Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Venres, 14 de marzo de 2014 Páx. 11005

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2014 pola que se declara de interese galego e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Knowcosters.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Knowcosters, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos.

1. Miguel Conde Lobato, presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Knowcosters foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 29 de maio de 2013, ante o notario José Guillermo Rodicio Rodicio, co número de protocolo 706, pola entidade Grupo Bap-Conde, S.A., que actúa representada por Miguel Conde Lobato.

Esta escritura foi complementada por outra, outorgada tamén na Coruña, o 9 de decembro de 2013, ante o mesmo notario, co número de protocolo 1562.

3. A Fundación Knowcosters ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, promover melloras da sociedade a través do consumo, proporcionar ao consumidor información para que poida consumir como pensa e que este sexa consciente de que, cando consome, vota por un modelo social ou por outro.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores; a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, o obxecto e a finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficios e a designación do padroado inicial.

6. O Padroado inicial da fundación está formado por Miguel Conde Lobato como presidente, Isabel María Gómez Piñón como vicepresidenta e Arturo López Lago como secretario.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social da Fundación Knowcosters, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Economía e Industria.

8. De conformidade con dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 22 de xaneiro de 2014 (DOG núm. 25, do 6 de febreiro), clasificouse como de interese social a Fundación Knowcosters e adscribiuse á Consellería de Economía e Industria para os efectos do exercicio das funcións do protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndelle á Consellería de Economía e Industria a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Knowcosters, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego e no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobados polos decretos 14/2006 e 15/2009, do 21 de xaneiro, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Knowcosters.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía e Industria.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercicio pola Consellería de Economía e Industria.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2014

P.D. (Orde do 26.7.2013; DOG nº 154, do 13 de agosto)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria