Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2014 Páx. 5039

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2014 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello Reitor desta axencia, do 14 de outubro de 2013, polo que se aproba a delegación de competencias en materia de resolución de expedientes sancionadores por infraccións tipificadas como moi graves na normativa reguladora de estradas.

Por proposta do presidente da Axencia Galega de Infraestruturas e consultada a Asesoría Xurídica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas na súa reunión do 14 de outubro de 2013 adoptou o seguinte acordo:

ACORDO:

Apróbase por unanimidade delegar as competencias para o exercicio da potestade sancionadora en caso de infraccións tipificadas como moi graves na normativa reguladora de estradas na persoa titular da Dirección da Axencia.

Visto o acordo do Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas na súa reunión do 14 de outubro de 2013, relativo á delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Axencia, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución para os efectos da súa entrada en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2014

Agustín Hernández-Fernández de Rojas
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO
Acordo do Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas de
delegación da competencia para o exercicio da potestade sancionadora en
caso de infraccións cualificadas como moi graves na normativa
reguladora de estradas

1. A partir do día 14 de outubro será de aplicación a nova Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia. Esta, no seu artigo 71.3, establece que o exercicio da potestade sancionadora lles corresponde aos órganos administrativos aos cales a Administración lles atribúa expresamente a competencia para a iniciación, instrución e resolución dos expedientes correspondentes.

2. De acordo co establecido no Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas, este ente ten atribuída a función de xestión dos expedientes sancionadores por comisión de infraccións tipificadas na normativa de estradas (artigo 7). O estatuto citado atribúelle á Dirección da Axencia expresamente o exercicio da potestade sancionadora respecto das infraccións leves e graves.

3. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia ao cal lle corresponde o exercicio da potestade sancionadora no caso de infraccións cualificadas como moi graves na normativa reguladora de estradas. Porén, considerando a natureza e composición deste órgano, considérase conveniente, para os efectos dunha maior axilidade e eficacia atribuír aquela competencia á Dirección da Axencia.

Polo exposto, e ao abeiro do previsto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas acorda delegar na persoa titular da Dirección a competencia para o exercicio da potestade sancionadora en caso de infraccións cualificadas como moi graves na normativa reguladora de estradas.