Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Venres, 14 de marzo de 2014 Páx. 11036

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, pola que se lle dá publicidade á solicitude de inscrición no rexistro comunitario da indicación xeográfica protexida Capón de Vilalba.

Con data do 17 de decembro de 2013, a Asociación de Criadores de Capón de Vilalba solicitou a inscrición no rexistro comunitario da indicación xeográfica protexida Capón de Vilalba, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os rexímenes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

Unha vez examinada a solicitude e completada a documentación, de acordo co indicado no punto 3 do artigo 49 do dito regulamento, o expediente debe someterse a un procedemento de oposición dentro do Estado membro, garantindo unha publicación adecuada da solicitude e establecendo un prazo razoable durante o cal calquera persoa física ou xurídica que posúa un interese lexítimo e estea establecida ou resida no seu territorio poida declarar a súa oposición á dita solicitude.

En desenvolvemento dun precepto que, co mesmo teor, recollía a anterior normativa europea reguladora da materia, o Goberno de España ditou o Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas. No seu artigo 9 establécese que, para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas nas que o ámbito territorial se circunscriba a unha comunidade autónoma, o órgano competente desta publicará no BOE un anuncio da solicitude de rexistro e, cando menos, nunha páxina web oficial, o prego de condicións e o documento único do produto. O anuncio publicado no BOE deberá incluír a dirección da dita páxina web, onde se atoparán estes documentos.

Por outra parte, con base nas competencias da Comunidade Autónoma galega en materia de denominacións de orixe, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. O seu artigo 4, alínea 1, dispón tamén a publicación da solicitude no DOG e no BOE, para a apertura dun prazo de dous meses para a presentación de oposicións.

Polo exposto e no exercicio das competencias que teño atribuídas, de acordo co artigo 4 do citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro,

RESOLVO:

Darlle publicidade á solicitude de inscrición da indicación xeográfica protexida Capón de Vilalba mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia do documento único, de acordo co formato establecido no anexo I do Regulamento (CE) nº 1898/2006 da Comisión, do 14 de decembro, que figura como anexo desta resolución. Tamén se dará publicidade da solicitude mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado, que incluirá un vínculo á páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar onde se atopará o contido do prego de condicións e do dito documento único. Desde o día seguinte ao da publicación máis tardía de ambas iniciarase o cómputo de dous meses para que calquera persoa, física ou xurídica, que estea establecida ou resida legalmente en España, cuxos lexítimos intereses considere afectados, poida opoñerse ao dito rexistro mediante a correspondente declaración de oposición, dirixida á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes (San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela), da Consellería do Medio Rural e do Mar, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2014

Tomás Fernández-Couto Juanas
Secretario xeral de Medio Rural e Montes

ANEXO
Documento único

Regulamento (CE) nº 510/2006 do Consello sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios (1).

«Capón de Vilalba».

Nº CE:

IXP (X) DOP ( )

1. Denominación.

«Capón de Vilalba».

2. Estado membro ou terceiro país.

España.

3. Descrición do produto agrícola ou alimenticio.

3.1. Tipo de produto.

Clase 1.1. Carne fresca (e refugallos).

3.2. Descrición do produto que se designa coa denominación indicada no punto 1.

A indicación xeográfica protexida «Capón de Vilalba» aplícase á carne de machos da especie Gallus domesticus castrados cirurxicamente antes de alcanzar a madurez sexual. As aves son de diferentes razas e estirpes que teñen como trazo común a súa rusticidade, o que permite a súa cría ao aire libre nas condicións climáticas da zona. Son sempre razas semipesadas e de crecemento lento que presentan plumaxe de cor marrón-avermellada.

Os animais sacrifícanse cunha idade mínima de 150 días, despois dun período de cría e engorda tras a castración de polo menos 77 días. A ceba, fase final da engorda, realízase en recintos confinados durante, polo menos, 25 días e o peso mínimo da canal debe ser de 2,5 kg. Dentro da indicación xeográfica protexida establécese unha categoría especial, que se comercializa na época do Nadal co distintivo de «Capón de Nadal», que se aplica a animais que se sacrifican cunha idade mínima de 210 días e que teñen un peso mínimo da canal de 4 kg.

A canal é de cor nacarado-amarelado e a pel é fina e flexible.

3.3. Materias primas (unicamente no caso dos produtos transformados).

Non procede.

3.4. Alimentación (unicamente no caso dos produtos de orixe animal).

A alimentación fornecida será a que permita un crecemento harmonioso dos animais e relativamente lento. Durante a primeira fase de engorda, a alimentación das aves basearase no aproveitamento da cuberta vexetal do curral, complementada con millo, outros cereais e outros alimentos de orixe vexetal (verzas, mondaduras de patacas, castañas, etc.) que habitualmente proceden da propia explotación. De utilizarse alimentos concentrados, estes terán, como mínimo, un 70 % de cereais.

A fase de ceba realízase en recintos confinados, habitualmente en gaiolas denominadas «capoeiras». Nesta fase, a alimentación base da etapa anterior compleméntase cunha pasta denominada «amoado», composta pola mestura de millo triturado e pataca cocida, aínda que a pataca pode ser substituída total ou parcialmente por castaña.

3.5. Fases específicas da produción que se deben levar a cabo na zona xeográfica definida.

As aves deberán ser criadas, polo menos a partir da castración –incluída esta–, cebadas, sacrificadas e preparadas para a comercialización na área xeográfica delimitada.

3.6. Normas especiais sobre o corte en lonchas, o rallado, o envasado, etc.

Non aplica.

3.7. Normas especiais sobre a etiquetaxe.

A carne de capón comercializada baixo o amparo da indicación xeográfica protexida «Capón de Vilalba» deberá levar, tras a certificación, a etiquetaxe comercial correspondente a cada elaborador-comercializador. Levará tamén, en cada unidade de venda, unha etiqueta propia da indicación xeográfica (contraetiqueta), de codificación alfanumérica e numeración correlativa, utilizada baixo a supervisión do órgano de control, co logotipo oficial da IXP.

Tanto na etiquetaxe comercial como na contraetiqueta propia da indicación xeográfica figurará obrigatoriamente a mención Indicación Xeográfica Protexida «Capón de Vilalba». Na etiquetaxe tamén figurará o logotipo europeo identificador das indicacións xeográficas protexidas. Os capóns da tipoloxía «Capón de Nadal» complementarán a súa etiquetaxe con esa mención.

4. Descrición sucinta da zona xeográfica.

O ámbito xeográfico da Indicación Xeográfica Protexida «Capón de Vilalba» comprende a totalidade da comarca denominada «Terra Chá», na provincia de Lugo, Comunidade Autónoma de Galicia, que engloba os seguintes municipios: Muras, Xermade, Vilalba, Abadín, A Pastoriza, Guitiriz, Begonte, Cospeito e Castro de Rei.

5. Vínculo coa zona xeográfica.

5.1. Carácter específico da zona xeográfica.

a) O medio físico.

A comarca de «Terra Chá» é un territorio homoxéneo desde o punto de vista climático, consecuencia do seu suave relevo só interrompido polos rebordes montañosos que a enmarcan e que delimitan un espazo repleto de vales asucados por unha densa rede hidrográfica na que destaca o Miño e os seus afluentes. A súa altitude media é de 400 metros.

Na base litolóxica predominan as lousas con afloramentos graníticos. O 60 % do territorio é forestal, e predominan os carballos, aínda que tamén son frecuentes piñeiros, castiñeiros, bidueiros e ameneiros. Os terreos de cultivo ocupan o 22 % e os prados e pasteiros o 15 %.

A área non ten unha gran variación en canto á temperatura media anual, que oscila entre os 8,5 ºC nas zonas máis altas e os 12 ºC nas máis baixas. A precipitación anual sitúase entre os 1.000 mm e os 1.400 mm. Os valores de humidade relativa media están en torno ao 85 %. O clima húmido, con veráns suaves e escasa amplitude das oscilacións térmicas, propicia o desenvolvemento de cultivos clave na alimentación dos capóns, sobre todo no referente ao pasto e aos cereais, entre os que destaca o millo. O período frío abarca os meses de novembro a marzo, con temperaturas medias mensuais entre 5 e 10 ºC, período que se evita na cría tradicional do capón, que comeza en abril-maio e termina en decembro, aínda que neste último mes as aves xa estarán confinadas sen saír ao exterior.

b) O factor humano.

A produción do capón na área xeográfica delimitada séguese facendo como outrora, de acordo co saber facer dos paisanos, en pequenas explotacións familiares nas que se fai un manexo tradicional das aves, de forma artesanal e con importante presenza aínda de exemplares de razas autóctonas e cruces, razas, en todo caso, rústicas adaptadas á cría ao aire libre e que proporcionan produtos de características peculiares. Así, unha das razas amplamente utilizadas é a «Galiña de Mos» (Mos é o nome dunha parroquia pertencente ao concello de Castro de Rei, que forma parte da comarca), en pureza ou cruzada.

As aves aliméntanse aproveitando a cuberta vexetal do curral, o que se complementa con cereais, entre os que ten un especial protagonismo o millo, e outros produtos de orixe vexetal, como verzas, patacas ou castañas, en gran medida provenientes da propia explotación.

A castración das aves e a fase final de ceba, en instalacións características (as «capoeiras») e cun sistema de alimentación moi particular (o «amoado») requiren coñecementos específicos que os homes e mulleres da zona atesouran ao irse transmitindo secularmente de xeración en xeración.

O nome que contén a IXP, «Vilalba», é un nome xeográfico que corresponde co do concello cabeceira da comarca, que lle deu a notoriedade e recoñecemento ao produto, xa que é o lugar onde tradicionalmente, nos días previos á festividade da Noiteboa, ten lugar a feira na cal se comercializan os capóns procedentes dos concellos lindeiros e das parroquias do propio termo municipal. A fama desta feira deu nome ao produto.

5.2. Carácter específico do produto.

As canais do «Capón de Vilalba» presentan cor nacarado-amarelado e unha pel fina e flexible. Deben pesar, como mínimo, 2,5 kg. Este peso mínimo sobe ata 4 kg no caso particular dos capóns que se etiquetan como «Capón de Nadal». Estes capóns son comercializados nas datas do Nadal, e dispóñense dunha forma especial, consistente en presentar a canal con cabeza e patas, colocando no seu interior un pau pequeno de bidueiro para manter o lombo o máis recto posible, coas ás dobradas coa punta cara a arriba, de maneira que queden pousadas nas costas, e coa graxa ou «ensunlla» tamén sobre as costas, aos dous lados, suxeita con outros pequenos paus.

A carne caracterízase pola súa fineza, xugosidade e tenreza. A textura é fibrosa e a graxa, que é abundante –sobre todo no «Capón de Nadal»–, é de cor branca-amarelada.

5.3. Relación causal entre a zona xeográfica e a calidade ou as características do produto (no caso das DOP) ou unha calidade específica, a reputación ou outras características do produto (no caso das IXP).

A área xeográfica delimitada caracterízase por unhas boas condicións naturais para o sostemento dunha importante actividade agropecuaria. Trátase maioritariamente
de pequenas explotacións gandeiras familiares nas que a cría de capóns tradicional-
mente foi unha actividade secundaria que serviu para complementar a renda da explotación.

As pequenas explotacións familiares seguen aplicando os métodos tradicionais de cría e manexo das aves, con baixas densidades tanto no galiñeiro coma no curral, no que os animais pasan boa parte do día, o que facilita que realicen gran cantidade de exercicio. Estas condicións tamén inciden directamente nas características organolépticas da carne.

Ademais, a alimentación –baseada en cereais, nos que o millo ten un papel destacado– tamén incide nas características da carne e na cor amarelada da canal. A fase final de ceba en recintos de dimensións reducidas e utilizando unha alimentación específica na que se complementa a alimentación base da fase anterior co «amoado» –elaborado segundo a técnica local con millo triturado mesturado con patacas cocidas e/ou castañas cocidas–, é unha mostra máis do saber facer particular dos produtores e produtoras da zona que inflúe directamente nas características do produto. Téñase en conta que a zona ten unha produción importante de millo, patacas e castañas, que xunto coas gramíneas e leguminosas que conforman as pradarías e pasteiros que aproveitan directamente as aves, forman a base da alimentación. Por iso, a maior parte das materias primas utilizadas na alimentación son da comarca, cando non da mesma explotación.

En definitiva, o tipo de ave seleccionado, a forma de cría e a alimentación fornecida son responsables tanto do aspecto da canal como da fineza, xugosidade e tenreza da carne.

A forma específica en que se presenta para a comercialización o «Capón de Nadal» é outro exemplo máis da especificidade do produto, consecuencia do saber facer dos habitantes deste territorio.

A boa reputación de que gozan estes capóns fíxoos merecedores do recoñecemento que supón a súa inclusión no Inventario español de productos tradicionales, publicado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en 1996.

Esta reputación vén de moi antigo. As primeiras noticias coñecidas sobre a cría e consumo de capóns en Galicia datan da Idade Media, época na que abundaron documentos de foros en que os foreiros se comprometían a pagar en capóns parte da renda. En tempos xa moito máis recentes podemos atopar referencias de que este costume do pagamento con capóns se foi mantendo, o que dá idea do alto aprecio que este produto tivo na comarca ao longo de diferentes momentos históricos.

Desde comezos do século XX son numerosas as publicacións nas que se cita tanto o capón como a feira de Vilalba, onde tradicionalmente se comercializaba. Así, temos referencias en xornais como El Eco de Villalba, onde se recolle en 1908 o costume do pagamento de impostos con capóns, ou El Regional, onde tamén aparecen en 1927 referencias ás feiras de capóns celebradas en Vilalba e ao éxito que este produto tiña.

Existen numerosas referencias de autores galegos aos hábitos e tradicións relacionadas con este produto, así como citas que recoñecen a calidade dos capóns desta terra e da boa aptitude da raza «Galiña de Mos». Como exemplos disto último, Salvador Castelló Carreras, en Mi libro de gallinas, do ano 1949, ou César Ajenjo Cecilia, na súa Enciclopedia de Avicultura, do ano 1950.

Manuel María, o máis grande dos poetas da comarca, deixounos algún verso sobre o capón no seu libro Terra Chá (1954), así como textos relativos á feira de Vilalba.

O polifacético Álvaro Cunqueiro, un dos grandes autores da literatura galega e prestixioso gastrónomo, no seu afamado libro A Cociña Galega (1973), fai unha afervoada gabanza dos capóns criados en distintos municipios de Terra Chá e comercializados na feira de Vilalba.

Outro insigne referente da cultura galega, Ramón Otero Pedrayo, na crónica da viaxe a San Andrés de Teixido (na obra Pelegrinaxes, de 1929), fai alusión aos capóns de Vilalba.

Como xa se indicou, o produto e a súa reputación están intimamente ligados á feira que se celebra en Vilalba. As referencias históricas remontan a existencia desta feira case a dous séculos de antigüidade, xa que nos libros do Concello aparecen anotacións do ano 1835. No devandito ano aparecen recolleitos prezos medios «en la cantidad de 10 reales el par». Dunha acta oficial de prezos correspondente ao ano 1840 despréndese que un par de capóns se cotizaba tanto como «un carnero bueno y limpio» (12 reais) e que os mercados de capóns se celebraban, ademais de en Nadal, nos meses de xaneiro e febreiro, en contra do que hoxe ocorre. Desde 1900 a 1947 o par de capóns subiu de 10 a 100 pesetas. En 1949 aparece cotizándose a 200 pesetas e foi subindo paulatinamente o prezo do par ata 1974, ano en que se rumoreou que un par de capóns fora vendido en 8.000 pesetas, feito insólito xa que o prezo medio por aquel entón estaba entre 4.000 e 6.000 pesetas. Hoxe en día é habitual que se paguen ata 200 euros. Estes elevados prezos son un sinal inequívoco da reputación que o produto tivo e ten entre os consumidores.

Referencia á publicación do prego de condicións.

(Artigo 5, punto 7, do Regulamento (CE) nº 510/2006).

http://www.medioruralemar.xunta.es/uploads/media/pliego_de_condiciones_Capon_de_Vilalba_24_02_14.pdf

(1) Substituído polo Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.