se producir empates no total das puntuacións outorgadas, estes resolveranse atendendo, sucesivamente e por esta orde, á maior puntuación nos puntos 1, 3.3, 3.1, 3.2 e 2.

Unha vez realizado todo o proceso anterior, a comisión de selección proporá ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a adxudicación dos postos, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e pola que se entenderá notificado, para todos os efectos, o persoal concursante que afecte.

Artigo 7. Resolución da convocatoria

A resolución da convocatoria será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e por ela entenderanse notificadas, para todos os efectos, as persoas concursantes que afecte.

O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses, contado desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, perante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8. Toma de posesión

O persoal seleccionado deberá incorporarse ás prazas obtidas con data do 1 de setembro do ano 2014 e cesará no seu destino de procedencia o 31 de agosto do mesmo ano.

As prazas adxudicadas serán en comisión de servizos, por un período dun ano e un máximo de seis e con reserva do posto de traballo de orixe, de acordo co disposto no punto 2 do artigo 3 do Decreto 244/1999, do 29 de xullo.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Nº do posto

1

Convenio: Consellería de Traballo e Benestar (Dirección Xeral de Familia e Inclusión)

Destino

1.1. Centro Concepción Arenal- A Coruña: 1 praza para mestra/e.

1.2. Centro de atención específica Montefiz-Ourense: 1 posto para mestra/e.

1.3. Centro Avelino Montero - Pontevedra: 1 posto para mestra/e.

Funcións

Docencia nos centros aos internos que, por diversos motivos, non asistan a clases en centros ordinarios.

Apoio educativo aos internos que estean escolarizados en centros ordinarios e coordinación dos ditos centros.

Apoio educativo aos internos matriculados en modalidades de educación a distancia.

Requisitos

Experiencia de tres anos, como mínimo, en traballo con persoas con necesidade educativas especiais.

Observacións

Dispoñibilidade horaria (xornada partida para adaptarse ás necesidades dos internos).

2

Programa específico: Consellería de Sanidade

Destino

2.1. Complexo Hospitalario Xeral – Cíes de Vigo.

2.2. Complexo Hospitalario de Ourense.

Prazas

2 prazas para mestras/es.

Funcións

Proseguir a formación dos nenos/as durante a permanencia no hospital, sen que a actividade docente cause prexuízos ao seu benestar e obstaculice os tratamentos correspondentes. Manter hábitos de estudo. Coordinación cos centros educativos aos que asisten normalmente. Estimular a actividade creativa para evitar o aburrimento. Dar un carácter positivo e contido formativo aos tempos libres e de ocio no hospital.

Observacións

Horario adaptado ás necesidades do centro

3

Programa específico: Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home Galicia.

Destino

Santiago de Compostela.

Prazas

1 praza para mestres/as ou profesor de ensino secundario.

Funcións

Colaboración a nivel educativo para a rehabilitación e integración sociolaboral das persoas atendidas pola Fundación. Actividades orientadas a facilitar a súa integración social e laboral e á adquisición de hábitos e actitudes positivas que favorezan o desenvolvemento e a maduración persoal contribuíndo ao éxito do seu proceso terapéutico.

Observacións

Horario adaptado ás necesidades da Fundación.

4

Denominación das prazas: asesor Abalar de Zona: apoio aos centros docentes na implantación das novas tecnoloxías e servizos educativos segundo o proxecto Abalar

Destino

Amtega. Situados fisicamente en: Betanzos, Cee, Melide, Santiago de Compostela, Burela, Monforte de Lemos, A Estrada, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

Prazas

9 prazas.

Funcións

Soporte in situ e asesoramento na instalación e utilización dos servizos educativos que se lles ofertan aos centros educativos.

Soporte técnico in situ á infraestrutura informática e de comunicacións.

Apoio e atencións aos centros docentes da súa zona con relación a calquera aplicación ou sistema informático corporativo implantado ou que se vaia implantar neses centros.

Asesoramento sobre as necesidades de formación do persoal dos centros docentes en relación cos servizos educativos ofertados.

Requirimentos

Coñecemento das tecnoloxías da información e da comunicación a nivel usuario avanzado incluíndo, entre outros, a capacidade de instalar e configurar equipamentos informáticos en rede e os seus dispositivos periféricos.

Coñecemento dos programas, plans e actuacións no ámbito das TIC nos centros educativos.

Coñecementos pedagóxicos sobre o aproveitamento das TIC no ámbito educativo.

Experiencia en traballo en equipo.

Coñecemento da realidade educativa, social e tecnolóxica dos centros educativos da zona de influencia da asesoría.

Nº do posto

5

Deonominación das prazas: asesor Abalar desenvolvemento

Destino

Amtega, Santiago de Compostela.

Prazas

2 prazas.

Funcións

Xestión de proxectos de desenvolvemento de aplicacións e sistemas de información corporativos.

Análise, deseño e desenvolvemento de aplicacións corporativas.

Asesoramento e formación de usuarios sobre aplicacións corporativas.

Requirimentos

Experiencia en análise, deseño e programación de aplicacións web dinámicas.

Experiencia en traballo en equipo.

Coñecementos de programación en Java ou en PHP.

Coñecementos de BD Relacionais.

6

Denominación das prazas: asesor Abalar sistemas-comunicacións.

Destino

Amtega, Santiago de Compostela.

Prazas

2 prazas.

Funcións

Administración de sistemas de información e/ou redes de comunicacións.

Análise, deseño e implementación da infraestrutura de sistemas de información corporativos e/ou sistemas de comunicacións corporativos.

Requirimentos

Experiencia en administración de sistemas de información e/ou redes de comunicacións.

Experiencia en traballo en equipo.

Coñecementos en administración de sistemas GNU/Linux, sistemas de almacenamento e sistemas de backup.

Coñecementos de administración de redes de comunicacións e equipos de seguridade de rede.

7

Denominación das prazas: asesor Abalar XADE

Destino

Amtega, Santiago de Compostela.

Prazas

1 praza.

Funcións

Xestión do proxecto de desenvolvemento do sistema de información corporativo de xestión administrativa da educación.

Análise e deseño da aplicación corporativa para a xestión administrativa da educación.

Asesoramento e formación de usuarios sobre o sistema de información corporativo para a xestión administrativa da educación.

Requirimentos

Coñecementos da lexislación e normativa do sistema educativo galego.

Coñecementos das ferramentas informáticas para a xestión administrativa da educación (XADE).

Coñecementos básicos de bases de datos.

ANEXO II

Conceptos

Puntuación

Total puntos máximo

Documentos xustificativos

1. Antigüidade:

Por cada ano de servizo como funcionaria/o de carreira. Para estes efectos computaranse os servizos docentes previos recoñecidos conforme a Lei 70/1978.

0,50 puntos

5 puntos

2. Méritos académicos:

As titulacións, no caso de que non fosen as exixidas con carácter xeral para o ingreso no corpo desde o cal se participa, valoraranse da forma seguinte:

(titulacións distintas ás alegadas para ingreso no corpo no concurso de traslados).

2 puntos

2.1. Polo título de doutora/doutor.

2.2. Titulacións de segundo ciclo: por cada licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou títulos declarados legalmente equivalentes.

2.3. Titulacións de primeiro ciclo: pola segunda diplomatura ou os 3 primeiros cursos dunha licenciatura.

2.4. Título de grao.

1 punto

0,50 puntos

0,25 puntos

0,50 puntos

Copia compulsada das titulacións alegadas.

3. Formación e perfeccionamento:

6 puntos

3.1. Por cursos superados que teñan por obxecto o perfeccionamento sobre os aspectos científicos e didácticos, organizados polas administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por institucións sen ánimo de lucro que fosen homologadas polas administracións citadas, así como os organizados polas universidades (0,10 puntos por cada 10 horas de cursos superados acreditados).

3.2. Por outras actividades de formación e perfeccionamento en materia educativa, incluída a impartición de cursos (0,10 puntos por cada 10 horas).

3.3.Por actividades de formación específica directamente relacionadas co posto ao cal se pretende acceder (0,10 puntos por cada 10 horas).

Ata 2 puntos

Ata 1 punto

Ata 3 puntos

Copia compulsada da documentación alegada.

4. Proxecto de traballo:

O proxecto de traballo deberá conter os obxectivos, planificación xeral, actividades, xustificación e definición a que corresponde á praza que se solicita (puntuación mínima exixida por esta epígrafe: 4 puntos).

Ata 6 puntos polo proxecto

Ata 6 puntos

Orixinal, cunha extensión máxima de 20 folios.

5. Entrevista sobre o proxecto presentado (puntuación mínima exixida por esta epígrafe: 4 puntos).

Ata 6 puntos pola entrevista

Ata 6 puntos

missing image file
missing image file