Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 28 de febreiro de 2014 Páx. 8826

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Narón

ANUNCIO da convocatoria de concesión de subvencións municipais 2014.

A Xunta de Goberno Local aprobou, na sesión do 19 de decembro de 2013, a convocatoria de subvencións municipais a asociacións e a outras entidades de ámbito municipal, de acordo coas bases aprobadas pola Xunta de Goberno Local na sesión do 26 de marzo de 2009 que, aprobadas definitivamente, foron publicadas integramente no DOG nº 121, do 23 de xuño de 2009, nas seguintes áreas: socioeducativa, sociocultural, igualdade, discapacidade, drogodependencia, infancia, inmigración e minorías étnicas, maiores, de prestacións de servizos locais básicos, participación cidadá, mocidade, ambiental e saúde.

• Requisitos para a presentación de solicitudes:

As solicitudes deberán entregarse en modelo oficial, asinado polo/a presidente/a da entidade, xunto coa documentación exixida especificamente na convocatoria.

• Lugar e prazo de presentación de solicitudes:

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do concello, ou mediante calquera outro dos medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo para a entrega de solicitudes será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no DOG.

O modelo de solicitude e calquera información sobre a documentación que se debe presentar, bases que rexen a convocatoria e normativa de aplicación poderán obterse no Servizo Sociocomunitario do Concello de Narón, das 9.00 ás 13.30 horas. Contacto: 981 33 77 00, extensión 1110.

• Criterios de adxudicación e prazo e forma de xustificación:

Os criterios de adxudicación serán os establecidos na base sétima das bases que rexen a concesión de subvencións a entidades e asociacións de ámbito municipal, aprobadas pola Xunta de Goberno Local o 26 de marzo de 2009 (DOG do 23 de xuño).

O prazo máximo para resolver as solicitudes de subvención será de tres meses contados a partir do día da finalización do prazo establecido nesta convocatoria para presentalas, e o silencio da Administración terá carácter desestimatorio.

A xustificación deberá efectuarse durante o primeiro trimestre do ano natural seguinte ao da concesión da subvención e deberá axustarse ao establecido na base novena das bases que rexen a concesión de subvencións aprobadas pola Xunta de Goberno Local o 26 de marzo de 2009 (DOG do 23 de xuño).

• Aplicación orzamentaria e a súa contía total:

As subvencións que se concederán na presente convocatoria efectuaranse con cargo ao orzamento do Concello de Narón para o exercicio 2014, aplicación orzamentaria 92400.480.00, polo importe total de 30.000,00 euros.

Narón, 27 de xaneiro de 2014

José Manuel Blanco Suárez
Alcalde