Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 11 de febreiro de 2014 Páx. 5667

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifican as bases e se abre un novo prazo de presentación de solicitudes ao establecido na Orde do 21 de xaneiro de 2014 (Diario Oficial de Galicia número 14, do 22 de xaneiro), pola que se anuncia a convocatoria pública para a cobertura da praza de directora do Centro de Recuperación Integral de Mulleres que Sofren Violencia de Xénero.

O 10 de febreiro de 2014, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia presentou recurso de reposición contra as bases reguladoras da convocatoria de selección para o posto de directora do Centro de Recuperación Integral de Mulleres que Sofren Violencia de Xénero. Mediante o devandito recurso solicítase a inclusión do título de psicoloxía como válido para a admisión ao proceso selectivo alegando, fundamentalmente, o seguinte:

Primeiro. Que, de acordo co Real decreto 1954/1994, do 30 de setembro, a licenciatura de Psicoloxía se integraba na rama de Ciencias Sociais e Xurídicas e, polo tanto, deberían ser admitidas as probas de selección.

Segundo. Que, con posterioridade, o Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais dispón no seu artigo 12 que os plans de estudos para a obtención do título de Grao serán elaborados polas universidades e verificados de acordo co establecido no propio real decreto, e que a universidade proporá a adscrición do correspondente título de graduado ou graduada a algunha das seguintes ramas de coñecemento: a) Artes e Humanidades; b) Ciencias; c) Ciencias da Saúde; d) Ciencias Sociais e Xurídicas; e) Enxeñaría e Arquitectura.

Terceiro. Que na mesma norma, a súa disposición adicional cuarta, relativa aos efectos dos títulos universitarios oficiais correspondentes á anterior ordenación, sinala que os títulos universitarios oficiais obtidos conforme a plans de estudo anteriores á entrada en vigor dese real decreto manterán todos os seus efectos académicos e, se é o caso, profesionais.

As mencionadas circunstancias, relativas á integración dos estudos de psicoloxía en distintas ramas de coñecemento, dependendo do momento, así como o feito de que cada universidade dispoña actualmente de liberdade para encadrar os estudos de psicoloxía entre as Ciencias da Saúde ou entre as Ciencias Sociais e Xurídicas, determinan que, por razóns de seguridade xurídica e de asegurar unha interpretación uniforme das bases, proceda á modificación das mesmas.

A dita modificación atópase na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade:

http://igualdade.xunta.es

Como consecuencia do anterior, ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes que será de cinco (5) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde para as persoas interesadas que estean en posesión da titulación en psicoloxía.

En relación coas solicitudes xa presentadas e excluídas provisionalmente con base unicamente no motivo da titulación de psicoloxía, a estimación do recurso anteriormente mencionado, conleva a revogación da indicada exclusión e a súa admisión sen máis trámite.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza