Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 24 de febreiro de 2014 Páx. 7936

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente a planta de coxeración asociada á planta de xestión ambiental forestal que Enerxía dos Castros, S.L. promove en Loiro, concello de Barbadás.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 1 de febreiro de 2012 Enerxía dos Castros, S.L. presentou solicitude para a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución dunha planta de coxeración asociada á planta de xestión ambiental forestal promovida en Loiro, concello de Barbadás (Ourense).

Segundo. Con data do 28 de agosto de 2013 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 163, e con data do 17 de xullo de 2013 no Boletín Oficial da provincia de Ourense número 163, a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución indicada no antecedente de feito primeiro sen que conste que se presentase ningunha alegación.

Terceiro. Con data do 18 de outubro de 2013, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense emitiu informe favorable á solicitude de autorización administrativa presentada para planta de coxeración.

Cuarto. Co fin de tramitar a solicitude de aprobación do proxecto de execución da planta de coxeración, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense expresou na súa proposta de autorización administrativa do 18 de outubro de 2013 a necesidade de que a empresa promotora da instalación «realice e presente a trámite proxecto específico para esta planta de coxeración no cal se desenvolverían, por unidades de obra, as partidas alzadas coñecidas ata este momento, recollendo tamén de xeito ordenado e claro todo o proceso, o equipamento e os cálculos exixidos regulamentariamente».

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no artigo 19 do Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Segundo. O artigo 28 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estará sometida ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, correspondéndolle o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar administrativamente a Enerxía dos Castros, S.L. unha planta de coxeración asociada á planta de xestión ambiental forestal promovida en Loiro, concello de Barbadás (Ourense) segundo o proxecto denominado Planta de xestión ambiental forestal para os concellos de Barbadás, Toén, San Cibrao das Viñas e A Merca, asinado polo enxeñeiro industrial Fernando Cano Viñas, colexiado nº 1126 do I.C.O.I.I.G. o 30 de xaneiro de 2012. As principais características da planta de coxeración definidas no proxecto son as seguintes:

Peticionario: Enerxía dos Castros, S.L.

Localización: Loiro, concello de Barbadás (Ourense).

Descricións técnicas:

– Planta de coxeración de 2,4 MW de potencia nominal, con módulos formados por 3 motores de combustión interna de 1.000 kW/ud. con alimentación dual (gas de síntese-gasóleo 90/10), e 3 grupos xeradores de 800 kW/ud. con cos φ=0,8, cos equipos de regulación e control e equipamento auxiliar necesario.

– Centro de transformación de 2.500 kVA con R/T 600/20.000 V en local interior, con celas de entrada e saída, remonte, protección e medida; trafo de S.S.A.A. de 630 kVA R/T 20.000/400-230 V, de conexión coa liña de evacuación da planta, e outra de interconexión entre os citados centros de transformación, cun total de 32 m de lonxitude, en condutor RHZI 12/20 kV 3 (1×95) mm2 Al.

– 3 reactores para a gasificación da biomasa que entra na planta, que se montarán en obra, coa súa transformación a gas pobre «syngas», cun P.C.I. que estará entre as 3.300 e as 3.600 kcal/kg, así como os sistemas de control, regulación e autómatas daqueles.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Enerxía dos Castros, S.L. contará cun prazo de doce meses para a presentación ante o Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense do preceptivo proxecto de execución das instalacións autorizadas.

Segunda. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Terceira. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización como consecuencia do incumprimento das condicións impostas nesta, así como en calquera outra lexislación vixente que sexa de aplicación.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas