Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 11 de febreiro de 2014 Páx. 5680

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO da Mesa do Parlamento de Galicia do 4 de xaneiro de 2014 polo que se aproba a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de xefe ou xefa do Servizo de Publicacións da Administración do Parlamento de Galicia.

Ao abeiro do establecido no artigo 29 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, a Mesa do Parlamento, na súa reunión do 4 de xaneiro de 2014, acordou aprobar a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de xefe ou xefa do Servizo de Publicacións da Administración do Parlamento de Galicia, consonte as seguintes bases:

Primeira. Apróbase a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe ou xefa do Servizo de Publicacións da Administración do Parlamento de Galicia, código AP42 da relación de postos de traballo do persoal da Administración do Parlamento de Galicia.

As características do posto son as seguintes:

1. Grupo de titulación: A.

2. Nivel de complemento de destino: 28.

3. Complemento específico: 29.505,70 euros.

4. Centro directivo: Dirección de Xestión Parlamentaria do Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela.

Segunda. Poderán concorrer á convocatoria os funcionarios e as funcionarias de carreira de calquera das administracións públicas pertencentes ao grupo A.

Terceira. O persoal funcionario interesado poderá presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, rúa do Hórreo nº 63 en Santiago de Compostela, no prazo de quince días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, na cal deixará constancia dos datos do posto que viñese desempeñando e dos méritos que desexe alegar.

Para participar nesta convocatoria solicítase que a persoa interesada formalice a petición de acordo co modelo que se inclúe no anexo.

Os aspirantes deberán achegar á súa petición un currículum vítae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos alegados.

Cuarta. A resolución desta convocatoria farase pública no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia. De se considerar oportuno, poderá declararse que non procede a cobertura do posto de traballo.

Quinta. O prazo de toma de posesión da persoa seleccionada será de tres días hábiles, de estar o destino anterior na mesma localidade, ou dun mes, se está en localidade distinta ou comporta o reingreso no servizo activo.

O prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte ao do cesamento nese destino, se é o caso, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia da resolución da libre designación.

Se a resolución comporta o reingreso no servizo activo, o prazo de toma de posesión comezará a contar desde a data seguinte á súa publicación.

Sexta. Contra o acordo polo que se aproba esta convocatoria, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer, potestativamente, recurso de reposición perante a Mesa do Parlamento no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, ou poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2014

Pilar Rojo Noguera
Presidenta

missing image file