Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Luns, 24 de marzo de 2014 Páx. 12367

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 14 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas aos concellos de Galicia e as súas entidades públicas, con personalidade xurídica propia, e agrupacións de concellos, para o apoio á extinción de incendios forestais, consistentes na cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para o exercicio desas funcións.

A Consellería do Medio Rural e do Mar é o órgano da Administración galega ao cal, baixo a superior dirección da persoa titular do departamento, corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estructuras rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa contra os incendios forestais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, número 10, que dispón que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de montes, aproveitamentos forestais e naturais, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.23 da Constitución.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, modificada pola disposición derradeira primeira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes, establece as medidas preventivas que faciliten a loita contra o lume e que sirvan, así mesmo, para pór en valor a potencialidade productiva, ecolóxica e social do monte galego como base do desenvolvemento sustentable do medio rural.

O Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, aproba o primeiro programa de desenvolvemento rural sustentable para o período 2010-2014 en aplicación da Lei 45/2007, do 13 de setembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural. No seu capítulo 4 establece as zonas rurais de aplicación do programa; en concreto no punto 4.1.3 establece as da Comunidade Autónoma de Galicia. Para o caso de Galicia as zonas clasifícanse en zonas rurais para revitalizar e zonas rurais intermedias e, dentro destas zonas, algunhas clasifícanse como de primeiro, segundo e terceiro nivel de prioridade.

Pola Resolución do 22 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal, publícase o convenio específico coa Comunidade Autónoma de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos plans de zonas das súas zonas rurais.

Os concellos teñen atribuídas, segundo o teor dos artigos 80 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, competencias en materia de protección do ambiente, protección civil e a prevención e extinción de incendios.

Os incendios forestais son unha ameaza que afecta hoxe en día, de xeito xeral, non só o patrimonio forestal público e privado (montes de particulares, montes de varas e montes veciñais en man común), senón tamén os recursos naturais e o mantemento e desenvolvemento da actividade humana no medio rural.

Cómpre, pois, un enfoque global na actuación preventiva ante os incendios forestais, de xeito que as medidas que se implanten abrangan todo o territorio aínda que, para unha maior eficacia do uso dos recursos, haxa que priorizar as zonas clasificadas polo Goberno galego como de alto risco de acordo cos seus plans de prevención e defensa contra incendios forestais.

Moitos dos concellos de Galicia teñen participado coa consellería con competencia en materia forestal durante un longo período de tempo na prevención e defensa contra incendios forestais mediante a actuación dos seus vehículos motobomba, coa sinatura de convenios ou con outras modalidades de colaboración, polo que nalgúns casos os vehículos acumulan un gran desgaste e teñen unha moi grande necesidade de renovación.

A implantación dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES) tivo como finalidade a de establecer unha malla de seguranza que cubrise todo o territorio galego e ofrecese unha resposta áxil e eficaz aos cidadáns galegos ante calquera incidencia. Os GES dispoñen de vehículos motobomba que nalgún caso tamén presentan unha necesidade de renovación.

Pola súa vez, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece na súa disposición adicional terceira que as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1º da Lei 9/2007 terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para renovar o parque móbil de vehículos motobomba de concellos incluídos nas zonas rurais designadas pola Comunidade Autónoma de Galicia para a súa inclusión no Programa de Desenvolvemento Rural Sustentable 2010-2014 (en diante PDRS).

Para tal fin convócanse para o ano 2014, en réxime de concorrencia competitiva, medidas de apoio a estes concellos consistentes na cesión en propiedade de vehículos motobomba.

2. Os vehículos obxecto de cesión son vehículos motobomba adquiridos en virtude do PDRS a través dos correspondentes procedementos administrativos. Hai dous tipos de vehículos: uns equipados con cisterna de 3.000 litros e cabina sinxela e outros equipados con cisterna de 2.400 litros e cabina dobre.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán solicitar os beneficios desta orde os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que, de forma individual ou conxuntamente, baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar) cumpran cos seguintes requisitos:

a) Solicitudes presentadas polos concellos individualmente:

1º. Estar integrados nas zonas rurais recollidas no capítulo 4 do anexo ao Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro programa de desenvolvemento rural sustentable para o período 2010-2014 (BOE núm. 142, do 11 de xullo) en aplicación da Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural.

2º. Ter colaborado nos anos 2012 e 2013 coa consellería con competencias en materia forestal, ben a través de convenios de funcionamento de motobombas ben mediante a adhesión ao convenio GRUMIR ou ao convenio GES, neste caso, como concello sede.

Excepcionalmente, admitiranse solicitudes para renovar vehículos motobomba que se deron de baixa nos anos 2010, 2011 ou 2012 por actuacións en extinción, envellecemento ou caducidade dos materiais, sempre que mantivesen convenio nas modalidades indicadas nos dous períodos operativos inmediatamente anteriores á baixa do vehículo.

En todo caso, o vehículo para o cal se solicite a renovación será o que figure nos últimos convenios.

3º. Cumprir cos requisitos establecidos para obter a condición de beneficiario, segundo o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

4º. Ser titular dun vehículo tipo motobomba coa ITV e pólizas de aseguramento en regra ata polo menos o 15 de outubro do ano 2013. Por tanto, exceptuando o disposto no punto 2, non poderán ser renovados os vehículos motobomba que estean de baixa antes desta data.

b) Solicitudes que se presentan de forma conxunta:

Ademais de cumprir cos requisitos previstos para os concellos e de ser titulares dos vehículos motobomba, as solicitudes presentadas conxuntamente baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar) deberán cumprir algún dos seguintes supostos:

1º. Que todos os concellos incluídos na solicitude conxunta estean integrados nas zonas rurais recollidas no capítulo 4 do anexo ao Real decreto 752/2010, do 4 de xuño.

2º. Que o concello titular do vehículo motobomba que se vaia renovar antes da súa integración na agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra forma similar a través da cal se solicite, estea integrado nas zonas rurais recollidas no capítulo 4 do anexo ao Real decreto 752/2010, do 4 de xuño.

3º. Non serán admitidas aquelas solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais e que supoñan actuacións independentes de cada entidade local.

Os concellos non poderán incluír nas súas solicitudes vehículos que xa foron obxecto de renovación con base na Orde do 10 de maio de 2013 pola que se convocaron, en réxime de concorrencia competitiva, axudas aos concellos de Galicia para o apoio á extinción de incendios forestais, consistentes na cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para o exercicio desas funcións, excepto que tivesen máis dun vehículo en convenio e figurasen as matrículas nas últimas colaboracións.

Artigo 3. Crédito

Os bens obxecto de cesión mediante esta convocatoria licitaranse de acordo coa normativa de contratos do sector público, a través de licitación pública en procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada, para o que a Consellería do Medio Rural e do Mar destinará dous millóns de euros (2.000.000,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 12.20.551B.623.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, que se dedicarán á adquisición de vehículos motobomba para a súa cesión en propiedade aos concellos.

Artigo 4. Solicitudes e prazo de presentación

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es) de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Os solicitantes escollerán un dos dous modelos de vehículo motobomba descritos no artigo 1. Por se se esgotan as unidades do vehículo elixido deberán optar por aceptar ou renunciar ao outro tipo de vehículo.

4. A solicitude non implica ningún dereito para o peticionario en canto non exista resolución favorable.

5. Soamente se poderá optar á renovación dun vehículo motobomba por beneficiario.

6. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

7. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo/a secretario/a do concello ou, no caso de solicitudes conxuntas, polo órgano correspondente, relativa ao acordo adoptado polo órgano competente, da solicitude de cesión en propiedade dos vehículos previstos nesta orde, polo que se acepten integramente os termos e prescricións dela e de que se faculta o/a alcalde/sa do concello ou o órgano correspondente, no caso de solicitudes conxuntas, para aceptar a devandita cesión, no caso de resolución favorable da consellería.

b) Memoria asinada polo secretario/a do concello co visto e prace do/a alcalde/sa ou, no caso de solicitudes conxuntas, asinada polos órganos correspondentes, na cal se recollan de xeito detallado os seguintes aspectos:

1º. Titularidade do vehículo, data da primeira matriculación segundo o permiso de circulación, ITV e pólizas de aseguramento en regra ou que, polo menos, estivesen en regra ata o 15 de outubro do ano 2013. Os datos irán referidos a un único vehículo motobomba.

No caso de solicitudes para renovar vehículos motobomba dados de baixa nos anos 2010, 2011 ou 2012 por actuacións en extinción, envellecemento ou caducidade dos materiais, incorporarase á devandita documentación a data de baixa.

2º. Elección do modelo de vehículo entre os dous existentes (artigo 1). No caso de que se esgoten as existencias do vehículo solicitado, deberase deixar constancia de se aceptan o outro tipo de vehículo o de se renuncian a el.

c) As solicitudes presentadas de forma conxunta deberán presentar unha memoria específica en que se fundamente a realización conxunta do servizo.

No suposto de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

d) As solicitudes que se presenten de forma conxunta por agrupacións ou concellos en proceso de fusión deberán sinalar a participación de cada concello na cesión e nomear un concello como representante para cumprir as obrigas que como beneficiarios lles correspondan e que asumirá a obriga de matricular o vehículo e demais requisitos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Para os efectos de facilitar a determinación da participación e representación, achégase como modelo o anexo II.

e) Memoria de aforro de custos respecto da prestación individual do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, para solicitudes presentadas conxuntamente baixo calquera fórmula, agás a de fusión municipal.

8. Se algunha documentación da solicitada neste artigo xa estiver en poder desta consellería e non se producir desde o momento en que foi presentada variación que afecte o seu contido ou a súa vixencia, non será necesario presentala novamente, sen prexuízo de que se reclame ao solicitante a documentación que, se é o caso, se coide oportuna.

Artigo 5. Criterios de avaliación

1. Co obxecto de que estes medios complementen de forma óptima os dos servizos de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, é requisito básico establecer unha asignación mínima territorial no ámbito provincial destes medios, de xeito que se consiga unha adecuada e equilibrada acción de conxunto no territorio de toda a comunidade.

Por tanto, con base no anterior, establécese a seguinte distribución provincial mínima:

A Coruña: 3.

Lugo: 3.

Ourense: 3.

Pontevedra: 3.

2. Tendo en conta a distribución provincial mínima anterior, atenderanse as solicitudes de maior a menor puntuación segundo o baremo seguinte:

a) Solicitudes presentadas conxuntamente como consecuencia de fusión municipal: 60 puntos.

b) Solicitudes presentadas conxuntamente baixo calquera fórmula, agás a de fusión municipal: ata 40 puntos, desagregados do seguinte xeito:

• Pola mera presentación da solicitude nos termos e cos requisitos que se determinan nesta orde: 14 puntos.

• Pola valoración da memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual: 14 puntos.

• Polo número de concellos incluídos na solicitude conxunta que estean integrados nas zonas rurais recollidas no capítulo 4 do anexo ao Real decreto 752/2010, do 4 de xuño: 3 puntos por cada concello, ata un máximo de 12 puntos.

c) Nivel de prioridade do concello segundo o PDRS 2010-2014:

Primeiro nivel: 30 puntos.

Segundo nivel: 20 puntos.

Terceiro nivel: 10 puntos.

No caso de solicitudes conxuntas tomarase como referencia para a puntuación deste apartado o:

a) Concello de maior nivel de prioridade: cando todos os concellos incluídos na solicitude estean integrados nas zonas rurais recollidas no capítulo 4 do anexo ao Real decreto 752/2010, do 4 de xuño.

b) Concello titular do vehículo motobomba para renovar antes da súa integración como membro da solicitude conxunta: cando non todos os concellos incluídos na solicitude estean integrados nas zonas rurais recollidas no capítulo 4 do anexo ao Real decreto 752/2010, do 4 de xuño.

d) Concellos incluídos en zonas de alto risco (ZAR) segundo a Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal: 10 puntos.

No caso de solicitudes conxuntas será suficiente con que un concello dos incluídos nela estea en zona ZAR para puntuar esta alínea.

e) Antigüidade do vehículo motobomba do concello, da agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra forma similar a través da cal se solicite, tomando como base o ano da primeira matriculación na Dirección Xeral de Tráfico.

Maior ou igual de 30 anos

40 puntos

29 anos

38 puntos

28 anos

36 puntos

27 anos

34 puntos

26 anos

32 puntos

25 anos

30 puntos

24 anos

28 puntos

23 anos

26 puntos

22 anos

24 puntos

21 anos

22 puntos

20 anos

20 puntos

19 anos

18 puntos

18 anos

16 puntos

17 anos

14 puntos

16 anos

12 puntos

15 anos

10 puntos

14 anos

8 puntos

13 anos

6 puntos

12 anos

4 puntos

11 anos

2 puntos

10 anos

1 punto

f) Colaboración coa consellería con competencias en materia forestal na prevención e defensa contra os incendios forestais mediante a actuación de vehículos mototobomba nos últimos dez anos (2004-2013), ben mediante a sinatura de convenios para a actuación de vehículos motobomba (número de convenios asinados) ben mediante a súa adhesión aos convenios GRUMIR ou GES (número de anos).

10 convenios/anos

30 puntos

9 convenios/anos

28 puntos

8 convenios/anos

26 puntos

7 convenios/anos

24 puntos

6 convenios/anos

22 puntos

5 convenios/anos

20 puntos

4 convenios/anos

18 puntos

3 convenios/anos

16 puntos

2 convenios/anos

14 puntos

1 convenio/ano

12 puntos

Non serán tidos en conta para esta puntuación:

– Os convenios de actuación de vehículos motobomba ou a adhesión aos convenios GRUMIR ou GES con informe final desfavorable do distrito forestal.

– Convenios diferentes aos anteriores subscritos coa consellería con competencias en materia forestal, entre outros, os convenios para a actuación de grupos locais de pronto auxilio.

Para o caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula e que cumpran co disposto no artigo 2.1 alínea b) 2º, esta alínea será a suma da puntuación correspondente aos dous períodos de tempo seguintes:

– Antes da integración do concello na agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou similar: puntuarase a colaboración do propio concello coa consellería.

– Desde a integración do concello na agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou similar: puntuarase a colaboración da agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou similar coa consellería.

g) Ser concello ou mancomunidade sede dun grupo de emerxencia supramunicipal (GES) no ano 2014: 10 puntos.

A igualdade de puntuación atenderase polo seguinte orde de baremo, ata que se produza o desempate, en orde de preferencia:

1º. Concellos fusionados.

2º. Solicitudes presentadas conxuntamente baixo calquera fórmula, agás a de fusión municipal.

3º. Nivel de prioridade do concello segundo o PDRS 2010-2014.

O primeiro nivel ten preferencia sobre o segundo nivel e este sobre o terceiro nivel.

4º. Ser concello ou mancomunidade sede dun GES.

5º. Pertencer a zona ZAR.

6º. Maior puntuación na alínea d).

7º. Maior puntuación na alínea e).

8º. Maior superficie do concello ou dos concellos incluídos nas solicitudes conxuntas.

3. No caso de que cada provincia cubra a distribución territorial básica ou non haxa solicitudes abondas para cubrila, a concesión da axuda para o resto de solicitudes pendentes farase no ámbito autonómico, atendendo á maior puntuación obtida polos solicitantes, segundo os baremos anteriores.

4. Os datos referentes ás alíneas c), d), f) e g) serán achegados pola propia consellería.

Artigo 6. Instrución, resolución e notificación. Recursos administrativos

1. Unha vez presentada a solicitude e o resto de documentación, os SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar revisarán a documentación e, no caso de que conteña defectos ou omisións, o requirimento de emenda de erros da solicitude, por tratarse dun acto integrante dun procedemento de concorrencia competitiva e, de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, farase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios e na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir ao solicitante que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de subvencións é a Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Os SPDCIF das xefaturas territoriais correspondentes proporán ao órgano colexiado composto polo xefe do Servizo de Organización e Control de Medios, polo xefe do Servizo de Programación e polo xefe da Sección de Coordinación e Organización, que actuará como secretario, a relación das solicitudes presentadas que cumpran todos os requisitos desta orde. O órgano colexiado valorará as solicitudes de subvención segundo os criterios de prioridade establecidos nesta orde e emitirá un informe para o subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais que, pola súa vez, elevará a proposta de concesión ao secretario xeral de Medio Rural e Montes.

4. O secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, resolverá sobre a aprobación das subvencións solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. No caso de non ditarse resolución expresa no prazo indicado, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, o modelo de vehículo cedido, a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación, de ser o caso, das causas da desestimación, e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, o órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e o prazo para interpoñelos.

O órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

7. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

8. Na notificación das resolucións faranse constar as seguintes condicións particulares que deberá cumprir o beneficiario:

a) Comprometerse a asumir as obrigas coa Dirección Xeral de Tráfico consistente en realizar o trámite de cambio de titularidade do vehículo, facerse cargo de todos os gastos de mantemento do vehículo e os derivados do seu uso, os derivados do seguro, da inspección técnica de vehículos (ITV) e do imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM), así como as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que for a súa contía.

b) Comprometerse a destinar o vehículo ás funcións de defensa contra incendios forestais a través de convenios de colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais, polo tempo que dure a cesión, non inferior a 10 anos.

c) No caso de agrupacións de concellos, comprometerse a manter a agrupación polo tempo que dure a cesión, non inferior a 10 anos.

Artigo 7. Aceptación

1. O beneficiario disporá dun prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co artigo 21.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas subvencións son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

Artigo 8. Formalización da cesión

De acordo co disposto na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1º da Lei 9/2007 terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

Para estes efectos, os vehículos adquiridos por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar a través dos procedementos de licitación teñen como finalidade a súa cesión ás entidades locais de Galicia para o cumprimento dunha finalidade de carácter público, como é a defensa contra os incendios forestais, polo que se consideran subvención en especie e a súa cesión formalizarase mediante acta subscrita pola persoa titular da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes desta consellería ou funcionario/a en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario das condicións previstas na presente orde.

Artigo 9. Reversión e control

Se os vehículos cedidos non se aplicaren ao fin sinalado ou deixaren de estalo con posterioridade, ou se se descoidaren ou utilizaren con grave quebrantamento das condicións previstas nesta orde ou se incumprir calquera das condicións da cesión, considerarase resolta esta e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería do Medio Rural e do Mar estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva unida a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións, contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file