Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 2014 Páx. 7136

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 12 de febreiro de 2014 pola que se aproba o Plan de inspección sobre centros, servizos, establecementos e prestacións sanitarias para o período 2014-2017.

O Decreto 41/2013, de 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, atribúe, no artigo 4.2.b), á Secretaría Xeral Técnica a función de inspección, a través da Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación, que a exercerá de conformidade co artigo 9 do dito decreto, sobre todos os centros, servizos, establecementos e prestacións sanitarias de titularidade pública ou privada da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 126/1992, do 14 de maio, sobre ordenación das funcións da Inspección de Servizos Sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, establece, no seu artigo 5, que a Consellería de Sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aprobará o plan de inspección sanitaria.

A actividade dos servizos de inspección de servizos sanitarios adquire unha indubidable importancia tanto como garantía dos dereitos dos pacientes e usuarios do sistema sanitario como na loita contra a fraude nas prestacións sanitarias, é dicir, a actuación inspectora enténdese como unha garantía na eficiencia, calidade e seguridade tanto na asistencia sanitaria dispensada aos pacientes como nas prestacións que dela deriven.

Por este motivo, as dúas liñas estratéxicas básicas definidas para o período 2014-2017, con independencia do desenvolvemento do resto de actividades inspectoras que se desenvolverán consonte a normativa específica, son:

a) A loita contra a fraude nas prestacións sanitarias, instrumentando actuacións específicas para a detección de irregularidades no seu uso, así como posibles desviacións ou utilizacións indebidas.

b) A tutela de dereitos dos pacientes e usuarios, a monitorización e garantía de calidade dos servizos sanitarios que reciben tanto nos servizos públicos de saúde como nos centros de carácter privado concertado, incluíndo o acceso equitativo a eles.

Así mesmo, este plan incorpora como innovación unha liña estratéxica de mellora e modernización específica para os servizos de inspección de servizos sanitarios, incorporando e aproveitando os avances das tecnoloxías da información para o mellor desenvolvemento da súas actuacións, co obxecto de acadar unha mellora na eficiencia.

Debido ás circunstancias e ao ritmo de cambios que afronta o sistema sanitario, é preciso preservar certo grao de flexibilidade nun plan a catro anos. Este determina as liñas definidas que comezarán a desenvolverse no ano 2014 e se irán desenvolvendo durante os anos 2015, 2016 e 2017 para acadar a súa total consecución, contando cunha previsión de avaliación e revisión continua anual, para adecuar, se for preciso, as actuacións inspectoras a un escenario cambiante.

Na definición das liñas de actuación tivéronse en conta os seguintes criterios:

a) Viabilidade: actuacións en que se observa unha maior capacidade de contribuír a unha xestión eficiente dos recursos públicos.

b) Impacto: a contribución da actuación inspectora á consecución de resultados relevantes.

c) Actividades de risco: priorización daquelas que maiores riscos supoñen, tanto por incorreren en ineficiencias como por comprometeren a calidade e seguridade na atención.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

dispoño:

Artigo único

Apróbase o Plan de inspección sobre centros, servizos, establecementos e prestacións sanitarias para o período 2014-2017.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2014

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO
Plan de inspección sobre centros, servizos, establecementos e prestacións sanitarias para o período 2014-2017

A) Loita contra a fraude.

I. Programas de fraude de prestacións sanitarias:

a) Programa de inspección na prescrición, dispensa e facturación de medicamentos, produtos sanitarios, material ortoprotésico e terapias respiratorias a domicilio.

i. Obxectivo xeral: detectar e corrixir a posible fraude na prescrición, dispensación e facturación de prestacións sanitarias.

ii. Actuacións específicas:

1) Definir e implantar un subprograma específico para cada grupo de prestacións sanitarias dirixido a detectar as atribucións do uso destas por persoas falecidas.

2) Definir e implantar un subprograma específico de actuación e detección de prestacións sanitarias prescritas, dispensadas e facturadas sobre persoas que non precisaron ou non gozaron da dita prestación.

3) Desenvolver actuacións disciplinarias, sancionadoras ou calquera outra que puider corresponder.

b) Programa de inspección para a detección de adquisicións, prescricións e dispensacións irregulares de medicamentos susceptibles de tráfico ilícito.

i. Obxectivo xeral: verificar o cumprimento da normativa que regula o funcionamento das oficinas de farmacia e almacéns farmacéuticos de distribución na adquisición, custodia e dispensación de medicamentos susceptibles de mercado ilegal.

ii. Actuacións específicas:

1) Implantar procedementos de inspección específicos para os grupo de medicamentos de maior susceptibilidade para o tráfico ilícito.

2) Desenvolver actuacións sancionadoras, ou doutra índole, para os establecementos e profesionais sanitarios responsables da dita actividade ilícita.

II. Programa de detección de terceiros obrigados ao pagamento na asistencia sanitaria dispensada no Servizo Público de Saúde:

i. Obxectivo xeral: verificar a existencia do dereito de acceso ao sistema sanitario público e detectar as responsabilidades de terceiros obrigados ao pagamento, instrumentar as accións oportunas para detectar estas desviacións e facilitar a súa facturación.

ii. Actuacións específicas:

1) Desenvolver un subprograma específico de detección de asistencia sanitaria facturable ás mutuas de accidentes de traballo e enfermidade profesionais (Mateps), así como a outros terceiros obrigados ao pagamento.

2) Desenvolver auditorías nas estruturas organizativas de Xerencia Integrada (EOXI) sobre os procedementos de derivación intercentros en procesos asistenciais en que en orixe se detectase a existencia dun terceiro obrigado ao pagamento. Proposta de implantación de procesos de mellora.

III. Programa de inspección e control da incapacidade temporal:

i. Obxectivo xeral: acadar que a taxa de absentismo por incapacidade temporal (IT) dos colectivos de traballadores suxeitos a este control se adecúe ás necesidades clínicas reais.

ii. Actuacións específicas:

1. Realizar un seguimento específico dos procesos de IT de traballadores dos centros asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde.

2. Colaborar no control dos procesos de IT en empregados públicos da Comunidade Autónoma de Galicia adscritos ao réxime especial de Seguridade Social xestionado por Muface e Muxexu.

3. Realizar un seguimento e control específico dos procesos de IT dos traballadores da Xunta de Galicia.

4. Realizar o seguimento específico e control da IT na poboación xeral.

5. Implantar un procedemento específico de actuación sobre os procesos de curta duración (con duración estándar inferiores a 30 días).

6. Avaliar a motivación das propostas de alta das mutuas e dar resposta no prazo establecido.

7. Desenvolver actividades formativas nas principais novidades normativas no control da incapacidade temporal aos facultativos de atención primaria.

B) Garantía de calidade na actuación sanitaria e tutela de dereitos dos pacientes e usuarios.

I. Programas de garantía de calidade:

a) Programa de auditoría de xestión de centros concertados polo Servizo Galego de Saúde:

i. Obxectivo xeral: establecer a sistemática para controlar tanto a calidade asistencial dispensada aos pacientes derivados aos centros concertados como o manexo por parte dos servizos de admisión dos centros propios das derivacións a estes.

ii. Actuacións específicas: definir e implantar un procedemento común e desenvolver auditorías a todos os centros concertados na Comunidade Autónoma.

b) Programa de auditorías da xestión de listas de espera en centros públicos da rede do Servizo Galego de Saúde e en centros concertados por este.

i. Obxectivo xeral: garantir a equidade no acceso e verificar unha correcta xestión.

ii. Actuacións específicas: definir e implantar un procedemento de auditoría común de listas de espera co fin de detectar puntos de mellora.

c) Programa de inspección e control de hiperprescriptores de prestación farmacéutica:

i. Obxectivo xeral: mellorar a eficiencia da prescrición de medicamentos no Servizo Galego de Saúde.

ii. Actuacións específicas: selección, a través dos perfís de prescrición, de facultativos médicos candidatos a ser entrevistados nos servizos de inspección de servizos sanitarios, levantamento de acta de comparecencia e seguimento da evolución da prescrición individual polo inspector médico nos seguintes seis meses.

d) Programa de inspección de ensaios clínicos con medicamentos de uso humano:

i. Obxectivo xeral: protexer os dereitos e benestar dos suxeitos participantes nos ensaios clínicos en Galicia e garantir a fiabilidade dos resultados obtidos.

ii. Actividades específicas: verificar que as actividades relacionadas dos ensaios clínicos previamente seleccionados para inspección foron realizadas e que os datos foron rexistrados, analizados e comunicados correctamente.

e) Programa de inspección de seguimento de centros, servizos e establecementos sanitarios autorizados:

i. Obxectivo xeral: identificar de forma sistematizada aqueles centros e servizos sanitarios autorizados que, ben por estaren sometidos a medidas cautelares ou sancións ben pola carteira de servizos asistenciais ofertados, poidan considerarse críticos desde o punto de vista da protección da saúde e dos dereitos dos pacientes. Comprobar o mantemento do cumprimento dos requisitos técnico-sanitarios que motivaron a súa autorización.

ii. Actuacións específicas:

1) Definir e implantar un procedemento común de inspección para os centros de cirurxía maior ambulatoria (CMA), medicina estética, clínicas dentais que realicen sedación, centros de diagnóstico, interrupción voluntaria do embarazo e servizos sanitarios das Mateps.

2) Desenvolver as actuacións sancionadoras, ou doutra índole, que puideren corresponder.

3) Inspeccións a oficinas de farmacia con laboratorios de formulación maxistral autorizados para verificar o correcto cumprimento de normas de correcta fabricación e elaboración de fórmulas maxistrais e preparadas en oficinas.

4) Inspección das condicións de preparación y administración de plasma autólogo e os seus derivados en todos aqueles centros sanitarios en que se aplique fóra do ámbito transfusional habitual.

f) Programa de actualización do procedemento de acreditación de centros sanitarios hospitalarios e incorporación de clínicas con cirurxía maior ambulatoria:

i. Obxectivo xeral: definir e desenvolver un novo procedemento de acreditación de centros sanitarios hospitalarios públicos e privados e incorporalo ás clínicas de cirurxía maior ambulatoria.

ii. Actuacións específicas:

1) Actualizar os requisitos técnico-sanitarios para a acreditación de centros sanitarios hospitalarios.

2) Implantar un procedemento de acreditación específico para clínicas de cirurxía maior ambulatoria e definir criterios técnico-sanitarios para a súa autorización e acreditación sanitaria.

g) Programa de auditoría da calidade da actividade asistencial desenvolvida nos centros, servizos e unidades asistenciais:

i. Obxectivo xeral: avaliar a calidade da actividade asistencial dispensada aos pacientes.

ii. Actuacións específicas: definir, implantar e realizar un procedemento específico de auditoría e control en relación á atención sanitaria realizada en centros hospitalarios sociosanitarios, unidades asistenciais de diálise e de atención sanitaria a drogodepedentes.

II. Programas de inspección de tutela de dereitos dos pacientes e usuarios:

a) Auditorías dos servizos de atención ao paciente dos centros asistenciais da rede pública e centros privados concertados.

i. Obxectivo xeral: avaliar a actividade dos servizos de atención ao paciente para comprobar que se garanten os dereitos dos pacientes e se asegura unha atención humana de calidade.

ii. Actuacións específicas: definir, implantar e realizar un procedemento común de auditorías ás unidades de atención ao paciente dos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde e concertados, incluíndo auditoría das reclamacións, así como enquisa de satisfacción de usuarios.

b) Auditorías do acceso e utilización da historia clínica electrónica do paciente (IANUS) e correcto uso do consentimento informado do paciente.

i. Obxectivo xeral: verificar e avaliar o correcto uso da historia clínica electrónica e o consentimento informado do paciente por parte dos profesionais sanitarios.

ii. Actuacións específicas: definir e implantar un procedemento común de auditoría da utilización e accesos á historia clínica electrónica, así como respecto ao correcto uso do consentimento informado.

C) Mellora, modernización e avaliación dos servizos de inspección de servizos sanitarios.

a) Programa de mellora continua nos sistemas de información electrónica:

i. Obxectivo xeral: continuar coa evolución e mellora dos sistemas de información electrónica para a mellora na xestión dos procedementos.

ii. Actuacións específicas:

1) Mellorar na evolución do sistema de información electrónica de xestión de expedientes de reclamación patrimonial.

2) Mellorar na evolución do sistema de información electrónica do Portal de saúde en relación ao control e xestión da incapacidade temporal.

b) Programa de acreditación como dispositivo docente MIR da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria:

i. Obxectivo xeral: acreditar como parte do dispositivo docente MIR das EOXI as unidades de Saúde Laboral dos servizos de inspección de servizos sanitarios.

ii. Actuacións específicas: incorporar, de forma gradual, as unidades de Saúde Laboral como dispositivo docente MIR para os residentes de cuarto ano da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e impartir a mellor docencia para outorgar coñecementos básicos e concienciación en relación co control e xestión da prestación de incapacidade temporal.

c) Programa de desenvolvemento dunha plataforma centralizada de actas de inspección dixitalizadas para o persoal inspector de servizos sanitarios:

i. Obxectivo xeral: definir e implantar un programa electrónico de xestión de dixitalización de actas de inspección desenvolvidas polo persoal inspector de servizos sanitarios para unha mellor e efectiva xestión das actuacións.

ii. Actuacións específicas: definir un procedemento de dixitalización, verificación e validación de actas de inspección electrónicas e incorporalas a unha plataforma electrónica común centralizada de xestión.

d) Programa de avaliación e revisión continua do plan de inspección:

i. Obxectivo xeral: avaliar anualmente o cumprimento do plan e realizar a súa revisión para adaptar os procedementos, ou actuacións, aos posibles cambios de circunstancias ou necesidades específicas de cada momento, así como en relación aos propios resultados derivados da aplicación deles.

ii. Actuacións específicas: dentro do último mes de cada ano de vixencia do plan, realizarase unha avaliación das actuacións desenvolvidas e unha posta en común cos servizos de inspección de servizos sanitarios.