Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Martes, 18 de marzo de 2014 Páx. 11558

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, pola que se ordena a publicación dos estatutos da sociedade Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A., aprobados polos acordos do Consello da Xunta de Galicia do 20 decembro de 2012 e do 7 de novembro de 2013.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 20 de decembro de 2012, adoptou, por proposta da conselleira de Facenda, un acordo polo que se autorizou a fusión das sociedades Xestión Urbanística da Coruña, S.A., Xestión Urbanística de Lugo, S.A., Xestión Urbanística de Ourense, S.A. e Xestión Urbanística de Pontevedra, S.A. mediante a creación dunha sociedade denominada Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A. Así mesmo, aprobouse a redacción dos estatutos sociais.

O 7 de novembro de 2013 o Consello da Xunta de Galicia autorizou unha modificación dos estatutos aprobados anteriormente.

Unha vez rematada a tramitación que establece a lexislación mercantil, en cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, dos estatutos da sociedade Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2014

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio

Estatutos sociais de Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.

CAPÍTULO I
Denominación, obxecto, domicilio e duración da sociedade

Artigo 1. Denominación e réxime xurídico

1. Baixo a denominación Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A. constitúese unha sociedade anónima de nacionalidade española para a realización de actividades urbanísticas no territorio de Galicia. Rexerase por estes estatutos; polo texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo (LSC); pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga); polo título IV da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e polas demais disposicións que sexan de aplicación.

A sociedade está adscrita á consellería con competencias en xestión e desenvolvemento de solo residencial e empresarial e será tutelada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo nos termos previstos na lexislación aplicable.

2. Así mesmo, seralle aplicable a normativa relativa á transparencia de relacións financeiras entre as administracións públicas e as empresas públicas dependentes delas.

3. A sociedade terá a consideración de medio propio e instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico que teñan a consideración de medios propios. O encargo instrumentarase a través da correspondente encomenda de xestión nos termos establecidos no artigo 50 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Obxecto social

1. O obxecto social está constituído pola realización das actividades dirixidas á promoción e xestión do solo empresarial, residencial e construción de edificacións no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. O desenvolvemento destas actividades ten por finalidade garantir a utilización do solo de acordo co interese xeral e dotar a Comunidade Autónoma de solo suficiente para a localización de industrias e a implantación de actividades económicas que favorezan o desenvolvemento socioeconómico e a promoción de emprego, así como de solo para a construción de vivendas dignas e adecuadas, especialmente aos sectores con menos capacidade económica, actuando como elemento de regulación do mercado inmobiliario e de mellora da calidade ambiental.

Inclúense nestas actividades as seguintes:

a) Promoción, adquisición e preparación de solo para asentamentos industriais, residenciais, terciarios e de servizos.

b) Adquisición, por calquera título, mesmo expropiación forzosa, caso en que se adoptará a condición de beneficiaria da expropiación, de terreos destinados á formación de reservas de solo, preparación de soares, dotacións e equipamentos, fomento da vivenda ou calquera outra finalidade análoga de carácter urbanístico.

c) Exercer a acción urbanizadora dirixida á preparación do solo industrial, residencial, terciario e de servizos, mediante a realización de obras de infraestruturas, urbanización e dotación de servizos para o seu adecuado equipamento, así como calquera outra acción precisa para a execución do planeamento urbanístico.

d) Promover a acción edificatoria dirixida á realización de edificacións e instalacións destinadas a albergar industrias e vivendas, incluídas as vivendas suxeitas a calquera réxime de protección pública, así como as dotacións de equipamento comunitario previstas polo planeamento urbanístico.

e) Xestión, explotación e mantemento das obras e servizos resultantes da acción urbanizadora e edificatoria.

f) Adquisición, arrendamento, alleamento e permuta de bens inmobles.

g) O fomento da adquisición de solo, así como a rehabilitación e construción de todo tipo de edificacións.

h) A promoción e xestión de actuacións en materia de vivenda e solo que desenvolva directamente a propia sociedade ou en colaboración con outras administracións públicas competentes.

i) Subscribir convenios con administracións públicas co obxecto de desenvolver actuacións vinculadas ao obxecto social nos termos establecidos na normativa vixente.

k) Realización das actuacións que, en materia do seu obxecto, se lle encomenden á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e aos seus organismos autónomos e ás administracións respecto das cales a sociedade cumpra os requisitos necesarios para ser considerada como medio propio daquelas.

l) No desenvolvemento dos seus fins, poderá levar a cabo cantas actuacións considere convenientes en relación coa elaboración de estudos, redacción de proxectos e plans de ordenación, execución de obras, adquisición, comercialización, permuta e alleamento a título oneroso de solo, equipamento e vivendas, constitución de dereitos reais e gravames sobre bens, xestión e explotación de obras e servizos e calquera outra que considere necesaria, cos límites establecidos pola lexislación aplicable da Comunidade Autónoma de Galicia e polo resto do ordenamento xurídico.

Artigo 3. Realización do obxecto social

Para a realización do obxecto social, o órgano de representación da sociedade poderá realizar todos os actos tendentes a el, entre eles os seguintes:

1. Adquirir, constituír, modificar e extinguir toda clase de dereitos sobre bens mobles ou inmobles que autorice o dereito común para a mellor consecución da urbanización, edificación e aproveitamento da área de actuación.

2. Realizar convenios cos organismos competentes que deban coadxuvar, por razón da súa competencia, no mellor éxito da xestión.

3. Allear, incluso anticipadamente, as parcelas que darán lugar aos soares resultantes da ordenación, nos termos máis convenientes para asegurar a súa edificación nos prazos previstos.

4. Exercer a xestión dos servizos implantados ata que sexan formalmente asumidos pola entidade local ou organismo competente.

5. Subscribir convenios coas administracións públicas para a promoción de solo e vivendas. Estes convenios poderán ter por obxecto tanto a preparación e urbanización do solo, que quedará á dispoñibilidade de calquera das partes, como a redacción dos proxectos e a execución das obras de vivendas de protección oficial de promoción pública.

Artigo 4. Domicilio

1. A sociedade fixa o seu domicilio social no edificio do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Área Central, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela.

2. Facúltase o Consello de Administración para variar o domicilio social, dentro da capital, así como para decidir ou acordar a creación, modificación, supresión ou traslado de oficinas, sucursais ou dependencias de calquera clase ou en calquera lugar, coa función, facultades, modalidades e funcionamento que o propio Consello determine.

Artigo 5. Duración

A sociedade constitúese por tempo indefinido e as súas actividades comezarán o mesmo día en que se outorgue a correspondente escritura pública.

CAPÍTULO II
Capital social. Accións e obrigas

Artigo 6. Capital social

O capital social é de cincuenta e seis millóns cincocentos trinta e catro mil cento noventa e tres euros con setenta e oito céntimos (56.534.193,78 €), totalmente subscrito e desembolsado.

A participación directa ou indirecta na sociedade da Administración xeral da Xunta de Galicia e das demais entidades instrumentais reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, deberá ser, en todo momento, maioritaria. En todo caso, a totalidade do capital da sociedade será de titularidade pública.

Artigo 7. Accións

1. O capital social estará representado por dezaoito mil oitocentas trece (18.813) accións nominativas, de 3.005,06 € de valor nominal cada unha delas.

2. As accións expediranse en libros talonarios, estarán numeradas correlativamente e anotaranse todas nun rexistro especial da sociedade no cal se farán constar, igualmente, as sucesivas transmisións e a constitución de dereitos reais sobre aquelas. A inscrición neste rexistro é condición necesaria para acreditar a condición de socio ou a titularidade das accións.

3. Os títulos das accións contarán cos requisitos que determina o artigo 114 da LSC e levarán as sinaturas dos membros do Consello de Administración, que poderán figurar estampilladas.

4. Analogamente, coa sinatura, estampillada ou non, de dous conselleiros poderán expedirse extractos de inscrición ou resgardos xustificativos da titularidade das accións, incluso mediante un só documento para cada accionista.

Artigo 8. Dereitos e obrigas dos accionistas

1. A titularidade das accións, debidamente acreditada ante a sociedade, atribúe e polo tanto habilita para o exercicio dos dereitos políticos e económicos que configuran os presentes estatutos ou a LSC. Comporta, así mesmo, a aceptación dos presentes estatutos, dos acordos validamente adoptados polos órganos sociais e das obrigas derivadas da dita condición de accionista.

2. Para todos os efectos relacionados coa sociedade, as accións encóntranse domiciliadas no domicilio social, con renuncia a calquera outro foro.

Artigo 9. Réxime de transferencia

1. Ademais das limitacións e formalidades legais que afecten os órganos e entidades públicas, e sempre tendo en conta o disposto no artigo 6, parágrafo segundo, destes estatutos, cando os socios desexen transmitir as accións que lles pertenzan comunicarano previamente por escrito, con indicación do prezo e demais condicións de venda, ao Consello de Administración da sociedade. O Consello, no prazo dun mes desde que reciba a dita notificación, poderá optar por propor a súa adquisición para a sociedade, para os fins e cos requisitos establecidos pola LSC, artigos 146 e seguintes, ou pola designación de quen as deba adquirir en igual prazo.

A falta de notificación previa, ou a transmisión das accións por prezo ou en condicións distintas das que figuren na notificación feita ao Consello de Administración ou ao organismo ou entidade distintas da proposta por este ou pola sociedade, faculta esta para considerar a transmisión como non realizada, non recoñecerlle ao adquirente a calidade de socio ou denegar a inscrición da transmisión no libro de rexistro de accións.

Se non existise oferta de compra dun terceiro, o prezo das accións, para os efectos do dereito de adquisición preferente pola sociedade, ou polo terceiro proposto polo Consello, será o que resulte do último balance aprobado pola Xunta Xeral de Accionistas.

2. No dorso de todos os títulos figurarán impresas ou estampilladas as limitacións contidas neste artigo.

Artigo 10. Obrigas

1. Nas condicións establecidas pola LSC, poderá emitir obrigas ou outros títulos que recoñezan ou creen unha débeda.

2. O Consello de Administración determinará a clase de emisión, condicións de toda orde, tanto por cento de interese, modo e época do reembolso e demais particularidades do título, se o acordo da Xunta Xeral non precisa estes aspectos, con observación sempre do disposto no artigo 406 da LSC e do artigo 310 do Regulamento do rexistro mercantil.

CAPÍTULO III
Goberno e administración da sociedade

Artigo 11. Órganos sociais

O goberno e administración da sociedade están encomendados basicamente á Xunta Xeral de Accionistas e ao Consello de Administración, sen prexuízo dos demais órganos previstos nos presentes estatutos.

Sección 1ª. Da Xunta Xeral

Artigo 12. Xunta Xeral de Accionistas

1. Os accionistas, constituídos en Xunta Xeral debidamente convocada, decidirán por maioría nos asuntos propios da competencia deste órgano social.

2. Todos os socios, incluso os disidentes e os que non participaron na reunión, quedan sometidos aos acordos da Xunta Xeral.

3. As xuntas xerais poden ser ordinarias ou extraordinarias. A Xunta Xeral ordinaria reunirase, necesariamente, nos prazos determinados pola LSC. A Xunta Xeral extraordinaria reunirase cando así o solicite un número de accionistas que represente, polo menos, o cinco por cento do capital social desembolsado, e expresaranse na solicitude os asuntos que se van tratar na Xunta. Neste caso, a Xunta deberá ser convocada para ter lugar dentro dos trinta días seguintes á data en que para tal efecto fosen requiridos notarialmente os administradores.

Artigo 13. Convocatoria

1. As xuntas xerais serán convocadas polo Consello de Administración mediante anuncio publicado na páxina web da sociedade ou por calquera procedemento de comunicación individual e escrita que asegure a súa recepción por parte de todos os socios no domicilio designado para o efecto, no cal se expresará lugar, data e hora da reunión en primeira e, de ser o caso, segunda convocatoria, e os asuntos que se vaian tratar. Entre a primeira e a segunda reunión deberá mediar, polo menos, un prazo de vinte e catro horas.

2. A convocatoria para a reunión da Xunta Xeral, tanto ordinaria como extraordinaria, deberá publicarse cun mes de antelación como mínimo á data en que a reunión se teña realizar.

O dito prazo computará, no caso de convocatoria individual a cada socio, a partir da data en que foi remitido o anuncio ao último deles.

3. Non obstante o disposto nos números anteriores, a Xunta Xeral entenderase convocada e quedará validamente constituída para tratar calquera asunto sempre que estea presente ou representada a totalidade do capital e os asistentes acepten por unanimidade a realización da reunión.

Artigo 14. Asistencia e representación. Dereito ao voto

1. Poderán asistir á Xunta Xeral todos os accionistas que con cinco días de antelación á data da súa realización figuren como titulares das accións no libro de rexistro da sociedade.

Cada acción concede dereito a un voto.

2. Os accionistas a que se refira o punto anterior poderán recoller no domicilio da sociedade, a partir da publicación da convocatoria da Xunta Xeral ou da recepción desta e ata corenta e oito horas antes do día fixado para a súa realización, unha papeleta de asistencia en que conste o nome do accionista e o número de accións de que sexa titular.

3. Os accionistas que non concorran á Xunta poderán conferir, nas condicións que a LSC establece, a súa representación a calquera persoa natural, e farano constar para o efecto na papeleta de asistencia.

4. As reunións da Xunta Xeral serán presididas polo presidente do Consello de Administración da sociedade ou por quen faga as súas veces. Actuará de secretario, con voz pero sen voto, o do Consello de Administración ou o seu substituto, conforme o artigo 24.3º.

Artigo 15. Quórum de constitución

A Xunta Xeral ordinaria e extraordinaria debidamente convocadas quedarán validamente constituídas, na primeira ou segunda convocatoria, cando se alcancen os quórums de asistencia previstos na LSC en función dos temas que se sometan á súa deliberación.

Artigo 16. Réxime de decisións

1. A acta deberá ser aprobada pola propia Xunta ao final da reunión ou, no seu defecto, dentro do prazo de 15 días, polo presidente da Xunta Xeral e dous socios interventores, un en representación da maioría e outro pola minoría. Nas actas, ou como anexo a elas, faranse constar os accionistas presentes e representados e o número de accións propias e alleas con que concorre cada un. A aprobación da acta farase na forma que prevé a LSC, momento a partir do cal terá forza executiva.

2. Os acordos da Xunta adoptaranse por maioría simple, agás os supostos previstos nestes estatutos e na lei, nos cales se require maioría cualificada. Cada acción dá dereito a un voto.

Artigo 17. Atribucións da Xunta Xeral

Corresponde á Xunta Xeral de Accionistas:

1. Deliberar e adoptar acordos sobre as cuestións que reservan á súa competencia a LSC ou os presentes estatutos.

2. Nomear de entre os conselleiros o presidente do Consello de Administración.

3. Deliberar e resolver, de ser o caso, sobre as cuestións que lle someta o Consello de Administración.

Sección 2ª. Do Consello de Administración

Artigo 18. Consello de Administración

1. O Consello de Administración estará formado por un número de entre seis e dez conselleiros.

2. Ás reunións do Consello de Administración poderán asistir, con voz pero sen voto, os directivos ou técnicos da sociedade que para tal efecto sexan convocados polo presidente, por propia iniciativa ou por petición da maioría dos membros do Consello.

Artigo 19. Os conselleiros

1. Os conselleiros serán propostos polo presidente do IGVS, en razón da súa competencia profesional ou xerencial, e incorporaranse ao Consello en condicións de dedicación suficiente.

2. Sen prexuízo da provisión por cooptación polo propio Consello, a súa designación e remoción realizaraa a Xunta Xeral de Accionistas. Os accionistas que posúan a proporción precisa de capital social poderán facer uso da facultade da agrupación de accións previstas para tal efecto polo artigo 243 da LSC.

3. O Consello renovarase cada catro anos, e os seus membros poderán ser reelixidos unha ou máis veces por períodos de igual duración máxima.

4. Os conselleiros percibirán axudas de custo e indemnizacións pola súa asistencia ás reunións do Consello de Administración. As indemnizacións máximas que por asistencia lles poidan corresponder aos conselleiros serán fixadas mediante acordo do Consello da Xunta, tras o informe favorable da consellería competente en materia de facenda.

Artigo 20. Atribucións do Consello

Correspóndenlle ao Consello de Administración, con carácter xeral, cantas facultades de xestión, administración e disposición garden relación coas actividades que constitúen o obxecto social, sen máis excepcións que as que taxativamente reserven á Xunta Xeral de Accionistas a lei ou os presentes estatutos.

A título meramente enunciativo, correspóndenlle ao órgano de administración as seguintes facultades e todo canto con elas estea relacionado, amplamente e sen limitación ningunha.

1. Representar a sociedade en xuízo e fóra del, en calquera acto e contrato, e ante toda persoa ou entidade.

2. Ditar as normas de funcionamento do propio Consello no non previsto na lei ou nos estatutos sociais.

3. Dirixir o persoal, nomeando e separando empregados e fixando a súa retribución. Aprobar un cadro de persoal que incluirá os postos de persoal directivo e os instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal, a subscrición de convenios colectivos, as ofertas de emprego e as bases das convocatorias de contratación de persoal, que requirirán, en todo caso, informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e función pública.

Artigo 21. Reunións do Consello

1. O Consello reunirase no domicilio social, logo de convocatoria do presidente, por propia iniciativa ou por petición dunha terceira parte dos conselleiros como mínimo, ou por sinalamentos periódicos e, preceptivamente, catro veces no ano. Sen prexuízo do disposto anteriormente, o Consello poderá reunirse, cando así se acorde expresamente, en lugar distinto ao domicilio social.

Non será precisa convocatoria previa se estando presentes todos os conselleiros en calquera lugar decidisen realizalo.

2. A convocatoria do Consello realizaraa o seu presidente ou o que faga as súas veces. A convocatoria será cursada polo secretario, polo menos, con setenta e dúas horas de antelación, e fixarase a orde dos asuntos que se tratarán. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros en igual prazo.

3. Das sesións levantarase acta, que se poderá aprobar na propia sesión a que se refire ou na seguinte, momento a partir do que terá forza executiva. A acta irá asinada polo presidente e polo secretario e expediranse as certificacións dos acordos na mesma forma.

Artigo 22. Acordos do Consello

1. Para que o Consello de Administración poida deliberar e adoptar acordos validamente necesitarase que concorran á reunión, presentes ou representados, a metade máis un dos seus compoñentes.

2. Os acordos adoptaranse por maioría absoluta dos conselleiros concorrentes á sesión, agás nos supostos previstos no artigo 249.3º da Lei de sociedades de capital, nos cales se requirirá o voto favorable das dúas terceiras partes dos compoñentes do Consello.

A votación por escrito e sen sesión só será admitida cando ningún conselleiro se opoña a este procedemento.

Artigo 23. Comisións, conselleiro delegado e apoderamentos

O Consello, para a mellor realización dos seus fins, poderá:

1. Constituír unha ou máis comisións consultivas ou executivas con delegación neste último caso, con carácter permanente ou temporal, de parte das súas facultades, fixar a súa constitución, o seu contido e, de ser o caso, o regulamento para o seu funcionamento.

Presidirá tales comisións, necesariamente, o presidente do Consello por si ou por delegación. Desempeñará as funcións do secretario quen o sexa do Consello de Administración.

En concreto, de conformidade co previsto no artigo 111 da Lofaxga, en canto a sociedade estea obrigada a auditar as súas contas anuais a verificación, constituirase unha Comisión de Auditoría e Control á cal se lle atribuirán as funcións que se indican a continuación:

i) É función primordial da Comisión de Auditoría servir de instrumento e de apoio ao Consello de Administración na supervisión da información contable e financeira e os servizos de auditoría interna e externa.

ii) Para o desempeño da súa función, a Comisión de Auditoría terá as seguintes funcións, sen prexuízo daqueloutras que lle poida encomendar o Consello de Administración:

• Informar a Xunta Xeral de Accionistas sobre as cuestións que nelas formulen os accionistas en materia da súa competencia.

• Proporlle ao Consello de Administración, para o seu sometemento á Xunta Xeral de Accionistas, o nomeamento dos auditores de contas externos, así como as súas condicións de contratación, o alcance do seu mandato profesional e a revogación ou prórroga do mandato.

• Supervisar os servizos de auditoría interna.

• Coñecer o proceso de información financeira e dos sistemas internos de control, vixiando o cumprimento dos requirimentos legais e a correcta aplicación dos principios de contabilidade xeralmente aceptados.

• Manter relación cos auditores externos para recibir información sobre aquelas cuestións que poidan pór en risco a independencia del e calquera outro risco co preciso desenvolvemento da auditoría de contas, así como aqueloutras comunicacións previstas na lexislación de auditoría de contas e nas normas técnicas de auditoría.

iii) Serán funcións específicas que desempeñará a Comisión de Auditoría para o mellor desempeño da súa función as seguintes:

• Supervisar o cumprimento do contrato de auditoría, procurando que a opinión sobre as contas anuais e os contidos principais do informe de auditoría sexan redactados de forma clara e precisa.

• Revisar as contas anuais.

• Avaliar os sistemas de control interno da sociedade e a súa adecuación e integridade.

• Vixiar o cumprimento dos requirimentos legais aplicables á organización e funcionamento societario da sociedade.

iv) A Comisión de Auditoría reunirase cada vez que a convoque o seu presidente, ben por propia iniciativa ou por solicitude de calquera dos seus membros.

v) En caso de ausencia ou incapacidade do presidente, convocaraa o vicepresidente por solicitude de calquera dos seus membros.

vi) A Comisión de Auditoría reunirase periodicamente en función das súas necesidades.

vii) Quedará validamente constituída cando concorran á reunión, presentes ou representados, polo menos a metade dos seus membros.

viii) Os acordos da Comisión de Auditoría adoptaranse por maioría dos concorrentes.

ix) A Comisión de Auditoría poderá requirir a presenza nas súas reunións de aqueles directivos que considere necesario e do auditor externo da sociedade. Ademais, poderá solicitar o asesoramento de expertos externos.

x) A Comisión de Auditoría estará integrada por un número de entre tres e cinco conselleiros.

Así mesmo, poderá constituírse unha comisión executiva ou comité de dirección, que estará integrada ou integrado por un máximo de catro conselleiros.

2. Delegar, tamén con carácter permanente ou temporal, determinadas funcións nun ou varios conselleiros delegados, que deberán ser membros do Consello.

3. Nomear os coordinadores das unidades territoriais.

Artigo 24. Do presidente do Consello de Administración, vicepresidente e secretario

1. Corresponde ao presidente do Consello de Administración:

a) A representación da sociedade e do seu Consello de Administración.

b) A inspección de todos os servizos da sociedade e a vixilancia do desenvolvemento da actividade social, con facultade de pedir información a calquera órgano social, e asistir con voz ás súas reunións.

c) Velar polo cumprimento dos presentes estatutos en toda a súa integridade

d) Convocar e presidir o Consello de Administración, fixando a súa orde do día, propor directrices de actuación, dirixir as súas deliberacións e velar pola execución dos seus acordos.

e) Propor ao Consello de Administración a creación e disolución de órganos sociais e o nomeamento, remoción e atribución do persoal directivo da sociedade.

f) Visar as certificacións que expida o secretario e asinar con el as actas das reunións.

g) Exercer as facultades que lle delegue o Consello de Administración.

2. O Consello poderá designar de entre os seus membros un vicepresidente que substitúa o presidente no caso de vacante temporal, ausencia, enfermidade, incompatibilidade ou calquera outro impedimento lexítimo.

No seu defecto, exercerá tales funcións o conselleiro máis antigo e, de ser o caso, o de máis idade.

3. O secretario do Consello será designado por este e participará nas súas reunións, con voz pero sen voto cando non fose conselleiro.

No caso de ausencia, vacante, enfermidade, incompatibilidade ou imposibilidade de calquera outro tipo, será substituído nas súas funcións polo conselleiro máis recente e, de ser o caso, polo de menor idade.

CAPÍTULO IV
Exercicio social, balance, contas, reservas e réxime de beneficios

Artigo 25. Exercicio económico

O exercicio económico da sociedade coincidirá co ano natural. Por excepción, o primeiro exercicio social comprenderá desde a data de inicio das operacións sociais ata o 31 de decembro do ano en curso.

Artigo 26. Prazo para a formulación das contas anuais

1. No prazo de tres meses contados a partir do peche do exercicio social, o Consello de Administración formulará as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de aplicación do resultado, aténdose ao establecido no artigo 253 da LSC.

2. As contas anuais, integradas polo balance, a conta de perdas e ganancias, o estado de cambios no patrimonio neto, un estado de fluxos de efectivo e a memoria formarán unha unidade, e deberán ser redactados con claridade e mostrar a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados da sociedade, de conformidade co disposto na LSC e no Código de comercio.

3. Para o suposto de que, como consecuencia do informe dos auditores de contas a que se refire o artigo seguinte, o Consello de Administración se vise obrigado a alterar as contas anuais, deberase levar a efecto no prazo de quince días contado desde que o dito informe estea en poder do Consello.

Artigo 27. Verificación das contas anuais

1. As contas anuais, así como o informe de xestión, serán en todo caso obxecto de revisión por auditores de contas nomeados de acordo co disposto na lei.

2. A Xunta Xeral disporá o necesario para o seu nomeamento, determinando no acordo que adopte para o efecto o número de auditores e o período de tempo durante o cal exercerán as súas funcións, todo dentro dos límites e cos requisitos establecidos no artigo 264 da LSC. Así mesmo, establecerá os criterios para a súa retribución.

Artigo 28. Aprobación das contas

1. As contas anuais, xunto co informe dos auditores de contas, someteranse para a súa aprobación á Xunta Xeral de Accionistas convocada para o efecto no prazo previsto polo artigo 13 dos presentes estatutos.

2. A partir da convocatoria da Xunta Xeral, os accionistas poderán obter da sociedade, para o seu exame, os documentos a que se refire o número anterior, o que así se fará constar expresamente naquela.

Artigo 29. Aplicación do resultado

Na aplicación do resultado do exercicio, a proposta do Consello de Administración e o acordo da Xunta Xeral deberán aterse ao establecido nos artigos 273 e seguintes da LSC.

CAPÍTULO V
Transformación, fusión, escisión e disolución

Artigo 30. Transformación, fusión, escisión e disolución

1. A transformación, fusión ou escisión da sociedade producirase na forma que establece a Lei 3/2009, do 3 de abril, de modificacións estruturais das sociedades mercantís, e requirirá autorización previa do Consello da Xunta.

2. A sociedade disolverase polas causas e na forma que establece o vixente texto refundido da Lei de sociedades de capital. O acordo de disolución deberá contar coa autorización previa do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda. A condición de liquidador corresponderalles ás persoas designadas pola Xunta Xeral da sociedade ou, no seu defecto, aos compoñentes do Consello de Administración, con exclusión por sorteo dun deles, se o número de compoñentes do Consello fose par no momento de acordarse a disolución.

CAPÍTULO VI
Disposicións derradeiras

Artigo 31. Patrimonio e recursos económicos

1. Constitúen o patrimonio da empresa pública os bens que lle sexan adscritos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia para o cumprimento dos seus fins e os bens e dereitos de calquera natureza que produza ou adquira con cargo aos seus recursos propios.

2. Os bens do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia que poidan ser adscritos ou cedidos á empresa pública conservan a súa titularidade e cualificación xurídica orixinais, e correspóndelle a ela administralos e explotalos consonte a normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Os recursos económicos da empresa pública estarán constituídos:

a) Polas asignacións orzamentarias da Xunta de Galicia e dos seus organismos autónomos e outros entes dependentes.

b) Polas subvencións, as achegas voluntarias ou as doazóns que lle conceda calquera persoa pública ou privada.

c) Polo rendemento do seu patrimonio.

d) Polos ingresos obtidos por operacións de crédito.

e) Polas remuneracións derivadas da prestación de servizos ou pola realización de actuacións que lle sexan encomendadas, de conformidade co seu obxecto social, pola Administración galega, os seus organismos autónomos ou entes dependentes ou, se é o caso, calquera outra Administración pública.

f) Por calquera outro que lle corresponda de conformidade coas leis.

Artigo 32. Réxime financeiro, orzamentario e de control

De conformidade co previsto no artigo 103 da Lofaxga, o réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control da sociedade será o establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia e, en concreto, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 33. Competencias da consellería competente en materia de facenda

Será en todo caso competencia da consellería competente en materia de facenda o exercicio das funcións relativas á tutela financeira e ao control patrimonial da empresa pública, de conformidade co disposto na Lei de réxime financeiro e orzamentario e na Lei do patrimonio e no seu regulamento.

Artigo 34. Réxime de persoal

O réxime xurídico do persoal da sociedade rexerase polo disposto na disposición adicional primeira do Estatuto básico do empregado público, na normativa autonómica que a desenvolva e polas seguintes regras:

a) A sociedade elaborará un cadro de persoal que incluirá os postos do seu persoal directivo e que será aprobado polo Consello de Administración, logo de informe favorable dos órganos directivos da Administración autonómica competentes en materia de orzamentos e da función pública.

b) Á selección do persoal incluído no dito cadro de persoal, excepto o directivo, seranlle de aplicación as disposicións da lexislación galega sobre emprego público relativas:

• Á composición e funcionamento dos tribunais ou comisión de selección.

• Ás bases das convocatorias.

• Ás probas de selección.

c) A subscrición de contratos laborais de duración determinada, así como a contratación de persoal directivo, realizaranse de conformidade co previsto nas letras c) e d) do artigo 110 da Lofaxga.

Os instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal, a subscrición dos convenios colectivos, as ofertas de emprego e as bases das convocatorias de contratación de persoal serán aprobados polo Consello de Administración e requirirán, en todo caso, informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública.

Artigo 35. Réxime de contratación

O réxime de contratación da sociedade axustarase ao establecido no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 36. Cuestións e diverxencias

Para toda cuestión ou diverxencia que poida xurdir entre a sociedade e os seus accionistas, ou entre estes como tales ou co Consello de Administración, tanto no período de vixencia da sociedade como no da liquidación, as partes, con renuncia ao seu propio foro, sométense ao dos xulgados e tribunais do domicilio social.