Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Luns, 10 de marzo de 2014 Páx. 10215

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 26 de febreiro de 2014 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 4.2, en termos análogos a como o fai o artigo 9.2 da Constitución española, a obriga dos poderes públicos de Galicia de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impiden ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, dispón no seu artigo 33, número 1.j), que corresponden á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a dirección e xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, de xestión dos órganos colexiados e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

A Consellería de Traballo e Benestar considera de máximo interese, por tanto, colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado; actuacións que necesariamente deberán influír no desenvolvemento comunitario.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais de Galicia.

Finalmente, nesta orde inclúense medidas tendentes a garantir o cumprimento das disposicións previstas nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no relativo á publicación das axudas concedidas.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, a Lei 2/2007, do 28 de marzo e a Lei 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2014, e proceder á súa convocatoria para o ano 2014. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarias/os na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro das áreas a que se refire o parágrafo 3 deste artigo.

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

3. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria se desenvolva por mozos/as de idades comprendidas entre os 18 e 30, ou de 16 a 18 anos con autorización do pai/nai ou titor/a legal e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente nalgunha das seguintes áreas:

– Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

– Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

– Actividades con colectivos en situación de risco.

– Actividades xuvenís.

– Actividades ambientais.

– Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

4. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo e, se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6.

5. Os proxectos de acción voluntaria deberán contar cunha descrición exhaustiva conforme o anexo I, así como do número de persoas voluntarias con que se conta para a súa realización e a participación destas no desenvolvemento dos proxectos.

6. Non se subvencionarán máis de 8 persoas voluntarias por proxecto, que deberán manter a súa acción voluntaria durante toda a duración deste. Ao finalizaren os proxectos, as persoas voluntarias que participasen neles obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado de educación non formal acreditativo da acción voluntaria desenvolvida.

7. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar). Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 16 persoas voluntarias.

8. No caso de que a solicitude sexa presentada por varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

9. Se, por causas xustificadas expresamente ou precedendo comunicación, algunha das persoas voluntarias tiver que abandonar o proxecto subvencionable antes de este ter finalizado, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero cada unha delas terá dereito ao aboamento dos gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable de acordo co número 4 do artigo 5.

Artigo 2. Beneficiarias/os

As/os beneficiarias/os das axudas serán as entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2014, e que se desenvolvan dentro das áreas de actuación do Plan galego de acción voluntaria 2011-2014.

Artigo 3. Requisitos das/os beneficiarias/os

1. Para poder ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:

– Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

– Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias.

– Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

2. As entidades locais con personalidade xurídica propia ás que se refire o título IV da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local precisan de inscrición como tales no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. En caso de agrupacións de municipios, todos e cada un deles deberán estar inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para poderen concorrer a esta convocatoria de subvencións.

3. Polo contrario, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

5. As persoas voluntarias que colaboren nos proxectos subvencionables non poden ser as mesmas que xa concorresen á mesma convocatoria de subvencións en anos anteriores.

Artigo 4. Crédito total

1. As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.06.312F.460.0, por un importe de cento setenta mil cincocentos euros (170.500 €), para entidades locais, e con cargo á aplicación orzamentaria 11.06.312F.481.0, por un importe de douscentos setenta mil (270.000 €), para entidades de acción voluntaria, segundo o establecido na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

2. Da contía prevista para entidades locais resérvase un 15 % para as solicitudes presentadas conxuntamente.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

1. Serán conceptos subvencionables os custos orixinados pola participación dos mozos e mozas voluntarias nos proxectos de acción voluntaria de acordo co artigo 7.h) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria (manutención e transporte).

2. Tamén serán conceptos subvencionables os gastos correntes que deriven das actividades de voluntariado realizadas e recollidas no proxecto presentado e que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2014, entre os que se inclúen a contratación laboral de persoal técnico, os gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento do proxecto, a contratación de persoal experto, a adquisición de material funxible pero non inventariable, os servizos de comunicación (telefónicos, postais, e telegráficos) e os seguros das persoas voluntarias que leven a cabo o proxecto durante o tempo de execución deste.

3. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimentos, os xuros debedores das contas bancarias, as recargas e as sancións administrativas nin os gastos de procedementos xudiciais.

4. A cantidade subvencionable a cada entidade calcularase a razón de 10 euros por voluntaria/o e día, dos cales 6 euros diarios serán entregados pola entidade ás persoas voluntarias para cubrir os custos de desprazamento e manutención, mentres que os 4 euros restantes empregaraos a entidade para cubrir os gastos dos seguros de accidentes e de responsabilidade civil das persoas voluntarias, así como os gastos correntes referidos no número 2 deste artigo. Para xerar dereito ás ditas cantidades, as persoas voluntarias deberán acreditar mediante o correspondente acordo a súa colaboración voluntaria durante xornadas de 6 horas diarias, como mínimo. Se a xornada diaria é inferior a 6 horas, sumaranse as horas diarias ata completar unha xornada de 6 horas. Non se computarán os decimais nin os minutos.

