Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Xoves, 3 de abril de 2014 Páx. 14770

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2014 pola que se convoca un curso monográfico titulado A reforma local a debate.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2014 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e coa Dirección Xeral de Administración Local, un curso monográfico titulado A reforma local a debate, conforme ás seguintes bases:

1. Obxectivos.

Analizar e contrastar o contido e as principais novidades incorporadas pola Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local. Neste sentido, o curso monográfico convocado mediante esta resolución pretende, ademais, dar a coñecer os posibles efectos e incidencias que cabe esperar da aprobación da norma estatal sobre o funcionamento dos entes locais galegos e o seu goberno.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– Novo marco competencial e suficiencia financeira.

– Implicacións da Lei de reforma local sobre o control interno das entidades locais.

– Perspectiva constitucional do principio de estabilidade orzamentaria. Que efectos está a ter a súa aplicación ás entidades locais?

– Galicia e a reforma local.

– A reestruturación do sector público local.

– A reordenación das competencias locais na Lei 27/2013.

– Garantía da transparencia administrativa e dereito a un bo goberno no ámbito local.

– O papel das deputacións na reforma da Administración local: autonomía provincial versus autonomía municipal.

– Consecuencias prácticas do novo modelo competencial local.

– Efectos da Lei 27/2013 sobre a planta municipal.

– O status funcionarial na Lei 27/2013 (con particular atención ao artigo 92 bis).

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Administración galega e dos entes instrumentais da comunidade autónoma, cargos públicos e directivos á fronte destes, profesionais, universitarios e calquera outra persoa interesada en coñecer o novo réxime xurídico da planta municipal e os retos a que se enfronta.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Datas e horario: 24 e 25 de abril, mañá e tarde.

Duración: 15 horas lectivas.

5. Número de prazas.

O número de prazas estará limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

As persoas solicitantes poderán obter calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, chamando aos seguintes números: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Prazo.

O prazo de inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta convocatoria ata as 00.00 horas do martes 22 de abril de 2014.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Ao final do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participaran asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a data e o lugar de realización deste curso.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública