Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 7 de abril de 2014 Páx. 15453

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2014, da Xefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación eléctrica no concello de Cedeira (expediente IN407A 237/2011).

Vista a solicitude para o outorgamento da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que a continuación se detallan:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: avda. de Arteixo, 171 A Coruña.

Denominación: LMT, CT, RBT Vilacacín.

Situación: concello de Cedeira.

Características técnicas:

Liña eléctrica de media tensión subterránea, a 20 kV, cunha lonxitude de 2×0,317 km, con orixe na LMTS entre o CT caixa de aforros e o CT vila, condutor tipo RHZ1-2OL-12/20 kV-3(1×240), e final na mesma liña con entrada e saída no CT proxectado.

Centro de transformación prefabricado, cunha potencia de 250 kVA, e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

Rede de baixa tensión subterránea, cunha lonxitude de 0,233 km, coa orixe no CT proxectado, condutor tipo XZ1.

Liña de baixa tensión aérea, cunha lonxitude de 0,424 m, con orixe en pasos aerosubterráneos da RBTS proxectada, en condutor RZ e apoios de formigón.

Resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Por Resolución do 29 de agosto de 2011 esta xefatura territorial someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa, e declaración de utilidade pública, en concreto, de acordo co establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. A resolución foi publicada no DOG número 183, do 23 de setembro de 2011, no BOP número 176, do 14 de setembro de 2011, e no diario La Voz de Galicia do 8 de setembro de 2011, así mesmo, consta o certificado de exposición ao público no taboleiro de anuncios do concello de Cedeira desde o día 6 de setembro de 2011 ata o 28 de setembro de 2011. Con esta resolución inseriuse a relación de bens e dereitos afectados e notificouse individualmente ao interesado incluído na dita relación.

Segundo. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, deuse traslado ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizo de interese xeral dunha separata do proxecto na parte que a instalación puidese afectar a bens e dereitos ao seu cargo, incluíndo as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente.

Neste caso, remitiuse separata ao Concello de Cedeira, que durante o prazo establecido regulamentariamente contestou cun informe favorable, suxeito ao cumprimento de determinadas condicións. A empresa promotora Unión Fenosa Distribución, S.A. manifestou o 5.12.2011 a súa conformidade co dito condicionado.

Terceiro. Durante o período de información pública foron presentadas as seguintes alegacións:

Luis Antonio López Punín, propietario do predio identificado co núm. 1, expón que non se acredita a urxente necesidade da subministración en BT ao lugar de Vilacacín, nin tampouco o reforzo da infraestrutura existente no camiño do mesmo nome, polo que a transcendencia do proxecto se centra en reordenar e mellorar a RBT que existe na zona do núcleo vello de Cedeira. Non entende que se proxecte unha canalización de 312 m a través de diferentes rúas ata o novo CT, con condutores de MT para volver sobre os seus pasos a través dos dous tubos de reserva destinados á subministración en BT para a mellora do existente. Considera que a solución máis lóxica sería incrementar a capacidade dos CT existentes con saídas en BT, a través da canalización preexistente (xa operativa), ata o punto de entroncamento e, desde este, pola soterrada proxectada nos tubos de reserva previstos, con condutores XZ1. Xa que a capacidade co CT proxectado é de 250 kVA, deduce que as necesidades de potencia para mellorar a subministración xa existente poden ser atendidas coa ampliación dalgún dos dous CT existentes e, cando menos, Unión Fenosa Distribución debería acreditar á Administración que os ditos CT teñen esgotada a súa capacidade ou que, tecnicamente, non é posible cambiar o trafo.

Por outra banda, entende que a elección do terreo para situar o novo CT foi aleatoria, por canto a súa situación debería proxectarse no punto 7 do proxecto, xa que de alí parte a infraestrutura de reforzo ao camiño de Vilacacín e o inicio da BT á rúa Fernando Lago, evitándose o custo do tramo 7-8 (94 m) en media tensión.

De acordo ao que antecede, propón que para solucionar as necesidades de subministración previstas se incremente a capacidade dos CT existentes ou que o novo CT se sitúe sobre terreos de dominio-uso público ou patrimoniais do concello nos termos previstos nos artigos 54.2 e 57.b) da Lei 54/1997, do sector eléctrico.

Cuarto. As alegacións foron remitidas á empresa promotora, que contestou nos seguintes termos:

En relación coa alegación de Luis Antonio López Punín (propietario do predio nº 1), a empresa promotora respondeu que coas instalacións eléctricas que se propoñen no proxecto se pretende a mellora da subministración eléctrica, tanto no lugar de Vilacacín como no núcleo urbano de Cedeira, xa que se producían caídas de tensión na zona. Así, situando o centro de transformación entre Vilacacín e a parte oeste de Cedeira, no mellor lugar que conxuga o centro das cargas e a súa localización sen afectar a solo urbano ou urbanizable (no proxecto obsérvase que o centro de transformación se sitúa fóra da delimitación de solo urbano segundo o planeamento municipal), conséguese atender á subministración eléctrica desas dúas zonas e mellorar o resto do núcleo de Cedeira ao abrirse pontes, como queda reflectido no proxecto.

No que respecta a situar o centro de transformación á altura do punto de acceso número 7 como suxire o alegante, esa sociedade entende que non é posible, xa que implicaría trasladar as afeccións a outro predio non incluído neste expediente e localizado dentro da delimitación de solo urbano, podendo o seu propietario manifestarse no mesmo senso en canto á modificación do trazado proposto.

Indican que este proxecto se realizou observando o establecido no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo cal se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas de alta tensión e, en concreto, segundo o disposto no número 1.5.1 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT 07, que di literalmente «as liñas eléctricas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de lograr a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose, en todo caso, ás prescricións que nesta instrución se establecen», polo cal o proxecto cumpre coa normativa de aplicación.

Por último, sinala que as limitacións ou prohibicións á constitución da servidume de paso establecidas no artigo 57 da Lei do sector eléctrico, así como no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, neste caso non se producen, polo cal non impiden o establecemento da servidume de paso e a ocupación de solo desta instalación a través do terreo incluído na relación de bens e dereitos presentado.

Sen prexuízo do anterior, Unión Fenosa Distribución, S.A. remitiu o 21.6.2012 a esta xefatura territorial unha copia do escrito que presentou no Concello de Cedeira o 27.1.2012, no cal lle solicitaba a súa conformidade coa instalación do centro de transformación proxectado nunha parcela de titularidade municipal do contorno, para evitar a súa instalación sobre unha propiedade particular.

O 26.6.2012 Unión Fenosa Distribución, S.A. achegou a esta xefatura a contestación do dito concello, na que expón que segundo o seu PXOM prevé para a zona perimetral do núcleo antigo, na cal se atopa a parcela 384 do polígono 58 de titularidade municipal, o desenvolvemento dun plan parcial do solo clasificado como urbanizable programado –SUP–. O plan inclúe nas súas determinacións para o desenvolvemento do SUP residencial, sector 1 que a ordenación se realizará sobre a base da protección do núcleo antigo, situándose as zonas verdes nas áreas contiguas, co obxecto de protexelo da edificación. Con esas premisas, non lle parece apropiada nin viable a situación proposta para o centro de transformación polo que, se é o caso, deberá planearse o estudo dunha nova situación sen afección de zonas verdes ou protexidas. Se é o caso, suxire preferentemente a instalación subterránea dos centros de transformación proxectados en áreas urbanas.

O 18.1.2013 Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou un novo escrito de contestación á alegación no que indica que a actuación prevista no proxecto vén orixinada como consecuencia de varias reclamacións no contorno de Vilacacín (Cedeira) que se veñen rexistrando nesa sociedade desde o ano 2005, o que acredita presentando un informe da súa base de datos das reclamacións realizadas en 2005 e 2008.

O motivo das reclamacións eran as baixadas de tensión que se producen nos domicilios dos reclamantes, sobre todo en horario nocturno ao entrar en servizo as tarefas de discriminación horaria nesa franxa. Polo tanto, o problema do servizo nesa zona vén marcado pola caída de tensión que teñen eses veciños dada a súa distancia aos centros de transformación dos que se alimentan, e non a que eses non teña a potencia suficiente para alimentar aos ditos clientes. En concreto, o CT caixa de aforros está a 3 km do lugar de Vilacacín e o CT vila (do que se alimenta actualmente) a 1.600 m. A rede de baixa tensión está á súa capacidade máxima, pero aínda así as tensións non están dentro dos límites regulamentarios e resulta imprescindible instalar un novo centro de transformación no contorno. Polo tanto, a solución ás ditas deficiencias non é ampliar a potencia dos centros de transformación actuais, senón instalar un novo centro de transformación para acurtar as distancias das subministracións ao seu centro de transformación.

