Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Mércores, 26 de marzo de 2014 Páx. 12894

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 10 de marzo de 2014 polo que se fai pública a Resolución do 6 de marzo de 2014, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se aproba definitivamente a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica OU-533, no seu treito situado entre os p.q. 18+620 e 20+035.

Con data do 6 de marzo de 2014, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu resolución de aprobación definitiva da delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica OU-533, no seu treito situado entre os p.q. 18+620 e 20+035, co seguinte contido:

«Antecedentes:

1. O Concello de Viana do Bolo solicitou o pasado 24 de outubro de 2013 a redución da liña límite de edificación da estrada autonómica OU-533, no seu treito situado entre os p.q. 18+620 e 20+035 da dita estrada, en aplicación da excepcionalidade recollida no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

2. A Área de Planificación e Programación emitiu informe ao respecto, o 11 de novembro de 2013, e elaborou un plano no que se establecía unha delimitación proposta para a liña límite de edificación da estrada autonómica OU-533 A Gudiña-A Rúa, no seu treito situado entre os p.q. 18+620 e 20+035.

3. Mediante Resolución do 12 de novembro de 2013, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas aprobou, ao abeiro do establecido no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, con carácter provisional, a delimitación anterior, e resolveu tramitala segundo o procedemento establecido no artigo 85 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro.

4. A delimitación provisional foi sometida a información pública, polo prazo de trinta días hábiles, mediante Anuncio do 13 de novembro de 2013, da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, publicado no Diario Oficial de Galicia número 224, do venres 22 de novembro de 2013, e no taboleiro de anuncios do Concello de Viana do Bolo, co fin de que calquera persoa física ou xurídica formulase as alegacións que estimase pertinentes.

5. O expediente estivo exposto ao público, en días e horas hábiles de oficina, nos locais da Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago de Compostela, da Delegación da Axencia Galega de Infraestruturas en Ourense e na Casa do Concello de Viana do Bolo.

6. Ao mesmo tempo, a delimitación provisional foi remitida ao Concello de Viana do Bolo e á Deputación Provincial de Ourense, co fin de que, no dito prazo e un mes máis, se manifestasen sobre ela.

7. Mediante informe do 4 de marzo de 2014, a Área de Planificación e Programación deu resposta ás alegacións presentadas durante o período de información pública da delimitación provisional e indicou que non foi emitido informe ningún ao respecto, por parte das entidades locais consultadas.

8. A Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas emitiu proposta de resolución con data do 5 de marzo de 2014.

Consideracións legais:

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é competente para resolver o expediente de delimitación da liña límite de edificación previsto no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, ao abeiro do indicado no artigo 85.4 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro, por analoxía coa estrutura da Administración xeral do Estado.

Visto todo o que antecede e, en particular, a proposta de resolución da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas,

RESOLVO:

1. Aprobar, ao abeiro do establecido no artigo 41.3º da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, con carácter definitivo, a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica OU-533, no seu treito situado entre os p.q. 18+620 e 20+035, segundo os planos que se xuntan, que supón as seguintes reducións, con respecto á establecida con carácter xeral na antedita lei:

a) A 10 m do borde máis próximo da aresta exterior da calzada entre os p.q. 18+620 e 18+670, na marxe dereita da estrada OU-533.

b) A 8 m do borde máis próximo da aresta exterior da calzada entre os p.q. 18+680 e 18+840, na marxe esquerda da estrada OU-533.

c) A 6 m do borde máis próximo da aresta exterior da calzada entre os p.q. 18+840 e 19+030, na marxe esquerda da estrada OU-533.

d) A 2 m do borde máis próximo da aresta exterior da calzada entre os p.q. 19+050 e 19+630, na marxe esquerda da estrada OU-533, agás nas conexións das rúas existentes.

e) A 2 m do borde máis próximo da aresta exterior da calzada entre os p.q. 19+150 e 19+520, na marxe dereita da estrada OU-533, agás nas conexións das rúas existentes.

f) A 6 m do borde máis próximo da aresta exterior da calzada entre os p.q. 19+630 e 19+650, na marxe esquerda da estrada OU-533.

g) A 2 m do borde máis próximo da aresta exterior da calzada entre os p.q. 19+630 e 19+760, na marxe dereita da estrada OU-533, agás nas conexións das rúas existentes.

h) A 8 m do borde máis próximo da aresta exterior da calzada entre os p.q. 19+850 e 19+920, na marxe dereita da estrada OU-533.

i) A 9 m do borde máis próximo da aresta exterior da calzada entre os p.q. 19+935 e 20+035, na marxe dereita da estrada OU-533.

Contra esta resolución de aprobación, con carácter definitivo en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente o recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo establecen os artigos 116.1º e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Porén, poderase impugnar directamente o acto que se notifica ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa (artigo 116.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro). Para tal efecto, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta publicación, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No caso de que se interpoña o recurso de reposición non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se teña producido a desestimación presunta do recurso de reposición interposto».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas