Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Mércores, 26 de febreiro de 2014 Páx. 8367

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Pedro Barrié de la Maza Conde de Fenosa

ANUNCIO do 10 de xaneiro de 2014 polo que se convocan 42 bolsas no estranxeiro para o 2014.

Bolsas de posgrao no estranxeiro 2014.

A Fundación Barrié é unha entidade sen ánimo de lucro, de carácter privado, dedicada a promover o desenvolvemento de Galicia desde unha perspectiva global. Creada en 1966 dedicou a súa atención prioritaria á educación.

Neste marco a Fundación convoca a vixésimo quinta edición do programa de bolsas de posgrao no estranxeiro co obxectivo de apoiar a titulados universitarios vinculados a Galicia que teñan un proxecto académico, investigador ou profesional claro e de interese para a comunidade, para facelo realidade a través de programas de formación de posgrao ou estancias de investigación nos mellores centros educativos e investigadores do mundo.

Búscanse licenciados/graduados/enxeñeiros con excelente traxectoria académica, investigadora e/ou profesional, dominio da lingua de traballo no centro de destino, vinculación con Galicia e un proxecto claro e con potencial de retorno. A convocatoria dará prioridade aos proxectos vinculados aos obxectivos das bolsas e que se consideren de maior impacto potencial para Galicia.

A Fundación Barrié convoca 42 bolsas coas seguintes características:

– 30 bolsas predoutorais para a mobilidade internacional, con dúas modalidades:

– Modalidade A: ata 25 bolsas para facilitar a mobilidade internacional de doutorandos con vinculación contractual ou bolsa, destinadas a realizar estancias de investigación en centros de excelencia internacionais por un período mínimo de 3 meses e máximo de 6 meses.

– Modalidade B: ata 5 bolsas para facilitar a mobilidade internacional de doutorandos sen vinculación contractual ou bolsa, destinadas a realizar estancias de investigación en centros de excelencia internacionais por un período mínimo de 3 meses e máximo de 6 meses.

– 10 bolsas para a realización de estudos de máster no estranxeiro nos mellores centros académicos e investigadores do mundo por un período máximo de 24 meses.

– 2 bolsas para apoiar a innovación no sector da automoción en colaboración co CEAGA (Clúster de Empresas da Automoción de Galicia), con dúas modalidades:

– Modalidade máster automoción: 1 bolsa para a realización de estudos de máster relacionados coa automoción, nos mellores centros académicos e investigadores do mundo e por un período máximo de 24 meses.

– Modalidade investigación automoción: 1 bolsa para facilitar a mobilidade internacional de doutorandos destinada a realizar unha estancia de investigación relevante para o sector da automoción en Galicia. O período mínimo será de 3 meses e o máximo de 6 meses.

A dotación da bolsa inclúe:

– Asignación mensual, dotación única inicial para gastos de instalación, dotación única inicial para gastos de transporte, gastos de matrícula coas condicións establecidas nas bases, e seguro.

– A rede de coñecemento e apoio da súa Asociación de Bolseiros, con máis de 800 asociados [www.becariosbarrie.org], [www.bolseirosbarrie.org].

Requisitos dos candidatos:

• Nacionalidade española.

• Vinculación con Galicia.

• Bo expediente académico.

• Alta motivación para completar un proxecto claro e de impacto social.

• Dominio da lingua de traballo do país de destino.

• Ter unha titulación universitaria.

Comezo e duración da bolsa:

Os candidatos que obteñan unha bolsa deben comezar o programa de estudos antes do 31 de decembro de 2015. O bolseiro empezará a recibir a asignación mensual cando inicie o programa de estudos para o que se concedese a bolsa.

O período total de desfrute da bolsa non será inferior a 3 meses nin superior a 24 para todos os supostos, agás para as estancias predoutorais (modalidade A e B), para as que o período máximo será de 6 meses.

Documentación:

1. Formulario de solicitude.

A solicitude deberá encherse directamente a través da páxina web da Fundación Barrié [www.fundacionbarrie.org]

A plataforma online para a tramitación de solicitudes pecharase o 31 marzo de 2014 ás 23.00 horas.

Proceso de selección:

1. Probas de selección.

Examinadas todas as solicitudes presentadas, convocarase aos preseleccionados a unha entrevista persoal co Comité de Selección na que, ademais de analizar a súa traxectoria académica, profesional ou investigadora, se valorarán o alcance e coherencia do proxecto formulado. A entrevista, de carácter presencial, será imprescindible para optar á bolsa e non poderá ser substituída por ningunha outra proba.

Os candidatos preseleccionados para entrevistas serán informados a través de correo electrónico o día 16 de maio de 2014 a partir das 14.00 horas.

As entrevistas realizaranse na sede da Coruña da Fundación Barrié nas datas seguintes:

– Candidatos para estancias predoutorais (modalidade A e B) o día 30 de maio de 2014.

– Candidatos para estudos de máster e candidatos ás bolsas de automoción en colaboración co CEAGA, o día 6 de xuño de 2014.

2. Nomeamento de candidatos:

A Fundación dará a coñecer a partir das 14.00 h do venres 13 de xuño de 2014, a través da súa páxina web [www.fundacionbarrie.org], a relación de candidatos seleccionados para bolsa.

Máis información:

becas@fbarrie.org

Bases completas e formularios de solicitude en:

http://becasposgrado.fbarrie.org/

A Coruña, 10 de xaneiro de 2014

Javier López Martínez
Director xeral da Fundación Barrié