E expón unha serie de argumentos para xustificar que non existe ningunha limitación legal á imposición da expropiación forzosa do terreo necesario para implantar o centro de transformación, xa que a alternativa de situalo no predio de titularidade municipal supoñería un custo que supera o 10 % de variación que establece a normativa.

Quinto. O persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, informan os servizos técnicos que non se dá ningunha das limitacións para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE nº 246, do 24 de xullo); a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE nº 285, do 28 de novembro); o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, que establece os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 34, do 16 de febreiro) e o Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Segundo. No presente expediente cumpríronse os trámites sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Terceiro. A autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións obxecto deste expediente, cumpren coa normativa vixente, isto é: a Lei 54/1997, do 27 de novembro; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación (BOE núm. 288, do 1 de decembro); o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias (BOE núm. 68, do 19 de marzo); e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, de 18 de setembro).

Cuarto. Á vista das alegacións formuladas e das contestacións achegadas pola empresa solicitante, cómpre facer unhas previas consideracións de carácter xeral:

1) As manifestacións e datos que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, así como a medición e descrición exacta das superficies e bens afectados, faranse constar no levantamento da acta previa á ocupación, momento para o que os interesados afectados serán oportunamente convocados mediante notificación. Este acto desenvolverase de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

2) De conformidade co disposto no número 1.5 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose, en todo caso, ás prescricións que nesta instrución se establecen. É dicir, o trazado da liña será o elixido polo autor do proxecto, sempre que cumpra os requisitos xerais e de seguridade que establece o propio Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e non infrinxa as limitacións e prohibicións que para a constitución de servidumes de paso de liñas aéreas establecen o artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, e o artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.

3) Polo que respecta á valoración dos terreos e bens afectados, para o caso de que as partes non acaden un acordo previo, a determinación do prezo xusto corresponde ao Xurado de Expropiación de Galicia, de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e no tamén capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

Polo que se refire, en concreto, ás alegacións formuladas por Luis Antonio López Punín, ademais do sinalado nos tres puntos anteriores deste cuarto fundamento de dereito, cómpre manifestar o seguinte:

1) Respecto á solución que propón o alegante de aumentar a capacidade dos centros de transformación existentes, visto o informe do persoal técnico desta xefatura, considérase que non é viable, xa que a motivación do proxecto é resolver o problema que existe de caídas de tensión na rede de baixa tensión existente nas subministracións máis lonxe dos centros de transformación existentes (1,6 e 3 km), o que non se resolve co aumento da potencia dos transformadores existentes, senón coa instalación dun novo centro de transformación máis centrado na xeometría da rede.

2) No que respecta á posible existencia dunha limitación á imposición da expropiación forzosa pola existencia dun predio de titularidade municipal e de acordo co informe do persoal técnico desta xefatura, considérase que non son aplicables as limitacións establecidas no artigo 57 letra b) da Lei 54/1997, do sector eléctrico, nin no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro que establece que:

«Tampouco poderá impoñerse servidume de paso para as liñas de alta tensión sobre calquera xénero de propiedades particulares sempre que se cumpran conxuntamente as condicións seguintes:

a) Que a liña poida instalarse sobre terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimoniais do Estado, da Comunidade Autónoma, das provincias ou dos municipios, seguindo lindeiros de predios de propiedade privada.

b) Que a variación do trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura ao 10 por 100 da parte da liña afectada pola variación que segundo o proxecto transcorra sobre a propiedade do seu solicitante.

c) Que tecnicamente a variación sexa posible.

A indicada posibilidade técnica será apreciada polo órgano que tramita o expediente, logo de informe das administracións ou organismos públicos a quen pertenzan ou estean adscritos os bens que resultan afectados pola variante, e, se é o caso, con audiencia dos propietarios particulares interesados.

En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o seu custo sexa superior nun 10 por 100 ao orzamento da parte da liña afectada pola variante».

En consecuencia, e segundo o informe emitido polo persoal técnico desta xefatura, os devanditos artigos limitan a posibilidade do establecemento dunha servidume de paso de liñas eléctricas e non da expropiación en pleno dominio forzosa dun terreo para unha instalación de superficie. Non obstante, no suposto de consideralos aplicables, neste caso o custo da variante proposta supera o 10 % do orzamento da parte que afecta a variación.

De acordo co anterior, e no exercicio das competencias atribuídas,

RESOLVE:

Autorizar, aprobar o proxecto de execución, e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, nas cales as características se axustarán en todas as partes ás que figuran no proxecto, e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao medio.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

A Coruña, 10 de marzo de 2014

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña