Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 13 de marzo de 2014 Páx. 10779

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a axencias de viaxe para o desenvolvemento das actividades de promoción e comercialización turística do destino Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, TP 5.57.2, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, ten por obxecto a planificación, ordenación, promoción e fomento do turismo na Comunidade Autónoma de Galicia, e establece entre os fins que persegue a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, o impulso á profesionalización do sector, e a promoción de Galicia como destino turístico de calidade.

Dentro dos obxectivos xerais que establece a citada Lei de turismo está a ordenación racional, equilibrada e sustentable dos recursos turísticos co obxectivo de garantir o equilibrio territorial, consolidando as áreas turísticas actuais con implantación nos mercados e desenvolvendo novos espazos con produtos singulares e diferenciadores, todo iso en consonancia coa procura da excelencia e da calidade de servizos para facer do destino Galicia un referente turístico internacional.

Así mesmo, entre as accións de promoción e fomento do turismo, a Lei do turismo de Galicia establece a adopción das medidas axeitadas para potenciar e promocionar a imaxe de Galicia como destino turístico de calidade, así como as medidas de fomento que permitan impulsar o turismo como medio de desenvolvemento dos valores propios da cultura e identidade galegas, así como diversificar a oferta turística.

Na promoción dos recursos turísticos impulsarase a proxección interior e exterior de Galicia como marca turística global que integra as demais marcas turísticas galegas, de conformidade co disposto no artigo 31 da devandita Lei 7/2011.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na Comunidade Autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a través da mellora da competitividade das empresas turísticas e a valorización dos recursos turísticos; o fomento do turismo como un instrumento de requilibrio territorial; a mellora do posicionamento do turismo no panorama nacional e internacional e a diversificación da oferta turística de Galicia coa consolidación dos produtos turísticos clave para competir no ámbito turístico nacional e internacional e a creación de novos produtos que posibiliten unha vantaxe competitiva e permitan desestacionalizar a demanda turística.

Na comunidade galega, como no resto do territorio do Estado, a actividade turística levada a cabo polas axencias de viaxe é un piar fundamental do fenómeno turístico e son, sen dúbida, as artífices do auxe experimentado nos movementos de viaxeiros, de aí a súa enorme importancia no sector, o que as constitúe no cimento en que se asentan ou no núcleo sobre o que gravitan bo número do resto de actividades turísticas.

Neste sentido e na actualidade, as axencias de viaxe están asistindo a unha reestruturación e a un cambio nas súas actividades tradicionais derivadas dunha maior exixencia da demanda por parte dos consumidores, cunha conxuntura económica complicada.

As axencias de viaxe enmarcadas na nosa comunidade, como principal expoñente e medio condutor que dá a coñecer a abundante e múltiple oferta turística existente no noso territorio, teñen un reto neste momento que deriva na expansión, comercialización e difusión da oferta turística de Galicia en todos os ámbitos. Por iso, deben dar un asesoramento experto e especializado e xestionar de maneira activa o mercado turístico, a través da confección de viaxes a medida, ofertar novos servizos máis personalizados acordes coas tendencias que apuntan os mercados e, neste caso, o mercado que demanda oferta galega, tendo en conta que a organización, creación e venda dun produto turístico implica coñecer a oferta turística e as actividades que se poden realizar na zona.

Por outra parte, o programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2007-2013 é un documento de programación comunitaria aprobado pola Comisión Europea que recolle a articulación da estratexia da Xunta relacionada con distintos eixes prioritarios de intervención. Nestes eixes establécense medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e medidas para mellorar os servizos turísticos, tales como a reforma e modernización do turismo dado o carácter prioritario do sector do turismo na Comunidade Autónoma.

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade ao abeiro do establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Así mesmo, pola orixe da partida orzamentaria, quedarán suxeitas ao Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan as normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello (DOUE 27.12.2006, L 371); ao Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e ao Regulamento (CE) núm. 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo al Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e a Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, ademais dos regulamentos comunitarios en materia de información e publicidade.

Polo exposto, e no exercicio das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, para a concesión das subvencións da Axencia Turismo de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, a axencias de viaxe para o desenvolvemento das actividades de promoción e comercialización turística do destino Galicia que se especifican nas citadas bases, así como a súa convocatoria para o ano 2014.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

Estas axudas axústanse ao obxecto establecido no eixe 5: Desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 57: Axudas á mellora dos servizos turísticos, coordinación e promoción do turismo, e á actuación 2: Actuacións do fomento do turismo, dentro do programa operativo de Galicia Feder 2007-2013.

2. Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no devandito artigo 4 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

4. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://turismo.xunta.es

b) Os teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 64, e no fax 981 54 63 71 da devandita Axencia.

c) Enderezo electrónico axudas.turismo@xunta.es

d) Presencialmente.

5. Réxime de recursos.

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2014

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I
Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a axencias de viaxe para o desenvolvemento das actividades de promoción e comercialización turística do destino Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión das subvencións a axencias de viaxes, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento das actividades de promoción e comercialización do destino Galicia.

2. Consideraranse proxectos subvencionables todos aqueles que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2014.

3. Os proxectos subvencionables consistirán principalmente no deseño de accións e actuacións especializadas na promoción e comercialización dos produtos cabeceira da marca turística de Galicia.

Os produtos cabeceira de marca de Galicia poden ser consultados na páxina web oficial de promoción turística, na epígrafe denominada «experiencias»
http://www.turgalicia.es/goza-destas-experiencias.

– Camiño de Santiago. Inclúense nesta epígrafe os produtos que articulen unha proposta de aloxamentos coordinados entre si para realizar por etapas os distintos camiños de Santiago en Galicia, incluíndo servizos de manutención e transfers que faciliten un paquete integral aos usuarios turísticos. Estes produtos poderán denominarse Bono Iacobus –marca rexistrada pola Xunta de Galicia–, xunto a outro termo que identifique as especificidades que introduza o comercializador e o diferencie dos competidores.

– Bosques de Galicia (Natureza).

– Mananciais de Galicia (Termalismo).

– Paseando entre viñedos (Enogastronomía).

– Turismo mariñeiro.

– Ruta das Camelias (Xardíns de Galicia).

– Faros e praias salvaxes.

– Patrimonio oculto.

– Santuarios máxicos.

– «Top Ten dez lugares únicos»: Ribeira Sacra, Muralla de Lugo, Serra da Capelada, Ferrol da Ilustración, Torre de Hércules, Camiño de Santiago, Santiago de Compostela, Cabo Fisterra, Illas Cíes e Santa Tegra.

Tamén serán proxectos subvencionables os paquetes turísticos orientados ao turismo de golf e/ou turismo ornitolóxico.

4. Terán a consideración de gastos subvencionables os derivados das seguintes actuacións:

a) Edición de folletos e/ou outros soportes que se vaian usar para a promoción dos produtos turísticos para comercializar obxecto desta orde de subvención.

b) Gastos relativos á realización de campañas de promoción específicas dos paquetes e servizos turísticos ofertados (publicidade en medios de comunicación convencionais, internet, revistas especializadas...).

c) Viaxes de promoción e familiarización do destino Galicia, en relación cos paquetes e servizos turísticos para comercializar obxecto desta orde de subvención (gastos de xestión, aloxamentos, manutención, transportes, entrega de materiais promocionais…).

d) Desenvolvemento das TIC na xestión, promoción e comercialización da oferta turística.

e) Proxectos dirixidos á creación e posta en funcionamento de centrais de reserva e outras canles de comercialización online.

f) Asistencias técnicas de apoio á promoción e comercialización de produtos turísticos.

5. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de mantemento e conservación e a compra de activos materiais ou inmateriais.

Tampouco serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

6. Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 18.000 euros nos supostos de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o solicitante deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

7. Poderá subcontratarse a actividade obxecto da subvención nun 100 %, de conformidade co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04 A2 761A 770.0, cofinanciada nun 80 % con fondos Feder, cun crédito de 125.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013), deberase garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido e con independencia de que a axuda concedida polo Estado membro estea financiada total o parcialmente mediante recursos da Unión. O período dos tres exercicios fiscais determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 3 do citado regulamento.

3. Estas axudas son compatibles con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente o en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Non obstante, os gastos cofinanciados con fondos Feder non poderán acollerse a axudas procedentes de ningún outro instrumento financeiro comunitario, de acordo co disposto no artigo 54.5 Regulamento (CE) núm. 1083/2006.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións as persoas físicas, xurídicas, constituídas baixo forma civil ou mercantil, ou comunidades de bens, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares de axencias de viaxes que realicen a súa actividade en Galicia, e que estean comprendidas na definición de pequena ou mediana empresa (peme). As axencias deberán contar con clasificación turística expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia por estar radicada nesta a súa casa central, ou ben ter sucursais debidamente inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia.

Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

2. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as asociacións, legalmente constituídas, cuxos asociados sexan nun 50 % entidades que reúnan os requisitos establecidos no parágrafo 1 deste artigo. Tales asociacións deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia.

Así mesmo, poderán ter a condición de beneficiarias as agrupacións das persoas físicas, xurídicas ou comunidades de bens nas cales aínda carecendo de personalidade xurídica, polo menos un 50 % dos agrupados reúnan os requisitos establecidos no parágrafo 1 deste artigo.

De conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, sen personalidade, deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención para aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

3. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

5. Unha vez recaída a resolución de concesión, os cambios no beneficiario terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos do disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, subrogándose o novo titular na posición xurídica de beneficiario da subvención.

Artigo 4. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante.

A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

5. Os interesados achegarán a seguinte documentación:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Memoria explicativa do proxecto. Esta deberá incluír a descrición das actuacións propostas, concretando aqueles dos criterios de valoración sinalados no artigo 8.4 destas bases que reúnen as actuacións cuxa subvención se solicita.

c) Orzamento desagregado por conceptos do investimento que se vai realizar. De ser o caso, o interesado achegará tres orzamentos de diferentes provedores, segundo dispón o artigo 1.6 destas bases reguladoras.

No caso de solicitudes efectuadas por agrupacións, deberá acreditarse a realización conxunta da actuación e que non supoñan actuacións independentes de cada entidade agrupada.

d) Se é o caso:

– Documento acreditativo da adhesión do establecemento ao Instituto para a Calidade Turística Española, emitido pola súa delegación territorial en Galicia ou, no caso de establecementos coa marca Q de Calidade Turística, documento acreditativo de certificación, emitido polo Instituto para a Calidade Turística Española.

– No caso de establecementos distinguidos con Compromiso de Calidade Turística, documento acreditativo do distintivo de compromiso de calidade turística de boas prácticas concedido por un destino Sicted (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Cando a subvención sexa solicitado por unha agrupación das previstas no artigo 3.2 destas bases, deberán facerse constar expresamente na solicitude os compromisos asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións. Así mesmo, deberá designarse a entidade a que se lle deberá efectuar o pagamento da subvención.

A documentación referida nas alíneas d) e e) de este artigo deberán referirse a cada entidade agrupada.

f) Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. Coas solicitudes das persoas interesadas achegaranse os documentos e as informacións determinados no artigo 4.4, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

5. A Axencia Turismo de Galicia velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e, para eses efectos, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. Non obstante, a Axencia Turismo de Galicia revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 6. Órganos competentes

A Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle á directora da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fai, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. A área provincial correspondente da Axencia emitirá un informe que deberá sinalar se a solicitude e a actuación proposta é conforme coa normativa de ordenación turística vixente, así como a avaliación do proxecto presentado. O informe deberá indicar, ademais, a data de autorización ou clasificación en REAT e a existencia ou non dalgún expediente sancionador.

Así mesmo, achegarase informe da Área de Produtos sobre o interese turístico da solicitude e a adecuación á liña de actuación correspondente.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O/a director/a de Competitividade, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as das áreas provinciais.

c) O/a xefe/a da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que actuará como secretario/a.

d) Un representante da Xerencia.

e) Un representante da Dirección de Promoción.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

4. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

5. No caso de existiren solicitudes que non figuran no informe anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes, e cada unha delas terá o peso que se especifica:

1. Pola creación de produtos turísticos orientados especificamente ao turismo familiar, turismo sénior e/ou a colectivos de turismo xuvenil. Ata un máximo de 15 puntos.

1.1. Pola creación de produtos turísticos orientados ao turismo familiar: 5 puntos.

1.2. Pola creación de produtos turísticos orientados ao turismo sénior: 5 puntos.

1.3. Pola creación de produtos turísticos orientados a colectivos de turismo xuvenil (menores de 18 anos): 5 puntos.

2. Pola creación de produtos turísticos que inflúan na desestacionalización do turismo en Galicia. As datas propostas para os produtos turísticos deberán estar formuladas fóra do período de Semana Santa e dos meses de xullo e agosto: 10 puntos.

3. Que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa calidade turística. Ata un máximo de 15 puntos.

3.1. Acreditando certificación da marca Q de Calidade Turística do ICTE: 10 puntos.

3.2. Acreditando a súa adhesión vixente para o ano 2014 ao ICTE, no caso de establecementos aínda non certificados co Q de Calidade Turística: 5 puntos.

3.3. Acreditando o distintivo en boas prácticas de compromiso de calidade turística concedido por un destino Sicted (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia: 5 puntos.

No caso de que o beneficiario da subvención sexa unha agrupación ou asociación, só se puntuará esta epígrafe 3, de contar todas as entidades agrupadas ou asociadas cos devanditos distintivos de calidade. Cando as certificacións que acredite cada entidade agrupada ou asociada non sexan obxecto da mesma puntuación, atenderase á menor delas.

4. Pola oferta de servizos turísticos accesibles en coordinación con asociacións, fundacións ou outras entidades legalmente constituídas que agrupen colectivos con discapacidades: 10 puntos.

5. Por innovación e creatividade: ata un máximo de 40 puntos.

5.1. Pola concepción de materiais e campañas promocionais innovadoras e creativas: 20 puntos.

5.2. Pola incorporación de elementos innovadores e creativos nos servizos turísticos propostos: 20 puntos.

6. Pola comercialización activa dos paquetes e servizos turísticos propostos, mediante a realización de viaxes fóra da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa presentación a turoperadores e/ou a público final: ata un máximo de 10 puntos.

6.1. Pola realización de viaxes de comercialización dentro do mercado español: 5 puntos.

6.2. Pola realización de viaxes de comercialización ao estranxeiro: 5 puntos.

2. Os proxectos que se recollen no parágrafo anterior como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 40 % sobre o investimento subvencionable. A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que alcancen os proxectos presentados, segundo se detalla a continuación:

Puntos

% axuda

61-100

40

41-60

35

21-40

30

0-20

25

Artigo 10. Audiencia

Efectuada a avaliación, a comisión fará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá ser notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo dispón o artigo 6 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, na citada proposta comunicarase ao beneficiario o importe da axuda (expresado como o seu equivalente de subvención bruta), e sobre o seu carácter de minimis.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á directora da Axencia Turismo de Galicia.

2. A directora da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta de resolución, ditará, no prazo de 15 días desde a súa elevación, a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contidos no artigo 34.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen recaer resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade cos requisitos establecidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10.

3. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que ppoidan dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a secretaria xeral ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto de conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega. Así mesmo, deberá manterse o proxecto subvencionado, sempre que este teña a consideración de investimento produtivo, de conformidade co disposto no Regulamento (CE) núm. 1083/2006, e a súa actividade en Galicia durante un período mínimo de tres (3) anos, contados desde a data en que se produza a liquidación definitiva da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás actuacións de comprobación das instancias comunitarias de control, así como ás verificacións previstas no artigo 13 do Regulamento (CE) núm. 1828/2006.

d) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Por estar esta convocatoria suxeita ao réxime de minimis tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a se ditar proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de denegar expresamente que as soliciten o órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 5.2. No caso que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

f) O beneficiario deberá conservar a documentación contable e de todo tipo relativa á execución dos gastos do proxecto obxecto da subvención por un período de 3 anos a partir do peche do programa operativo, de conformidade co artigo 89, punto 3 do Regulamento 1083/2006 do Consello. Así mesmo, o beneficiario queda obrigado a manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a «pista de auditoría».

g) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así mesmo, deberán cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, de 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello (DOUE 27.12.2006, L371), coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) núm. 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009, (DOUE 23.9.2009, L250).

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar na súa publicidade, incluída a que se realice a través de páxinas web, ou no material que se edite en relación co proxecto subvencionado ou calquera soporte en que se realicen as actividades subvencionadas, o cofinanciamento dos seus proxectos con fondos europeos Feder, así como pola Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, de acordo co disposto na regulamentación comunitaria nesta materia. Para isto empregarán a lenda «proxecto cofinanciado», xunto co escudo normalizado da Xunta de Galicia, podendo descargarse o logotipo no seguinte enlace: www.xunta.es/descarga-do-manual, e o emblema normalizado da Unión Europea coa lenda «Unión Europea. Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional» (Feder), e precedendo os emblemas empregarase a lenda «Unha maneira de facer Europa». Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 que pode consultarse na páxina web (http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe). Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

h) Igualmente o beneficiario deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de www.turgalicia.es/marca01 os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos axeitados, así como as indicacións do uso.

i) Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

l) Os beneficiarios quedan obrigados a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de setembro de 2014 para presentar, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, mediante a modalidade de conta xustificativa (conforme o artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), orixinal ou copia cotexada da documentación que a continuación se indica:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

c) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:

c.1. Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Se é o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento.

c.2. Facturas que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, no seu defecto, copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento.

Non se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación, sen prexuízo da ampliación do prazo de presentación da xustificación, de conformidade co disposto no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

d) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública. Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

e) Modelo de declaración: anexo III.

f) No caso de agrupacións previstas no artigo 3.2 destas bases, documento subscrito polas entidades asociadas ou agrupadas que regule as relacións entre elas, no que respecta á subvención.

g) Documentación acreditativa do cumprimento das obrigas de información e publicidade derivadas do Regulamento (CE) núm. 1828/2006, que se establecen no artigo 15.g) destas bases.

2. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou as modificacións autorizadas. De non xustificarse o investimento executado quedará anulada toda a subvención, non obstante, se a xustificación é inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña a finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado e, para o caso de que o executado non cumprise o fin para o que se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, a directora da Axencia Turismo de Galicia ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Pagamento

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia Turismo de Galicia, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e á súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 19. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás das instancias comunitarias de control, e ás verificación previstas no artigo 13 do Regulamento (CE) núm. 1828/2006.

Artigo 20. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Os datos dos proxectos financiados incluiranse na lista pública de beneficiarios nos termos previstos nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 21. Remisión normativa

Son de aplicación directa o Regulamento (CE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis; o Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan as normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) núm. 1083/2006; o Regulamento (CE) 1083/2006 polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE) e ao do Fondo de Cohesión; Regulamento (CE) núm. 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo al Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; o Regulamento (CE) núm. 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo al Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), e o resto de normativa que resulte de aplicación.

Supletoriamente, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file