Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Venres, 7 de marzo de 2014 Páx. 9801

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 21 de febreiro de 2014 pola se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas a estudantes universitarios para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2014, co obxecto de coñecer a lingua dese país.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo europeo de educación superior.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve unha política de apoio económico ao alumnado de ensino universitario encamiñada a favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. Nesta liña, con esta orde preténdese continuar coa política de bolsas e axudas para a realización de cursos de idiomas no estranxeiro destinadas a estudantes universitarios.

Así mesmo, cabe sinalar que a adaptación do alumnado ao Espazo europeo de educación superior exixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a competencia e a capacidade de estudo e traballo no contexto internacional, razón pola que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria debe apoiar as iniciativas dos estudantes que poidan contribuír a enriquecer a súa formación académica e científica.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, 113 axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2014, co obxecto de coñecer a lingua dese país, dirixidas ao alumnado universitario matriculado nalgunha das tres universidades do Sistema universitario de Galicia ou nos centros asociados da UNED en Galicia, para o curso 2013/14.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas bolsas con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, cunha contía global de 124.300 euros, sen prexuízo de poder ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Período e dotación da axuda

1. As actividades para as que se solicita a axuda terán que ser realizadas no período comprendido, exclusivamente, entre o 15 de xuño e o 30 de agosto de 2014, ambos inclusive.

2. A dotación económica asignada a cada beneficiario/a será dun máximo de 1.100 euros.

Artigo 4. Requisitos dos/das solicitantes

1. Poderán solicitar estas axudas os/as alumnos/as universitarios/as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado/a no curso 2013/14, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia en estudos conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, e ter superado no momento da presentación da solicitude 60 créditos na titulación que está a realizar.

b) Ter unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 7,00 puntos, para alumnos/as das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 6,00 puntos, para alumnos/as da rama de Enxeñaría e Arquitectura. A nota media será calculada de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011 entre esta consellería e as universidades galegas.

c) O curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, cun mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.

2. Quedan excluídos/as desta convocatoria:

a) Os/as alumnos/as que xa resultasen beneficiarios/as desta axuda en anteriores convocatorias.

b) Os/as alumnos/as que durante o curso 2013/14 sexan adxudicatarios/as dunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus, sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país en que se está a desenvolver o devandito programa.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes e documentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED416A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse ao Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es.
Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. Xunto coa solicitude (anexo I, modelo normalizado ED416A) deberá achegar:

a) Copia do DNI cando o/a solicitante non autorice a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria á consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Copia dixitalizada da certificación académica completa emitida pola universidade correspondente, na cal se farán constar as materias ou créditos en que está matriculado no curso académico 2013/14, así como a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, para a valoración dos expedientes académicos, publicado no DOG o día 30 de setembro de 2011 por Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011.

Os alumnos que estean cursando estudos de 2º ciclo de ensinanzas LRU, por accederen desde unha titulación de 1º ciclo, deberán enviar ademais unha copia dixitalizada da certificación académica relativa ao primeiro ciclo realizado. Igualmente, os alumnos que estean cursando estudos oficiais de grao por accederen desde unha titulación de primeiro ou primeiro e segundo ciclo, deberán presentar unha copia dixitalizada da certificación académica completa na cal se inclúa o recoñecemento das materias cursadas nestes.

c) Programa do curso de idiomas para o que se solicita a axuda, no cal deberán figurar o centro e lugar de destino, o período de duración, as datas de realización do curso e o número de horas lectivas semanais.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica para a presentación dixitalizada da certificación académica e do programa do curso de idiomas, admitirase igualmente a presentación da certificación académica orixinal ou copia compulsada desta e o programa do curso, en formato papel, que se presentarán nos mesmos termos establecidos no número 1 deste artigo.

Artigo 6. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e unha vez examinadas estas e a documentación presentada polos solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión, que se publicarán na primeira quincena do mes de maio nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas. Así mesmo, poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/

2. Os/as interesados/as disporán dun prazo de reclamación de dez días e poderán, durante ese prazo formular reclamacións ou emendar erros e falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o/a interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous representantes da Secretaría Xeral de Universidades.

Secretaria: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos estudantes universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de representantes das universidades galegas en calidade de expertos na materia obxecto da convocatoria.

3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non pode asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 8. Criterios de avaliación

1. A comisión avaliadora levará a cabo a selección atendendo á cualificación obtida polo/a alumno/a en orde directamente proporcional á nota media do expediente académico obtida, de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, o 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, para a valoración dos expedientes académicos, publicado no DOG o día 30 de setembro de 2011 por Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011.

No caso de empate na nota media do expediente académico, terán preferencia para a concesión da axuda aqueles/as alumnos/as que teñan superado un maior número de créditos.

2. Así mesmo, a comisión elaborará unha listaxe de suplentes, por orde de puntuación do seu expediente académico, na cal figurarán os/as solicitantes que, cumprindo os requisitos exixidos na convocatoria, non acadaron un número de orde que lles permita ser adxudicatarios/as da axuda.

3. No suposto de producirse algunha renuncia ou baixa, e tendo en conta o remanente de crédito, procederase a adxudicarlle a axuda a aqueles/as solicitantes que figuren na listaxe de candidatos/as suplentes elaborada pola comisión e pola orde que nela aparecen, sempre que presenten a documentación xustificativa de ter realizado o curso, sinalada no artigo 11 desta orde.

Artigo 9. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución.

Artigo 10. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Beneficiarios/as das axudas.

b) Os/as alumnos/as aos/ás cales lles sexa denegada a axuda por non reuniren algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

c) Os/as alumnos/as que, reunindo os requisitos exixidos, non acadaron un número de orde que lles permita obter a axuda incluídos/as. Nesta última relación quedarán ordenados/as de acordo coas súas puntuacións e constituirán a lista de suplentes coa que se irán substituíndo, por rigorosa orde, os/as alumnos/as adxudicatarios/as que por calquera causa non participen no programa.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de catro meses, e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Os/as solicitantes aos/ás cales lles sexa denegada a axuda poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Xustificación, prazo de xustificación e pagamento

1. Os/as adxudicatarios/as que figuran na listaxe de concedidos así como os da listaxe de suplentes, se os houber, presentarán na Secretaría Xeral de Universidades os documentos xustificativos seguintes:

Orixinal ou copia compulsada do certificado de asistencia ao curso para o que lle foi concedida a axuda traducido, no caso de estar en lingua estranxeira, para algunha das linguas oficiais desta comunidade autónoma e no que se especifique lugar, datas de realización, duración do curso (mínimo tres semanas) e o número de horas lectivas semanais (mínimo 15 horas semanais). Así mesmo, deberán conservar os xustificantes referidos aos gastos de viaxe e custo do curso xa que poderán ser requiridos pola Secretaría Xeral de Universidades, para a verificación das datas, horas lectivas, estadías, etc.

2. O prazo de xustificación remata o día 10 de setembro de 2014.

3. As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 12. Obrigas dos/as beneficiarios/as

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Remitir á Secretaría Xeral de Universidades, unha vez finalizada a actividade, a documentación que se solicita no antedito artigo 11.

b) Comunicar por escrito a renuncia á bolsa no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

c) Informar o órgano que concede da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1º.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 13. Incompatibilidade, alteración, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, polo/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Disposición adicional primeira

Os/as beneficiarios/as destas axudas quedan suxeitos/as ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará a autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas cando proceda.

A reserva que o/a peticionario/a poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a súa publicidade nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2º.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos/as beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Disposición adicional terceira

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou directamente mediante un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file