Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Mércores, 12 de febreiro de 2014 Páx. 5756

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 11 de febreiro de 2014 pola que se establecen as condicións dunha emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 500 millóns de euros.

Con base no artigo 37.3 da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, autorízase a persoa titular da Consellería de Facenda para formalizar operacións de endebedamento, mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outros instrumentos financeiros dispoñibles no mercado.

Así mesmo, no artigo 33 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal lle corresponderá, tamén, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade corresponde na actualidade á conselleira de Facenda en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta de Galicia, regulada polos decretos 227/2012, do 2 de xaneiro, e 235/2012, do 5 de decembro.

Mediante acordo do Consello de Ministros con data do 24 de xaneiro de 2014 outórgouse a autorización establecida no artigo 14.3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único

Autorízase unha emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia (a emisora) por un importe nominal de 500 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigas sénior, non garantidas e non subordinadas da Xunta de Galicia (as obrigacións), representadas mediante anotacións en conta, ao abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que se autoriza terá as características que se detallan a continuación:

Importe nominal da emisión: quinientos (500) millóns de euros.

Data da emisión e desembolso: 12 de febreiro de 2014.

Data de vencemento: 12 de decembro de 2016, con suxeición á convención de día hábil seguinte non axustado (following unadjusted).

Prezo de emisión por obriga: a par (100 % do importe nominal de cada obrigación).

Importe nominal de cada obriga: mil (1.000) euros.

Entidade colocadora: Banco Etcheverría.

Desembolso: o desembolso da emisión das obrigas será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso, coa intervención do Banco de España de acordo cos procedementos que este ten establecidos para os membros do mercado de débeda pública en anotacións.

Cupón: as obrigas devindicarán e o emisor pagará un cupón anual por períodos vencidos, os días 12 de febreiro de 2015, 12 de febreiro de 2016 e 12 de decembro de 2016, o tipo de xuro e conforme os períodos de devengo de cupóns referidos a continuación.

Cada período de devindicación de cupóns (conxuntamente, os «períodos de devindicación de cupóns») vai desde unha data de pagamento de cupóns (inclusive), á seguinte (excluída), no entendemento de que o primeiro período de devindicación de cupóns comezará na data de emisión e desembolso e o último finalizará na data de vencemento.

Convención de día hábil: cando calquera data de pagamento teña a consideración de inhábil no sistema TARGET2, ou aquel que poida substituílo no futuro, o pagamento dos cupóns e o reembolso pola amortización das obrigas efectuarase no día hábil seguinte segundo o calendario do dito sistema.

O teor dos valores non terá dereito a percibir xuros como consecuencia dese posible atraso.

Nos casos en que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención practicada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España quen xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño de 2004.

Cotización: as obrigacións estarán representadas mediante anotacións en conta e inscritas na Sociedade de Xestión de los Sistemas de Rexistro, Compensación y Liquidación de Valores, S.A. (Iberclear) e solicitarase a súa admisión a negociación no mercado de débeda pública en anotacións na forma prevista nos artigos 55 y seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, de mercado de valores, y nos demais preceptos legais aplicables na materia.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5 de la Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

Amortización das obrigas: as obrigas serán amortizadas na súa totalidade á par (100 % do importe nominal de cada obriga), na data de vencemento, o 12 de decembro de 2016.

Tipo de xuro: o tipo de xuro será o 1,89 % nominal anual.

Os xuros calcularanse sobre a base de cálculo «Act/Act», sen axuste ningún de cada período de devindicación de cupóns como resultado da convención de día hábil. Para tales efectos «Act/Act» ten o significado que se lle asigna nas definicións ISDA 2006 publicadas pola International Swaps and Derivatives Association.

Pagamento de xuros e amortización: o pagamento dos xuros e a amortización da débeda será realizada polo Banco de España, de acordo co establecido no convenio marco, con data do 7 de novembro de 2005, sobre prestación do servizo de tesouraría y do servizo financeiro da débeda pública.

Lei aplicable: as obrigas e todas as cuestións que se deriven ou garden relación coas obrigas rexeranse e interpretaranse de conformidade coas leis españolas.

Xurisdición: os xuíces e tribunais da cidade de Santiago de Compostela teñen xurisdición exclusiva para resolver calquera disputa que xurda ou estea relacionada coas obrigacións.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2014

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda