Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 2014 Páx. 7175

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral do Mar, pola que se amplía de oficio o prazo de presentación de solicitudes para as axudas convocadas pola Orde do 30 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2014, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración, financiados nun 75 % polo Fondo Europeo de Pesca (FEP), que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.

O 23 de xaneiro de 2014 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde de bases reguladoras xerais e de convocatoria de axudas antes mencionada.

No artigo 11 desa orde establécese que para a anualidade 2014 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

A consecuencia dos danos causados nos bancos marisqueiros pola serie de temporais rexistrados neste inverno na costa galega, e que aínda seguen achegándose, vista a proposta da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, co obxecto de facilitarlles ás posibles entidades solicitantes a avaliación da situación actual e a preparación dos proxectos que permitan restaurar os bancos marisqueiros e as poboacións de bivalvos danadas, e coa intención de acadar a maior concorrencia posible,

Considerando que:

1º. O artigo 49.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, LRXPAC), regula a posibilidade de concesión de oficio dunha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade deles, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiros.

2º. Na data desta resolución non rematou o prazo de presentación de solicitudes.

Consonte o manifestado e de conformidade coa competencia atribuída na disposición derradeira segunda da mencionada orde,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar de oficio, en 15 días, o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria de 2014 das referidas axudas. Polo tanto o último día para a presentación de solicitudes será o día 10 de marzo.

Segundo. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución para coñecemento dos interesados.

De conformidade co disposto no artigo 49.3 da LRXPAC, os acordos sobre ampliación de prazos non serán recorribles.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2014

Juan Carlos Maneiro Cadillo
Secretario xeral do Mar