Artigo 6. Solicitudes, prazo de presentación e documentación

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Cando as persoas interesadas teñan a consideración de entidades locais, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Para todas as demais persoas interesadas, as solicitudes poderán realizarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na cabeceira da primeira folla do documento que se quere enviar para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes.

2. Se é o caso, nas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local deben indicar expresamente cal destas entidades debe considerarse como representante ou a cal deben dirixirse as actuacións administrativas. En ausencia de designación expresa, considerarase como tal a entidade local que figure en primeiro lugar.

3. Non serán admitidas ou serán excluídas todas aquelas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local nas cales non se acredite suficientemente a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actuacións independentes de cada entidade local. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada e independente.

4. As solicitudes cubertas segundo o modelo do anexo I presentaranse xunto coa seguinte documentación:

a) Copia do DNI do representante legal da entidade, no caso de que este non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade.

b) Copia do NIF da entidade.

c) Proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o seu número de beneficiarios. Este irá acompañado dun calendario, sinalando tamén o seu inicio e remate, dun horario de execución, dun orzamento desagregado dos custos das actividades e dunha relación nominal de todas as persoas voluntarias con que se pretende executalo, así como dos correspondentes compromisos de colaboración das persoas voluntarias coas entidades.

d) No caso de concellos e mancomunidades de municipios, certificación do secretario sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado para facer fronte ao financiamento que debe asumir este, se é o caso, así como certificación do secretario de ter remitido ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio da entidade local.

e) A presentación da solicitude de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela deberá achegar coa solicitude a declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. No caso de que algún dos documentos relacionados na alínea a) e b) xa fose presentado na administración, cando non transcorreran máis de 5 anos desde a finalización do procedemento a que corresponda, quedará este exento de presentación, sempre que así se faga constar xunto co expediente para que foi presentado.

6. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou os demais previstos na lexislación aplicable, o interesado será requirido para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

Artigo 7. Instrución

1. A Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración que estará composta polos seguintes membros:

– Presidente: a/o xefa/o de Servizo de Voluntariado.

– Secretario: unha/un funcionaria/o da Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación, que participará con voz pero sen voto.

– Vogais: dous técnicos da Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación.

3. A dita comisión poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.

4. Unha vez avaliadas as solicitudes segundo os criterios de valoración do artigo 8, a comisión de valoración emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada para cada entidade. Do dito informe darase traslado ao órgano instrutor para que proceda a propor a denegación ou concesión das axudas, así como, neste último caso, a contía da axuda correspondente a cada entidade.

5. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que avaliar as solicitudes, algún dos compoñentes non puider asistir, será substituído pola persoa que para o efecto nomee o director xeral de Xuventude e Voluntariado.

6. Para ter acceso á axuda é preciso obter un mínimo de 50 puntos na avaliación técnica dos proxectos. A concesión da axuda farase en réxime de concorrencia competitiva seguindo a orde de prelación pola puntuación obtida, ata esgotar o crédito dispoñible en cada caso. Unha vez distribuído e esgotado o crédito, aquelas solicitudes que non obtivesen axuda, aínda que teñan cincuenta ou máis puntos, entrarán nunha lista de reserva, por se algunha das concedidas renuncia.

7. En ningún caso a contía da axuda poderá superar os 4.800 €, que correspondería a un proxecto de 8 voluntarios/as colaborando un mínimo de 6 horas ao día por un total de 60 días; ou a cantidade de 9.600 €, que correspondería a un proxecto de 16 voluntarios colaborando un mínimo de 6 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poida solicitar ata un máximo de 16 voluntarios/as.

Artigo 8. Criterios de valoración

A valoración e selección das solicitudes serán realizadas pola comisión de valoración do artigo 7. No devandito procedemento teranse en conta os seguintes criterios:

1. En caso de solicitudes presentadas por máis dunha entidade local (agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar):

A) Agrupación de municipios:

a.1) Presentación de solicitude conxunta de agrupación de concellos baixo calquera fórmula (10 puntos).

a.2) Número de concellos asociados, número de servizos que se van prestar de forma compartida, repercusión do proxecto medida a través da cifra de poboación total dos concellos participantes no proxecto e repercusión do proxecto na poboación destinataria (ata 10 puntos).

a.3) Presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual (ata 10 puntos).

B) Fusións municipais. Presentación de solicitude por parte da entidade resultante da fusión de municipios (30 puntos).

C) Criterios comúns a todas as solicitudes conxuntas:

c.1) Coherencia xeral do proxecto (ata 25 puntos).

– Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de beneficiarias/os e voluntarias/os que van participar no proxecto.

– Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade.

– Secuencia lóxica da intervención: situación de que se parte e a onde se quere chegar detalladamente, información precisa dos recursos existentes e os necesarios, recursos con que se conta e os que se terán que incrementar.

– Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade.

c.2) Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega prevendo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da/o responsable de voluntariado (ata 15 puntos).

c.3) Capacidade económica da entidade (ata 10 puntos):

– Se a entidade xestionou con anterioridade algún proxecto de igual ou superior contía ao que presenta.

– Achega financeira da entidade ao proxecto.

– Concorrencia doutras fontes de financiamento do programa de carácter privado.

c.4) Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 10 puntos).

c.5) Garantir o uso do galego na presentación do proxecto a esta Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación. Así mesmo, facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións, información, internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativas á actividade subvencionada (ata 10 puntos).

2. Solicitudes presentadas individualmente por concellos e entidades de acción voluntaria.

a) Coherencia xeral do proxecto (ata 35 puntos).

– Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de beneficiarias/os e voluntarias/os que van participar no proxecto.

– Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade.

– Secuencia lóxica da intervención: situación de que se parte e a onde se quere chegar detalladamente, información precisa dos recursos existentes e os necesarios, recursos con que se conta e os que se terán que incrementar.

– Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade.

b) Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega prevendo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da/o responsable de voluntariado (ata 20 puntos).

c) Capacidade económica da entidade (ata 15 puntos):

– Se a entidade xestionou con anterioridade algún proxecto de igual ou superior contía ao que presenta.

– Achega financeira da entidade ao proxecto.

– Concorrencia doutras fontes de financiamento do programa de carácter privado.

d) Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 15 puntos).

e) Garantir o uso do galego na presentación do proxecto a esta Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación. Así mesmo, facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións, información, internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativas á actividade subvencionada (ata 15 puntos).

3. A diferente puntuación dos criterios avaliables varía segundo se trate de proxectos presentados por entidades locais agrupadas baixo calquera fórmula, ou unha entidade local resultado dunha fusión; ou ben que os proxectos sexan presentados individualmente por unha entidade local ou entidade de acción voluntaria pola necesidade de primar os dous primeiros.

Artigo 9. Resolución

1. No prazo máximo de quince días desde que o órgano instrutor formule a proposta de resolución, o director xeral de Xuventude e Voluntariado ditará a correspondente resolución motivada, que lles será comunicada aos interesados.

2. O director xeral de Xuventude e Voluntariado resolverá a concesión ou denegación das solicitudes presentadas por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, que se considerarán ditadas polo órgano delegante.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder cinco meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Se a resolución non for notificada aos interesados no prazo o que se refire o número anterior, poderá entenderse desestimada a solicitude de concesión da subvención por silencio administrativo.

5. Notificada a resolución polo órgano concedente, a/o beneficiaria/o disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen se producir manifestación expresa, entederase tacitamente aceptada tal como dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de notificación da resolución, se esta é expresa, ou no de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se non o é.

Artigo 11. Xustificación da axuda concedida

1. Unha vez notificada a resolución de concesión da axuda os beneficiarios procederán, ata o 20 de outubro de 2014, á xustificación da totalidade do proxecto avaliado pola comisión. Para isto, o beneficiario deberá presentar na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, a seguinte documentación:

1.1. No caso de entidades de acción voluntaria:

a) Memoria das actividades realizadas no proxecto de voluntariado.

b) Memoria económica en que se reflicta a vinculación de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique mediante factura ou documento equivalente é totalmente necesario para a realización do proxecto, e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro del.

c) Anexo II.

d) Anexo IV acompañado da seguinte documentación:

– Facturas orixinais dos gastos realizados. Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario, polo que todas as facturas deberán presentarse xunto co correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá xuntarse, ademais, acreditación da súa titularidade. A dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade.

– Respecto dos gastos de manutención e desprazamento que fosen satisfeitos directamente ás persoas voluntarias, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias compulsadas dos recibos bancarios xustificativos do pagamento onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu DNI e o concepto polo cal se retribúe.

– Respecto dos seguros, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias compulsadas dos xustificantes bancarios de pagamento das pólizas de seguros de accidentes e responsabilidade civil das persoas voluntarias participantes no proxecto de voluntariado.

– Respecto á xustificación dos gastos correspondentes ao persoal, as entidades de acción voluntaria achegarán necesariamente as copias compulsadas das nóminas xunto cos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social e o modelo 111. Canto ás partidas que se refiran a colaboracións de carácter temporal, figurarán os recibos bancarios onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu DNI, o concepto polo cal se retribúe e a retención correspondente ao IRPF.

– Cando se trate de persoas que colaboren en programas a cambio dunha gratificación, deberán presentarse as copias compulsadas dos recibos bancarios xustificativos do gasto, nas cales constará o nome do programa ou actividade, así como os datos persoais que identifiquen a persoa colaboradora.

– Canto aos fondos propios, de os haber, a entidade deberá acreditar na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos á actividade subvencionada.

– Declaración responsable do representante legal de que a entidade está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

1.2. No caso das entidades locais beneficiarias, estarán obrigadas a xustificar ante o órgano concedente:

– Memoria das actividades realizadas no proxecto de voluntariado.

– Anexo II.

– Anexo III.

– Custo real do proxecto realizado, mediante a presentación dunha conta xustificativa que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Esta conta xustificativa conterá a seguinte documentación:

– Unha certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á:

a) Aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada o seguinte:

b) O cumprimento da finalidade da subvención.

c) O informe da intervención da entidade local dos gastos realizados e que figuran na conta xustificativa da subvención, polos distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación:

– Identificación do/a acredor/a.

– Número de factura ou documento equivalente.

– Importe, data de emisión.

– Data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.2.1. Para os efectos, e de acordo co artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, considerarase gasto realizado cando teña contabilizado o recoñecemento da obriga o órgano competente da entidade local. As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas. Non obstante, no caso de realizarse pagamentos anticipados como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas, considerase gasto realizado o que foi efectivamente pagado pola entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención.

2. Os órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que consideren oportunos. No caso de que a/o beneficiaria/o non os remita dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 12. Concorrencia de subvencións públicas e modificación da resolución

1. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste artigo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 13. Pagamento da axuda

O pagamento da subvención realizarase unha vez comprobada polo órgano concedente a xustificación presentada polo beneficiario da realización da actividade, proxecto, obxectivo ou adopción do comportamento para o cal se concedeu, e o cumprimento dos demais requisitos fixados na normativa reguladora da subvención. No caso de que o gasto xustificado sexa inferior ao orzamento total do proxecto presentado coa solicitude, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe, de acordo co artigo 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Non obstante, poderán realizarse pagamentos á conta que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e que se aboarán por contía equivalente á xustificación presentada e ata o máximo do 50 % da subvención concedida. O pagamento restante terá lugar no momento da completa xustificación por parte do beneficiario da finalidade e demais condicións para as cales se lle outorgou a subvención. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria e os concellos e mancomunidades de municipios quedan exonerados da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.

Artigo 14. Pagamentos anticipados

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 80 % da subvención concedida. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria e os concellos e mancomunidades de municipios quedan exonerados da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.

2. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se for o caso, se concedan, non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades de acción voluntaria e as entidades locais que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. En particular, son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Cumprir a totalidade do proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinaron a concesión da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión da subvención.

c) Estar sometidos ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios.

d) Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Sen prexuízo do disposto no número anterior, as entidades deberán comunicar por escrito certificado, no prazo de 20 días antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita, á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Artigo 16. Fiscalización e control

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 17. Reintegro das axudas ou subvencións

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

– Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

– Incumprimento total ou parcial do proxecto obxecto de subvención.

– Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na presente orde.

– Incumprimento da obriga de adoptar medidas de difusión.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas na normativa vixente, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, ao cumprimento do obxectivo, á regularidade das actividades e á concorrencia doutras axudas.

– Incumprimento das obrigas impostas pola Administración aos beneficiarios cando se derive a imposibilidade de alcanzar o obxecto, sempre que afecten o modo en que se conseguen os obxectivos, ou cando do incumprimento derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos ou ao cumprimento do obxecto.

De acordo co disposto no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación levará unida a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 18. Publicidade

1. Unha vez ultimada a concesión das axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, a entidade beneficiaria, a contía e a finalidade da subvención, de conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, publicarase na páxina web da Xunta de Galicia e no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios da Xunta de Galicia a dita concesión indicando a relación de beneficiarios e o importe das axudas, ao abeiro do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Xuventude e Voluntariado para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer o gasto, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda

Poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria, tramitando o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de conformidade cos artigos 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2014.

Disposición adicional terceira

Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normas de aplicación.

Disposición adicional cuarta

Coa presentación da solicitude (anexo I) a/o beneficiaria/o dá a súa conformidade para que os datos facilitados para concesión da subvención figuren no Rexistro Público de Subvencións, coas excepcións do artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A relación de beneficiarios será publicada no Diario Oficial de Galicia, na páxina web e no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios da Xunta de Galicia, en cumprimento do disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file