Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 11 de febreiro de 2014 Páx. 5642

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2014 pola que se convoca un curso sobre monitores de formación en educación viaria.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia, derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre monitores de formación en educación viaria con 2 edicións, conforme ás seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Monitores de formación en educación viaria

Modalidade

Presencial

Edicións

2

Horas lectivas

16

Prazas por edición

27

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos: adquirir a formación necesaria para poder colaborar na educación viaria dos escolares.

Contido:

• A seguridade viaria e a educación viaria. Os recursos pedagóxicos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

• Os alumnos de educación primaria: a etapa de 3 a 6 anos. A etapa de 7 a 10 anos.

• A circulación de peóns: normas e medidas de seguridade viaria.

• A circulación de ciclistas: normas e medidas de seguridade viaria.

• Os viaxeiros no transporte público: normas e medidas de seguridade viaria.

• Os sinais de circulación: do persoal de protección civil e sinais verticais.

• O cinto de seguridade e o casco: normas e medidas de seguridade viaria.

• Planificación dunha actividade formativa. Distribución das áreas temáticas por grupos de traballo: o neno como peón, o neno como usuario de vehículo privado, o neno como usuario do transporte público, o neno como ciclista.

• Visualización dunha sesión real. A súa análise.

• Realización e análise dos traballos dos grupos nas distintas temáticas. Simulacións.

• Realización dunha clase.

3. Destinatarios/as e requisitos de participación.

Destinatarios/as: persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil, profesionais dos servizos municipais de protección civil e emerxencias e membros dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES).

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Requisitos de participación: os/as solicitantes deben ter superado con anterioridade o curso sobre accidentes en estrada, e terán preferencia os/as que o fixeron no ano 2013 ou anteriores. Quedan exceptuados deste requisito os/as integrantes dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

Datas:

Edición

Datas

13 e 14 de maio

15 e 16 de outubro

Horario: mañá e tarde.

Uniformidade: é obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Uso da residencia: os/as alumnos/as poderán solicitar aloxamento na residencia da Agasp, sempre que se cumpran todas as condicións seguintes:

• Que o curso se realice entre luns e venres.

• Que o/a alumno/a teña a súa residencia a máis de 80 km da Agasp.

• Que haxa habitacións dispoñibles.

Normas de comportamento: non se permitirá que o alumnado realice fotografías ou calquera tipo de gravación audiovisual do desenvolvemento do curso.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) Prazos para a presentación de solicitudes:

• 1ª edición: 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

• 2ª edición: do 1 de xuño ao 31 de xullo de 2014.

Se o último día de calquera dos dous prazos é inhábil, entenderanse prorrogados ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

6.1. Dentro dos colectivos destinatarios do curso terán preferencia na selección as persoas de maior rango xerárquico.

6.2. Nas agrupacións de voluntarios de protección civil terán preferencia as persoas en activo fronte ás reservas.

6.3. Na selección dentro de cada un dos grupos mencionados nos puntos anteriores reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

6.4. Así mesmo, nas agrupacións de voluntarios de protección civil terán preferencia as persoas con maior número de horas de operativos no ano 2013 e as persoas que teñan máis antigüidade como voluntarias de protección civil.

6.5. Se despois de aplicar os criterios anteriores hai empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web, http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base número 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose de forma disciplinaria, no caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a falta ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. Non obstante, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a xefatura de ensino propoñerá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso.

10. Certificado de aproveitamento.

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

12. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 5 de febreiro de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública